venres, 20 de xuño de 2025

RECOMENDACIÓNS DE CORA PARA O VERÁN

Chegou o final doutro curso máis e xa temos o verán ás portas. 

O Equipo da biblioteca espera que o tiverades pasado moi ben ao longo deste ano, pero agora xa é tempo de gozar das tan merecidas e agardadas vacacións.

Coma sempre, Cora quere deixarvos aquí as súas recomendacións para que tamén poidades pasar parte dese tempo acompañadas e acompañados dun bo libro.

Aquí vos quedan e ...

Feliz verán!

martes, 17 de xuño de 2025

AVALIACIÓN DOS CLUBS DE LECTURA 24-25

Despois de participar no club de lectura pedímosvos que avaliedes o seu funcionamento. Para iso deberedes cubrir a enquisa que vos deixamos abaixo respondendo con sinceridade a todas as cuestións.

Premede na imaxe que corresponde ao voso curso, marcade en cada apartado a opción que consideredes máis axeitada e dádelle a enviar.


martes, 20 de maio de 2025

CHARLA CEREBRO E PANTALLAS

O vindeiro martes, día 27 de maio, terá lugar a charla gratuíta para familias e profesorado, que impartirá María Couso, baixo o título "Cerebro e pantallas", e que foi adiada a causa do apagón do pasado mes de abril.

A actividade terá lugar no salón de actos do Manuel Padín Truiteiro a partir das 17:30 horas.

Se non vos anotastes, aínda estades a tempo de facelo.

Picade na imaxe para acceder.

luns, 12 de maio de 2025

CANTAREIRAS


Neste ano, no que lle dedicamos o Día das Letras Galegas precisamente ás cantareiras e á nosa poesía oral,  as nenas e nenos de 4ºA recibiron hoxe na biblioteca a Vanesa Cortegoso, a nai de Olivia, que lles veu facer unha demostración de como cantar e tocar a pandeireta.

Todas e todos tiveron a oportunidade de tentalo e descubriron que era moito máis difícil do que parece, pero estamos seguras de que a máis de un lle quedaron ganas de seguir probando.

Mo itas grazas, Vanesa!

AVALIACIÓN BIBLIOTECA

Como a Biblioteca é un pouquiño de todas e todos, un ano máis pedímosvos que avaliedes o seu funcionamento. Para iso deberedes cubrir a enquisa que vos deixamos abaixo respondendo con sinceridade a todas as cuestións.

Premede na imaxe, marcade a opción que consideredes máis axeitada e dádelle a enviar. Tendes de prazo ata o venres, día 30 de maio.


Moitas grazas pola vosa colaboración!

luns, 5 de maio de 2025

5 DE MAIO, DÍA DA HIXIENE DE MANS


A Organización Mundial da Saúde (OMS) lanza cada ano a campaña “Salva Vidas: Limpa as túas mans”, que ten por finalidade concienciar sobre a importancia da hixiene das mans no coidado da saúde.

Para conmemorar O Día Mundial da Hixiene de Mans, esta mañá estiveron no noso cole Paula e Andrea, enfermeiras de pediatría no centro de saúde de Arcade, que lles falaron ao alumnado de 1º de primaria da necesidade de realizar un correcto lavado de mans.

As dúas ofrecéronnos unha formación práctica e divertida de como previr infeccións e evitar o contaxio e popagación de virus e bacterias.

Ademais, ao rematar a sesión, deixáronnos un agasallo para todo o alumnado.

Moitas grazas a Paula e Andrea e ao Servizo Público de Saúde pola iniciativa destas campañas de concienciación!

venres, 25 de abril de 2025

MARÍA, CATRO NOTAS PARA UNHA VIDA

Esta mañá os participantes no club de lectura de 5º e 6º tiveron a oportunidade de asistir á obra teatro-musical María, catro notas para unha vida.

A representación estivo a cargo de Andrea Castro, no papel de María Casares, e o cuarteto Vagalume.

En conxunto realizaron unha magnífica aproximación á biografía e carreira artística da actriz galega María Casares a través dunha peza do máis pedagóxica e que gustou moito, tanto ao público infantil como ao profesorado acompañante.

xoves, 24 de abril de 2025

RECEPCIÓN DE 4ºA NA BIBLIOTECA LUÍS SEOANE

Esta mañá as nenas e nenos de 4ºA foron recibidos na Biblioteca Luís Seoane para ser parabenizados pola fermoso traballo exposto nas últimas semanas e que tivo tan boa acollida de público.

Tamén charlaron con Mar e escoitaron as fermosas historias que ela sempre sabe contar tan ben.

Foi unha bonita experiencia que esperamos que sirva para seguir amando a lectura e as bibliotecas, fogar dos libros.

mércores, 23 de abril de 2025

23 DE ABRIL, DÍA DO LIBRO

“... viaxar a lugares inexplorados, sentir a pulsión do desexo, tremer en seguranza cun medo convulso, notar nos beizos o sabor dos labios amados... abrir un libro!”.

Manuel Núñez Singala

Ler un libro permítenos vivir mil aventuras sen saír do sitio. Cadaquén pode escoller a temática que máis lle atraia e deixarse levar sen esforzo.

E para facilitarvos a escolla dalgunha desas portas polas que adentrarse a outros mundos, posibles ou imposibles, este 23 de abril, como cada ano, propuxemos a actividade de Adopta un Libro. A finalidade desta proposta é a de darlles unha segunda vida a todas aquelas obras que, por falta de espazo, necesitamos expurgar da biblioteca.


LEDICIA COSTAS E O NENO DE LUME



O alumnado de 6º de primaria celebrou o Día do Libro da mellor maneira posible: recibindo a visita de Ledicia Costas, unha das autoras máis recoñecidas e traducidas da literatura galega.

Ledicia é moi estimada no noso cole e xa case unha habitual da nosa biblioteca.

Este ano as rapazas e rapaces de 6º leron a súa obra O neno de Lume, Premio Merlín de Literatura 2021, un libro que nos adentra nun novo universo imaxinativo da nosa querida autora e sobre o que conversaron con ela antes da xa tradicional sinatura de exemplares.

venres, 11 de abril de 2025

OS CAMIÑOS DO BOSQUE

Onte impartiuse no espazo infantil da biblioteca escolar un obradoiro literario ofrecido pola xornalista e especialista en literatura infantil Sonia Hermida, baixo o título de Os Camiños do Bosque.

Tras contarnos distintas versións do conto de Carapuchiña Vermella, o protagonismo pasou ás nenas e nenos asistentes e ás súas familias. Entre todas e todos crearon, con diferentes elementos recollidos da natureza, un mundo máxico enlazado con diversos camiños a través dos que imaxinar e contar historias.

Dado o interese e boa acollida da actividade por parte das familias, organizáronse dúas quendas de asistencia na franxa horaria das 16:15 ás 20:00 horas da tarde.

Desde a Biblioteca esperamos que tiverades gozado coa actividade, pensada para que as nenas e nenos compartan un tempo de xogo coas súas familias.

xoves, 10 de abril de 2025

VISITA Á BIBLIOTECA LUÍS SEOANE

 Esta mañá, seguindo co programa de colaboración entre a nosa biblioteca e a entidade pública, o alumnado de 3º de primaria visitou a Biblioteca Municipal Luís Seoane.

Coma sempre, a acollida por parte de Patri, a bibliotecaria titular, e Mar, colaboradora habitual das actividades culturais, foi do mellorciño. O noso alumnado pasouno xenial e regresou feliz ao cole.

Moitas grazas por todas as atencións e polo voso bo trato sempre!

CREAMOS POESÍA NO CLUB DE LECTURA

O alumnado participante no club de lectura Compartindo Aventura de 5º de primaria tivo ocasión de realizar hoxe unha actividade de poesía creativa co escritor Anxo Iglesias.

Despois de ler e traballar o libro poético Unha nova dimensión, Premio Merlín de Literatura Infantil 2022, Anxo Iglesias acudiu a un encontro coa rapazada na biblioteca escolar, no que imaxinaron, crearon, cantaron... e pasárono xenial!

Foi todo un pracer contar coa súa visita e o alumnado quedou encantado.

Esperamos volver recibilo en vindeiras ocasións!

luns, 7 de abril de 2025

EXPOSICIÓN DE 4ºA NA BIBLIOTECA LUÍS SEOANE

A Biblioteca Municipal Luís Seoane acolle desde hoxe a exposición Benvidos ao meu libro do alumnado de 4ºA de primaria.

Se aínda non tivestes ocasión de visitala, recomendámosvos que o fagades e que convidedes aos vosos familiares e amigos a facelo.

A exposición prolongarase ata despois de Semana Santa e paga moito a pena.

Animádevos a visitala e a deixarlles unha valoración no libro de visitas.

venres, 4 de abril de 2025

HÁBITOS SAUDABLES

Hoxe estivo de novo con nós, Claudia, a mamá de Amelia e Zoe, nesta ocasión para falar co alumnado de 4º sobre os hábitos saudables e a importancia dunha boa alimentación.

Fixo unha exposición moi interesante e as nenas e nenos remataron a sesión cunha actividade práctica.

Moitísimas grazas, Claudia!