domingo, 18 de decembro de 2022

CONCURSO: UN POEMA DE NADAL

Como xa é habitual por estas datas, un ano máis dende a Biblioteca animámosvos a participar no noso tradicional Reto de Nadal para toda a familia. A proposta deste ano consiste na creación dun poema en formato libre (poema en verso, caligrama, acróstico,...) sobre o Nadal.

Podedes consultar aquí as bases e toda a información.

Haberá premio para os mellores traballos de cada nivel.

Animádevos a concursar!

AGASALLA UN LIBRO

 O Nadal é tempo de reunións, felicitacións e agasallos.

Dende o Equipo da Biblioteca ofrecémosvos algunhas recomendacións de lectura para que poidades incluír na carta ao Apalpador, Papá Noel ou os Reis Magos.

Bo Nadal e Felices Lecturas!

venres, 16 de decembro de 2022

OS PERIGOS DE INTERNET

 Hoxe Leticia Barreiro, unha mamá do noso cole e profesora de Tecnoloxía, estivo na biblioteca escolar para ofrecer unha charla informativa ao alumnado de 4º de Primaria sobre os pros e as contras das Novas Tecnoloxías.

Na  súa  exposición  falounos  do  acceso a Internet,  dos  perigos  da  rede, as tecnoadicións, os xogos on-line... e tratou coas rapazas e rapaces de 4º a grave problemática dun tema que preocupa moito como é o ciberacoso.

Resultou unha charla moi interesante e formativa para todas e todos.

A actividade encádrase dentro de programa de Lectura e Familias, coa que buscamos a implicación da comunidade educativa no proceso formativo do noso alumnado.

Dende o Equipo de Biblioteca agradecemos a Leticia o seu tempo e compromiso coa nosa escola.

Deixámosvos a continuación a súa presentación, que nos parece de interese tanto para o alumnado como para as familias.

martes, 13 de decembro de 2022

CIENCIA NA BIBLIO

 Esta mañá estiveron con nós Iria e Leticia, dúas mamás do noso colexio que se prestaron a colaborar coa biblioteca escolar dentro de programa de Lectura e Familias.

Ambas prepararon unha serie de actividades e experimentos que poderedes atopar nos libros da nosa biblioteca e cos que as nenas e nenos de 1º de Primaria quedaron encantados.

Para rematar a xornada levaron a cabo un pequeno obradoiro de adorno de galletas de Nadal. Estaban riquísimas!

Foi unha xornada moi educativa e as nenas e os nenos pasárono xenial!!
Moitísimas grazas ás dúas!

mércores, 7 de decembro de 2022

RECOMENDACIÓNS DE NADAL

Chegamos ao tempo de Nadal. Así que... vos apetece escoller algunha lectura relacionada con esta época, no panel de suxestións xa tendes unha selección de libros para poder ler.

Felices lecturas!

venres, 11 de novembro de 2022

UNHA MAÑÁ DE CONTO

Esta venres estiveron con nós Tania e Vanessa, as mamás de Mateo e Leire de 1º B.

Amablemente ofrecéronse a colaborar coa biblioteca escolar realizando unha sesión de contacontos para o alumnado de 1º de primaria.

Fixérono xenial! As nenas e nenos participaron activamente  e pasárono de marabilla.

Dende a Biblioteca queremos agradecerlles o seu tempo e a súa boa disposición.

Mil grazas ás dúas!

martes, 8 de novembro de 2022

NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO.

 Durante este mes de novembro celebramos o Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas.

As nosas axudantes de Biblioteca de 6º curso deseñaron un cartel conmemorativo que durante este mes nos dará a benvida á Biblioteca do Padín Truiteiro e dentro dela seguro que poderedes atopar algún libro de ciencia e experimentos do voso interese.

Nestes días xa foron moitas as nenas e nenos que se animaron a  entrar, buscar e experimentar coa ciencia.

Atrevédevos!

venres, 4 de novembro de 2022

ARRANCA O CLUB DE LECTURA

Xa está todo listo para comezar co Club de Lectura “Compartindo Aventura”.

Este ano contaremos novamente con dous grupos de 7 alumnas e alumnos cada un.

O vindeiro luns teremos a primeira sesión na Biblioteca de Infantil.

Esperamos que resulte unha experiencia positiva e enriquecedora para todas e todos.

Empezamos coa aventura!


AXÚDANOS A ENRIQUECER A TÚA BIBLIOTECA.

 Dende o Equipo de Biblioteca tentamos mellorar continuamente a atención e o servizo que vos ofrecemos. Con esa intención vimos de colocar unha pequena caixa de suxestións para que nos fagades chegar as vosas opinións e pedimentos. Nela poderedes solicitar a merca dalgún libro que vos interese e non teñamos, indicarnos as vosas queixas por algo que consideredes que non funciona ben e se pode mellorar, facer propostas de actividades que pensades que serían interesantes para a biblioteca ou o centro,... e, por suposto, tamén aceptamos algún que outro eloxio!

En definitiva, nela poderedes depositar calquera idea que queirades aportar e que nos axude a mellorar esta Biblioteca que é de todas e todos vós.

Nas misivas deberedes indicar o voso nome e curso para que, de ser posible, vos poidamos dar resposta.

Agardamos que vos animedes a escribirnos!

martes, 25 de outubro de 2022

UNHA MAÑÁ ESPECIAL!

Esta mañá estiveron con nós Mª Carmen e Gabriela, dúas mamás do noso colexio que se prestaron a colaborar coa biblioteca escolar.

Como nos atopamos preto do Samaín, hoxe trouxéronnos unha proposta de actividade plástica coa que o alumnado de 1º e 2º de primaria puido desenvolver a súa imaxinación e creatividade.

As nenas e nenos pasárono xenial e dende o Equipo  de Biblioteca  queremos expresarlles o noso sincero agradecemento pola súa boa disposición.


Moitas grazas ás dúas! Esperamos volver a tervos con nós en vindeiras ocasións!

ACHÉGASE O SAMAÍN!

Entramos na semana do Samaín e, coma cada ano, no panel de exposicións da biblioteca espéravos unha boa selección de libros cos que morrer de medo.

Animádevos a entrar e a buscar o que mellor se adapte aos vosos gustos!

luns, 24 de outubro de 2022

DÍA DAS BIBLIOTECAS, DE TODAS AS BIBLIOTECAS

“Los libros han sido perseguidos por toda clase de Estados y por toda clase de religiones, pero esto no significa nada en comparación con lo que han sido amados.(...) Y pese a quien pese, las bibliotecas inundan el mundo y las vemos hasta en las calles y al aire libre de los jardines de las ciudades.”

Federico García Lorca

O 24 de outubro conmemórase o Día das Bibliotecas en recordo da destrución da Biblioteca de Saraxevo incendiada en 1992, durante a Guerra dos Balcáns.

Para conmemorar esta data, na Biblioteca do Padín Truiteiro quixemos rememorar o formidable discurso pronunciado por García Lorca na inauguración da Biblioteca da súa vila natal de Fuente Vaqueros.

Deixámosvos a continuación un vídeo gravado polo alumnado de 5º de Primaria con algún dos seus fragmentos máis significativos.

PREME NA IMAXE PARA VER O VÍDEO

Ademais, as nosas axudantes de Biblioteca de 6º curso deseñaron un fermoso cartel conmemorativo que durante estes días nos dará a benvida á Biblioteca do Padín Truiteiro.

mércores, 19 de outubro de 2022

17 DE OUTUBRO, DÍA DAS ESCRITORAS

Coma cada ano dende o 2016, o luns máis achegado ao 15 de outubro celebramos en todas as bibliotecas o Día das Escritoras. A idea desta conmemoración xurdiu para reivindicar o labor e o legado das mulleres escritoras ao longo da historia.

Nesta sétima edición, na nosa biblioteca quixemos darlle especial visibilidade ás nosas escritoras, ás autoras galegas. Mulleres como Paula Carballeira, Fina Casalderrey, Ledicia Costas, Ánxela Loureiro, Teresa González Costa, Andrea Maceiras, An Alfaya, Uxía Casal, Eva Mejuto, Antía Yáñez, Rosa Aneiros, Concha Blanco, Gloria Sánchez, María Canosa... e tantas e tantas outras que nos ofrecen as súas obras para goce de todas e todos nós.

Tendes os libros á vosa disposición no panel de suxestións.

luns, 17 de outubro de 2022

ESTAMOS DE VOLTA!

Despois de varias semanas de reorganización dos espazos, colocación de novo mobiliario e mellora da sinalización e da cartelería hoxe, por fin, a nosa Biblioteca abriu de novo as súas portas.

Esta mañá tivemos unha gran afluencia de alumnado. Todas e todos estaban desexando que a biblioteca volvera ao seu horario normal en tempo de recreo.

Pero lembrade que tamén estaremos abertos os luns, mércores, xoves e venres de 4 a 6 da tarde.

Esperámosvos!

mércores, 22 de xuño de 2022

LECTURAS PARA O VERÁN

Chegou o verán!

Despois deste ano de traballo, chegan por fin as desexadas vacacións.

Dende o Equipo da Biblioteca queremos que a lectura e as ansias de coñecemento sigan formando parte das vosas vidas tamén durante este período estival. É por iso polo que escollemos unhas pequenas recomendacións lectoras coas que poder pasar uns bos momentos, aínda que calquera outro libro pode ser igualmente unha boa escolla.

Gozade do verán e da lectura e...

vémonos á volta das vacacións!!

PREME NA IMAXE PARA ACCEDER

venres, 10 de xuño de 2022

ENCONTRO CON ANTONIO M. FRAGA

Hoxe o alumnado de 4º de Primaria tivo un encontro con Antonio M. Fraga, autor da novela Papá Caníbal. O libro foi o escollido este curso para ler no seu club de lectura de aula e resultou un verdadeiro éxito.

A enxeñosa e divertida novela arrancou as risas e fixo gozar a todas e todos coa súa lectura e por fin, esta mañá, as nenas e nenos de 4º tiveron ocasión de charlar sobre ela e sobre moitas outras cousas co seu creador.

Resultou unha conversa moi interesante e ao finalizar o escritor asinou os exemplares do alumnado como un fermoso recordo deste encontro e desta lectura. 

mércores, 1 de xuño de 2022

AVALIACIÓN BIBLIOTECA

Dado que a Biblioteca é un pouquiño de todas e todos, tamén tendes dereito a facer unha avaliación do seu funcionamento. Para iso pedímosvos que cubrades a enquisa que vos deixamos abaixo respondendo con sinceridade a todas as cuestións.

A intención da mesma é que nos fagades saber aquelas cousas que vos parece que están funcionando ben e aqueles outros aspectos nos que pensades que podemos mellorar.

As vosas suxestións serán tidas en conta para que, de cara ao próximo curso, a Biblioteca poida adaptarse e dar mellor resposta a todas as vosas necesidades.

Premede na imaxe, marcade en cada apartado a opción que consideredes máis axeitada e dádelle a enviar. Tendes de prazo ata o martes, día 7 de xuño.

Moitas grazas pola vosa colaboración!

mércores, 27 de abril de 2022

O DÍA DO LIBRO

Podedes ver as sesións de contacontos, feitas polo Día do Libro, das que se encargaron Lucas, Valeria, Ana e Rosalía de 1º B premendo nas imaxes.

"O MAGO POLBINI" POR LUCAS

"CINCENTA E AS ZAPATILLAS PELUDAS" POR ANA

"COCORICO" POR ROSALÍA

"A TARTARUGA QUE QUERÍA DURMIR" POR VALERIA

Foi unha actividade xenial !!!

martes, 26 de abril de 2022

QUE É PARA TI UN LIBRO

Dende a Biblioteca queremos agradecer a Lucas Fernández de 6ºB de Infantil, Dani Vidal e María Vidal de 4ºB, Sofía Pineda de 5ºA, Agustín Redondo, Adrián Martínez e José Álvarez de 5ºB, Noa Sanmartín de 6ºA e Carlota Acuña de 6ºC a súa participación no reto enviado para conmemorar o Día do Libro.

Deixámosvos a continuación os vídeos que nos achegaron como contribución persoal neste fermoso día.

venres, 22 de abril de 2022

ADOPTA UN LIBRO

 Continuando coa celebración do Día do Libro e os Dereitos de Autor, esta mañá agardaba unha sorpresa na entrada da Biblioteca a todo o alumnado.

As nenas e nenos de todos os niveis tiveron ocasión de escoller e levar para as súas casas un libro expurgado do catálogo da Biblioteca coa finalidade de darlles unha segunda vida.

A actividade foi un verdadeiro éxito!

martes, 19 de abril de 2022

QUE É PARA TI UN LIBRO?


Achégase o 23 de abril, Día do Libro, unha data especial para todas aquelas persoas amantes da lectura.

Mergullarse nas páxinas dun bo libro, embarcarse nunha historia apaixonante, converterse en coprotagonistas dun relato,... Non hai pracer comparable!

Coma cada ano, na Biblioteca queremos render unha pequena  homenaxe a todos eses libros que nos proporcionan tantos sentimentos indescritibles e emocións diversas. Por esa razón, hoxe lanzámosvos un novo reto dende este espazo lector.

Que é para ti un libro?

Responde a esta sinxela pregunta gravándote nun pequeno vídeo caseiro e envíanos a túa resposta ao correo da biblio biblioteca.manuelpadintruiteiro@gmail.com. Non esquezas incluír no correo o teu nome e curso.

O prazo de presentación rematará o 23 de abril, Día do Libro, ás 12 da noite.

A actividade está aberta a toda a comunidade escolar e os vídeos recibidos colgaranse no blog da Biblio a vindeira semana.

Esperamos impacientes as vosas achegas!