mércores, 25 de novembro de 2020

25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

Anualmente, cada 25 de novembro conmemórase o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller en memoria das irmás Mirabal.

O 25 de novembro de 1960 cometíase na República Dominicana o asasinato das tres irmás Mirabal por opoñerse á política do ditador Rafael Leónidas Trujillo. Patria, Minerva e María Teresa foron encarceradas, violadas e torturadas en repetidas ocasións antes de rematar coa súa vida.

Por desgraza na actualidade, e en todo o mundo, a violencia de xénero continúa viva. Moitas mulleres seguen sen ter dereito a ser libres e iguais aos homes e un gran número delas pagan con golpes, malos tratos psicolóxicos e mesmo coa súa vida o feito de vivir nun mundo machista.

Dende a escola traballamos esta semana, e todos os días do ano, para que as nenas e nenos de hoxe se conciencien disto e logren crear un futuro mellor, un mundo máis xusto e sen violencia, no que as mulleres e homes sexamos iguais.

Na biblioteca fixemos unha pequena escolla de libros para traballar a  temática da igualdade e a non violencia tanto nas aulas como dende a casa.

E a continuación deixámosvos un vídeo creado por Fanpage.it que xa ten uns aniños, pero que nos parece moi educativo.

domingo, 22 de novembro de 2020

BENVIDA Á BIBLIOTECA

Aínda que xa sabedes que estamos funcionando dende setembro (nas bibliotecas de aula, coas bolsas e mochilas viaxeiras, a través da rede...),  por fin, e despois de varias obras de reforma e acondicionamento, podemos abrir fisicamente as nosas portas para recibirvos a todas e todos.

A chegada da COVID 19 cambiou moito as nosas vidas: restrición de movemento, impedimento de actividades, limitación de contacto coas nosas amizades e mesmo imposibilidade de ver ou abrazar a moitos dos nosos seres queridos.

Na biblioteca escolar tamén houbo que poñer límites de aforo e reformular o noso funcionamento. Tivemos que elaborar unhas novas normas para o acceso á sala e para o manexo dos materiais que vos deixamos a continuación, pero estamos desexando volver a vervos por aquí.

Esperamos seguir gozando xunt@s desta aventura!

A mag created with Madmagz.