venres, 27 de novembro de 2026

Nova entrega de ciencia: un volcań de cores e pintar en auga!

Neste mes da Ciencia en Galego a nosa biblioteca está animadísima!!! Respira ciencia polas catro paredes. Desta volta, a cativada de 4º de Infantil recibiu cos brazos abertos a Andrea, nai de Valeria!!!

Andrea agasallou á rapazada con dous experimentos. O primeiro deles foi o volcán, que tras a combinación duns ingredientes que reaccionan entre sí, como son o vinagre, o bicarbonato e o xabón líquido, aos que engadiremos colorantes alimenticios, deu como resultado unha explosión moi colorida.

Despois do volcán, fixo unha demostración sobre como pintar en auga. Para isto precisamos: un plato, un rotulador, unha pipeta e auga, que usamos da seguinte maneira: fixemos un debuxo co rotulador; botámoslle agua arredor, deixamos reposar e seguimos engadindo auga polos laterais ata ver o nosos debuxo moverse!!!

 



Parece maxia pero non o é. O certo é que as leis da física teñe unha explicación. A clave está na tinta do rotulador, que é moi fácil de despegar. Esta tinta non é soluble, polo que non se mistura coa auga, quen á súa vez xera unha forza que empurra a tinta cara arriba e iso fai que teñamos o noso debuxo flotando.

 

Agradecemos de todo corazón esta colaboración e estas visitas tan motivadoras para o alumnado!!! Grazas!!!

 

mércores, 25 de novembro de 2026

Cora Suxire... Lecturas polo 25 N

Neste 25 N, Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller, Cora suxire lecturas coas que poder traballar a nosa autoestima e confianza, a nosa valentía... 

Ademais, nalgunha delas atoparemos exemplos do que non debe ser, así como posibles solucións. Todas elas axudarannos a identificar esta realidade na vida real e a ter ferramentas para poder actuar ante ela.

De non precisar esas ferramentas, estas lecturas servirán para facer persoas máis empáticas e sensibles, polo que lendo, sempre saímos gañando.

Pasade pola biblio a pola vosa lectura!

venres, 20 de novembro de 2026

Experimento de mans de Adriana: A torre das densidades

Onte pasou pola nosa biblioteca, para conmemorar o mes da ciencia en galego, Adriana, mamá de Camino e Inés, quen preparou un experimento para 4º de EI, que levaba por título A torre das densidades.

 

Nun vaso de tubo foron botando mel, xabón líquido, auga con cor, alcol e aceite. ademáis, botaron pequenos obxectos que flotaban en cada un dos niveis (cera, uvas, moedas...) 

Resultou moi visual e ilustrativo. Agradecemos a Adriana a súa colaboración!

Unha doutora no cole!

Esta mañá o alumnado de 2º A recibiu con moita ilusión á nai de Claudia, que viu falar do seu traballo como doutora. Explicou en que consistían moitas das súas tarefas, revolveu dúbidas e fixo unha demostración práctica: trouxo un fonendoscopio, para escoitar o corazón e os pulmóns.

  

Asemade, a rapazada tivo tempo de poñer en práctica as súas habilidades para facer vendaxes.


Como podedes ver, esta xente ten futuro!!! Xa só nos queda dar GRAZAS á mamá de Claudia, por achegar a ciencia á biblioteca e ao noso alumnado; porque unha imaxe vale máis que mil palabras, e unha demostración práctica tamén!

xoves, 19 de novembro de 2026

O alumando de 1º Visita a Biblioteca Municipal

Desta vez foi o turno da rapazada de 1º quen hoxe tivo a sorte de visitar a Biblioteca Municipal Luis Seoane. Alí agardaban, Patricia e o seu equipo, e a Silvia, a Concelleira de Cultura, que agardaban con sorpresas para o noso alumnado. 

  
Mar, foi a encargada da animación, guiándonos polos rincóns da biblio e facéndonos rir cunha selección de lecturas pensada para a ocasión.


 
 
 
Ao finalizar a visita, a rapazada recibiu un libro de agasallo, acompañado do seu marcapáxinas e a correspondente solicitude de carné de Lector e Lectora, co que poderán seguir asistindo a biblioteca para retirar libros e participar nas actividades que organizan.

Para rematar, queremos dar grazas á equipa da Biblioteca e a concelleira por tratar tan ben ao noso alumnado!

Experimento do fluído non newtoniano da man de Verónica


Na mañá de onte o alumnado de 5º de Educación Infantil recibiu cos brazos abertos a Verónica, a mamá de Alma, que viu a agasallalos cun EXPERIMENTO!!!

Como sabedes é o mes da ciencia en galego e na nosa biblioteca está habendo moita actividade. Nesta ocasión Verónica fíxolles unha demostración de como funciona o fluído non newtoniano. Trátase de fluídos que teñen unha viscosidade variable, que lles permite amoldarse a calquera tipo de presión, polo que o seu comportamento é bastante impredecible, poden comportarse como sólidos ou como líquidos.

               

 

Nas seguintes fotografías podedes comprobar o ben que lles saiu e o ben que o pasaron. Obxectivo conseguido!!!! Xa só nos queda AGRADECER esta colaboración, porque sempre é divertido ter visita no colo, pero se quen nos visita é a familia o día é aínda máis emocionante!!!

mércores, 18 de novembro de 2026

Coñecemos a Ivana Gómez Abuín

Imos á Biblio?? Onte o alumnado de 5º de Educación Primaria foi de visita á Biblioteca Municipal Luis seoane. alí agardaba a autora Ivana Gómez Abuín, gañadora en maio de 2026, do Premio Merlín de Literatura Infantil coa súa obra A banda da albóndega e o segredo afundido de Areleira.

O libro conta as aventuras dun grupo de amigos que deciden crear un equipo de investigación na súa vila costeira. Coa axuda dalgúns veciños, a cuadrilla consegue resolver un misterio oculto e, ao mesmo tempo, recuperar parte da memoria histórica da súa vila.

Despois de coñecer un pouco mellor a historia e poñerse en contexto, o alumnado participou nunha actividade coa autora inspirada no libro. Decoraron pratos de cartón seguindo o estilo da cerámica de Sargadelos e empregaron un alfabeto especial para escribir mensaxes ocultas, tal e como fan os protagonistas da historia.

 





Para rematar, o equipo da biblioteca municipal agasallou a cada neno e nena cun libro e animounos a facerse o carné da biblioteca, co que poderán solicitar o préstamo de libros, revistas e películas. Agardamos que así sexa!!!

xoves, 12 de novembro de 2026

A biblioteca énchesde Ciencia en galego!

No ano 2001 a UNESCO declarou o 10 de novembro como Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento

Por este motivo, desde hai oito anos o profesorado de Galicia comezou a celebrar en novembro o Mes da Ciencia en Galego. O obxectivo desta conmemoración é o de mostrar que a lingua galega é útil e tan válida como calquera outra para facer pescuda, ensino e divulgación científica.

Pola nosa banda, Cora fixo a súa selección de lecturas para tal ocasión. Vinde á biblio a botar un ollo, seguro que atopades algo do vosos gusto!


 

Contadas de Samaín

Na nosa escola non hai nada máis tradicional que as Contadas de Samaín, nas que a rapazada dos cursos superiores amosan o aprendido e a madurez adquirida ao longo da súa escolarización, preparando con esmero e seriedade contadas de Samaín para o alumnado máis cativo.

A todos nos chega ese momento na escola, no que nos facemos maiores e nos toca seguir a estela dos que marcharon. Desta forma agradecemos tamén o tempo e o cariño que invertiron en nós as anteriores xeracións.

E sen máis romanticismo... A rapazada de 4º, 5º e 6º deleitaron ás compañeiras e compañeiros de Infantil e do 1º ciclo de primaria cunha terrorífica selección de contos, que teatralizaron con moita soltura!

     


xoves, 5 de novembro de 2026

Mochilas e Bolsas Viaxeiras!!!


Se aínda non vos visitaron, sabede que pronto o farán. Xa están en marcha as mochilas e bolsas viaxeiras! Van cargdas de lecturas!!! 

O alumnado de Educación Infantil leva bolsa viaxeira. 

 

 O alumnado de Educación Primaria leva Mochila Viaxeira.

 

 

 Lede e gozade das lecturas e do tempo xuntos!

Nova tempada de Radio Negueirós!

Atención! Estreamos nova tempada de Radio Negueirós, a radio que fala coma nós. Seguídenos e estaredes ben informados do que pasa na nosa escola.

Neste episodio, o alumnado de 6º dedica o programa á conmemoración de Samaín, comparten datos curiosos, adiviñas e... unha historia de medo!!!!

             

Agardamos que vos guste!

mércores, 4 de novembro de 2026

Club de Lectura de Alumnado!

Arrancou o Club de Lectura Compartindo Aventura para o alumnado de 4º e 5º de primaria e de 6º de primaria.

Os de 4º e 5º reúnense quincenalmente cada luns.

Na 1ª sesión compartiron conversa sobre gustos literarios, así como sobre os motivos que os levaban a participar no club. Logo escollemos a lectura coa que queriamos comezar e, xa na casa, decoraron as portadas das súas libretas de notas. Amelia fixo un precioso acróstico sobre o que significa para ela pertencer a un club de lectura. 


Este luns celebramos unha 2ª sesión para debater sobre o libro Neko, unha obra sobre un tema moi serio, o maltrato e a violencia contra as mulleres, aínda que con toques de humor e moita tenrura. 

                      

A este grupiño xeitoso dámoslle as grazas por participar e desexámoslles Felices Lecturas!!!

venres, 30 de outubro de 2026

Arranca o Club de Lectura!!!!

Dende que abriu as súas portas a nosa biblioteca está imparable. Na tarde do xoves acolleu as participantes no club de lectura de persoas adultas!!!

As participantes, acompañadas da moderadora, mantiveron unha animada charla sobre as súas experiencias lectoras: libros lidos, participación noutros clubs de lectura, preferencias lectoras, e o máis importante, a súa relación coa lectura ao longo da vida (de nenas, de adultas, na escola, coas fillas e fillos, etc.)

Seguidamente pasaron a elixir a primeira lectura deste curso, que será... 

 

Agardamos que lles guste!!! 

Ah, e xa temos nome para o Club: Mouchiñas Lectoras! Que vos parece?

xoves, 29 de outubro de 2026

Teatro en Samaín

O mércores 28, o alumnado de 1º e 2º de primaria tivo a sorte de asistir a unha obra de teatro na biblioteca.

                                        

Esta pequena e terrorífica peza teatral foi interpretada por un grupo de nais (Lucía, Yoli, Lorena e Cris), que o fixeron de MEDO!!!!!!!!

A obra titúlase: As catro Monstros e é unha idea orixinal de Cris. Aquí podedes vela e comprobar o moitísimo que gozou a rapazada.


Agradecemos de todo corazón esta colaboración tan divertida!!!!

martes, 27 de outubro de 2026

Día das bibliotecas

Recén celebrado o día das bibliotecas, o pasado 24 de outubro, hoxe o alumnado de 6º pasou unha sesión na biblio.

Acompañados do Teacher, fixeron uso da radio. Mentres uns gravan outros practican.

 

Teñen entre mans unha actividade internivel. Os maiores gravan para os compis doutros niveis unhas adiviñas en inglés, relativas a Halloween e as súas critaturas... 

Agradecemos que veñan facer uso da biblioteca e as súas ferramentas!!!