xoves, 25 de xuño de 2026

DESPEDIMOS O CURSO

Chegamos ao fin deste curso e Lara e Ian foron nesta ocasión os encargados de darnos a despedida e desexarnos a todas e todos un feliz verán a través das ondas de Radio Negueirós.

Xa podedes acceder ao programa na nosa lapela de Radio.

Feliz verán!

mércores, 24 de xuño de 2026

LECTURAS PARA O VERÁN

Remata un curso máis e chega de novo o verán, as vacacións, o tempo libre...

Desde a Biblioteca, coma sempre, queremos animarvos a pasar parte dese tempo cun bo libro nas mans.  

Deixámosvos a continuación a selección que fixo Cora pensando en todas e todos vós. Lembrade que se queredes saber máis de cada título só tendes que clicar na imaxe.

Bo verán e felices lecturas!

Vémonos en setembro!

venres, 19 de xuño de 2026

NOVO GAÑADOR DO CONCURSO DE RADIO

E aquí tendes o gañador do noso último concurso de radio: Markel Morán Couto, de 6ºB de primaria. Parabéns!

Con el despedimos por este curso esta sección tan agardada dos nosos programas de radio, pero...

En setembro voltamos!

mércores, 17 de xuño de 2026

HISTORIAS, RISAS E ILUSTRACIÓNS

Este ano o alumnado de 5º de primaria leu o libro Milú e o edificio das persoas extraordinarias, de Abel Tomé.

Como nesta ocasión non foi posible recibir a visita do autor, hoxe o alumnado gozou dunha sorpresa moi especial, un encontro co contacontos e ilustrador Benxamín Míguez.

Benxamín, recoñecido narrador, ilustrador e animador sociocultural, ademais de mestre, conversou coa rapazada sobre a lectura de Milú e despois fixo rir e viaxar ao alumnado cunha fantástica historia chea de poderes máxicos e moita imaxinación.

Moitas grazas por agasallarnos cunha xornada tan divertida!

sábado, 13 de xuño de 2026

HISTORIAS QUE CHEGARON AO NOSO CONCELLO II

Seguimos coa rolda de entrevistas ás familias do noso alumnado inmigrante. O pasado 4 de xuño foron Diego, Avril. Carlos e Sabela, de 5º de primaria, os encargados de conversar con varias mamás da nosa comunidade educativa.

Claudia, Eliana, Andrea, Marlene e Anisleidy ofrecéronnos un novo programa moi emotivo no que nos falaron das súas experiencias antes e despois da saída dos seus países de orixe: perdas, ilusións, morriña, recordos, plans de futuro...

Para as que non tivestes ocasión de escoitalas en directo, xa podedes acceder ao programa na nosa lapela de Radio Negueirós.

venres, 12 de xuño de 2026

DESPEDIMOS O CLUB DE LECTURA EN 5º

A aventura do club de lectura chegou ao seu fin en 5º de primaria.

Hoxe tocou xornada de despedida e as integrantes recibiron un pequeno agasallo como lembranza do seu paso por este Compartindo Aventura no que participaron ao longo deste curso, partillando historias, sentimentos, emocións, xogos e risas.

Esperamos vervos de novo o vindeiro curso!

mércores, 10 de xuño de 2026

EXPOSICIÓN DO PROXECTO EN INFANTIL

O alumnado de 6º de infantil demostrounos esta mañá que os peques tamén saben facer unha magnífica exposición do traballo realizado ao longo de todo o curso.

Despois de ter estudado moitas cousas sobre o Reino Unido, hoxe quixeron compartir con nós parte do aprendido grazas ao proxecto de A viaxe que nos une.

Fixérono xenial! Parabéns a todas e todos!

mércores, 3 de xuño de 2026

COMPARTINDO AVENTURA FINAL EN 6º

O club de lectura Compartindo Aventura de 6º puxo hoxe punto e final a este curso cunha actividade do máis amena e divertida co mestre e poeta Anxo Iglesias.

Despois de ler Tacón, punta, tacón e Unha nova dimensión, o alumnado de 6ºB compartiu unha mañá moi especial co seu autor.

Durante o encontro, a rapazada descubriu que a poesía non ten por que ser aburrida, senón que pode convertirse nun xogo marabilloso de palabras "patas arriba", ritmos e aturuxos.

Conversaron co autor sobre identidade, mulleres bravas, fixeron rimas, divertidos equilibrios coas palabras que compoñen o libro... e acabaron traballando poesía, incluso do xeito máis sorprendente e incrible: coa retransmisión dalgunha das mellores xogadas do Celta de Vigo. Podedes crelo?

Coma sempre, foi un verdadeiro pracer recibir a Anxo Iglesias e partillar con el momentos inesquecibles.

Moitas grazas pola túa visita, polo teu dinamismo, pola túa proximidade e, sobre todo, por contaxiarnos a túa paixón pola lectura en galego! 

martes, 2 de xuño de 2026

LIBROS, TEATRO E IGUALDADE

Xa case despedindo o curso, esta mañá tivemos unha última sesión de animación lectora a cargo deTrécola Teatro.

Co seu espectáculo A pequena osa quere xogar fixeron reflexionar o alumnado de infantil e 1º ciclo de primaria sobre o valor da amizade e a importancia da igualdade.

As historias dunha pequena osa e dunha Brancaneves moi reivindicativa fixeron as delicias de toda a rapazada. 

Pasámolo xenial!