mércores, 12 de maio de 2021

AVALIACIÓN BIBLIOTECA

Dado que a Biblioteca é un pouquiño de todas e todos, tamén tendes dereito a facer unha avaliación do seu funcionamento. Para iso pedímosvos que cubrades a enquisa que vos deixamos abaixo respondendo con sinceridade a todas as cuestións.

A intención da mesma é que nos fagades saber aquelas cousas que vos parece que están funcionando ben e aqueles outros aspectos nos que pensades que podemos mellorar.

As vosas suxestións serán tidas en conta para que, de cara ao próximo curso, a Biblioteca poida adaptarse e dar mellor resposta a todas as vosas necesidades.

Premede na imaxe, marcade en cada apartado a opción que consideredes máis axeitada e dádelle a enviar. Tendes de prazo ata o venres, día 28 de maio.

Moitas grazas pola vosa colaboración!

venres, 7 de maio de 2021

XELA ARIAS NAS LETRAS GALEGAS 2021

Comezamos o mes de maio e achegámonos á celebración do día grande da nosa lingua, o Día das Letras Galegas.

Desde aquel primeiro 17 de maio de 1963, cando se homenaxeou a figura da nosa Rosalía nos 100 anos da publicación dos seus Cantares Gallegos, só outras tres mulleres máis foron recoñecidas neste sinalado día. Mais este ano a protagonista é novamente unha escritora: Xela Arias.

Xela Arias  foi unha muller comprometida coa defensa da paz, a xustiza, o medio ambiente  e a igualdade entre mulleres e homes. Polo seu inmenso traballo como editora, tradutora e sobre todo  como poeta excepcional, merece ese lugar especial na historia da nosa lingua e da nosa literatura.

Para empezar a coñecela e comprobar canto sabedes sobre esta xenial escritora, en colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega propoñémosvos xogar cuns Pasapalabra. Con eles poderedes poñer a proba os vosos coñecementos sobre esta figura das nosas letras. Seguro que xa son moitos. Así que...

Ánimo e a comezar!

domingo, 2 de maio de 2021

CELEBRACIÓN DO DÍA DO LIBRO

 Dende a biblioteca queremos felicitarvos a todas e todos polas vosas achegas para celebrar o Día do libro. Mais queremos agradecer especialmente a participación das familias. A biblioteca pretende ser un lugar aberto a toda a comunidade educativa, no que todas e todos, ademais de aprender, vos sintades libres de expresar e compartir ideas, emocións, suxestións...

Deixámosvos a continuación un pequeno vídeo desas familias participantes.

Esperamos seguir contando con todas elas e con moitas máis en vindeiras ocasións.

MOITAS GRAZAS!