venres, 27 de marzo de 2020

DÍA DO TEATRO

Hoxe, venres, 27 de marzo, celebramos o Día Internacional do Teatro. 
Deixámosvos a continuación unha páxina na que, se vos apetece, poderedes gozar online dalgunhas interesantes representacións teatrais. 
Hai obras adaptadas ás distintas idades e gustos. 
Esperamos que vos gusten.
PREME NA IMAXE PARA ACCEDER

venres, 6 de marzo de 2020

INDAGAMOS SOBRE A DIVERSIDADE

Durante os días 9 ao 13 de marzo imos celebrar na nosa escola a Semana da Diversidade Afectivo-Sexual.
Dende hoxe xa tendes á vosa disposición no taboleiro de recomendacións da Biblioteca unha ampla selección de libros para traballar os diferentes tipos de familia e a diversidade sexual. Os diversos materiais están adaptados a distintas idades. Poderedes atopar libros moi sinxelos para alumnado de Infantil, 1º e 2º de Primaria, e outros algo máis profundos e densos pensados para o de maior idade.

xoves, 5 de marzo de 2020

VISITA DE ROSA ANEIROS.

Este mércores, 4 de marzo, o alumnado de 6º tivo o pracer de recibir á autora Rosa Aneiros e partillar con ela reflexións e anécdotas arredor do seu fermoso libro Xelís, o guieiro das botellas de mar.
A trama do libro, cunha apaixonante viaxe chea de valores ecoloxistas, logrou atrapar dende o primeiro intre o interese dos nosos xoves lectores.
A escritora comezou o encontro dicindo que viña ao cole para que foran as rapazas e rapaces os que lle contaran cousas do seu libro e non para falar ela. Deste modo captou a atención do alumnado e iniciou con el unha interacción que fixo da charla unha actividade moi dinámica e amena.
A sinxeleza e proximidade da autora, quen ao rematar o encontro asinou os exemplares das nenas e nenos engadíndolles unha dedicatoria personalizada, conquistounos a todos.
Moitas grazas, Rosa!

luns, 2 de marzo de 2020

CELEBRACIÓN DO DÍA DE ROSALÍA

Aínda que o Día de Rosalía coincidiu este ano como non lectivo, o noso alumnado non esqueceu honrar, como xa é habitual, a súa figura. Dende os máis cativos de Infantil ata os maiores de 6º gozaron estes días da obra da nosa escritora máis senlleira. 
Todas e todos quixeron homenaxeala con diferentes producións: recreación dalgún dos seus poemas para agasallar con el algún ser querido, realización dalgún conto sobre a autora, creacións libres e imaxinativas...


Preto xa da celebración do 8 de marzo, hoxe máis ca nunca segue a ser necesario reivindicar a figura de Rosalía de Castro como escritora e como muller librepensadora e comprometida. Ela foi e segue a ser un referente da nosa cultura que nos inspira a manter a nosa  autoestima como pobo e a reafirmar orgullosamente a dignidade da nosa lingua.