xoves, 29 de febreiro de 2024

A CIENCIA E O MAR

 Hoxe estivo con nós Lluvia Domínguez, a mamá de Teresa, de 3º B.

LLuvia é bióloga mariña e traballa para o CSIC no Oceanográfico de Vigo. Adícase, entre outras cousas, a detectar metais na auga.

Esta mañá veu á biblioteca para falarlles ás nenas e nenos de 3º en que consiste o seu oficio. O alumnado tivo oportunidade de poñer en práctica diversos experimentos con metais e imáns e aprenderon moitísimas cousas e curiosidades sobre a vida mariña. 

Foi unha xornada moi educativa e unha oportunidade máis para visibilizar o papel da muller no eido científico.

luns, 26 de febreiro de 2024

ESTA SEMANA BANDA DESEÑADA

Como sabemos que o cómic ou banda deseñada é un dos xéneros literarios cos que máis gozades, esta semana Cora fixo unha escolla para todos os gustos e idades.

Animádevos a botarlles un ollo. Seguro que atopades algo do voso agrado ou interese. 

venres, 23 de febreiro de 2024

23 DE FEBREIRO DÍA DE ROSALÍA

Coma todos os anos, e en colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega, no Manuel Padín Truiteiro celebramos o Día de Rosalía co intercambio de agasallos entre o alumnado dos distintos cursos.

Desde Infantil ata 6º de Primaria, cada nena e neno confeccionou a súa flor con diversas técnicas de manualidades e escribiu algunha estrofa dos poemas da nosa ilustre escritora para entregar como agasallo a outra compañeira/-o de xeito aleatorio.

Coma sempre, as flores resultaron do máis colorido e creativo.

Parabéns a todas e todos e...

Feliz Día de Rosalía!

luns, 19 de febreiro de 2024

TITIRICIRCUS

Esta mañá gozamos dunha sesión de teatro de monicreques para todos os niveis da man de Tanxarina, a compañía de teatro redondelá con máis de 35 anos de experiencia en facer rir ao público infantil.

A historia, contada por dous vellos traballadores dun circo case desaparecido, transportounos a un mundo de malabaristas, forzudos, equilibristas, faquires, ... nun xogo de interactuación co público, no que o alumnado se sentiu partícipe en todo momento.
Ao rematar a representación, os membros de Tanxarina asinaron o exemplar de Titiricircus que temos na biblioteca e deixáronnos unha unidade didáctica para seguir afondando na historia.

A actividade levouse a cabo grazas á colaboración do Equipo de Dinamización da Lingua Galega e a Biblioteca Escolar.

venres, 16 de febreiro de 2024

23 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA

“Eu son libre, nada pode conter a marcha dos meus pensamentos e eles son a lei que rexe o meu destino.”

                                 Rosalía de Castro.

Estes días tendes xa á vosa disposición na Biblioteca as obras de Rosalía para poder ler, reflexionar e traballar nas aulas.

xoves, 15 de febreiro de 2024

O LATEXO DOS NOSOS CORAZÓNS

Esta mañá recibimos na biblioteca a visita de Claudia Bedoya, de profesión doutora e nai de Zoe, de 3º B.

Falounos de virus e bacterias e da importancia da vacinación. Tamén fixo reflexionar as nenas e nenos sobre a necesidade do lavado de mans e dunha boa hixiene xeral.

De xeito práctico, ensinoulles ás nenas e nenos de 3º algunhas técnicas que poden axudar a salvar vidas. Aprenderon a alertar ao 112 en caso de emerxencia, a realizar unha reanimación cardiopulmonar (RCP), a pór en posición lateral de seguridade a unha persoa inconsciente ou como atender un atragoamento imprevisto.

Tamén trouxo un fonendoscopio profesional co que as nenas e nenos puideron escoitar o latexo dos seus propios corazóns.

Foi unha xornada moi formativa e interesante e dende a Biblioteca queremos agradecer a Claudia a súa colaboración desinteresada.

venres, 9 de febreiro de 2024

RECOMENDACIÓN DO CLUB DE LECTURA

 Este ano comezamos o club de lectura de 5º cun libro fácil de ler e que gustou moito a todas as participantes.

Deixámosvos a continuación a súa recomendación.

Se vos interesa non dubidedes en pasar pola biblio.

venres, 2 de febreiro de 2024

ENTROIDO 2024

Este ano é Cora a que, co seu disfrace de pirata, dá os mandados. 

Podemos vir disfrazados como queiramos durante a semana.