luns, 15 de xuño de 2020

UN VERÁN DE LECTURAS


Por fin chega o verán e as desexadas vacacións!

Despois desta etapa tan estraña e do obrigado confinamento que nos tocou vivir durante todos estes meses, seguro que estades impacientes por volver á “normalidade”. Dende o Equipo da Biblioteca traballamos para que os libros, a lectura e as ansias de coñecemento formen tamén parte da vosa normalidade.

Deixámosvos aquí unhas breves recomendacións lectoras coas que poder pasar uns bos momentos estivais, pero calquera outra escolla pode ser igualmente unha boa opción. 



PREMENDO NA ESQUINA SUPERIOR DEREITA PODES DESCARGAR O DOCUMENTO


Así que ... gozade do verán e non deixedes de ler e aprender!!

Vémonos á volta das vacacións!!

venres, 5 de xuño de 2020

GARCÍA LORCA EN GALEGO


O 5 de xuño de 1898 nacía nunha vila de Granada o poeta español máis lido de todos os tempos: Federico García Lorca.

Pertencente á xeración do 27, ademais de poeta e dramaturgo en lingua española, foi autor tamén de Seis poemas galegos.

Morreu fusilado polas forzas franquistas un mes despois de comezar a guerra civil española. Tan só tiña 36 anos e o seu único delito fora ser homosexual e de esquerdas. O seu corpo aínda non foi atopado.

Convidámosvos a escoitar un dos seus poemas galegos musicado por Luar na Lubre: Chove en Santiago (no poema orixinal, Madrigal á cibdá de Santiago).


O enlace onde poder ler os Seis poemas galegos ao completo sería

Deixámosvos aquí unha mostra:

Canzón de cuna pra Rosalía Castro, morta.

¡Érguete, miña amiga,
que xa cantan os galos do día!
¡Érguete, miña amada,
porque o vento muxe coma unha vaca!

Os arados van e vên
dende Santiago a Belén,
Dende Belén a Santiago
un anxo ven en un barco.
Un barco de prata fina
que trai a door de Galicia.
Galicia deitada e queda
transida de tristes herbas.
Herbas que cobren teu leito
e a negra fonte dos teus cabelos.
Cabelos que van a ô mar
onde as nubens teñen seu nidio pombal.

¡Érguete, miña amiga,
que xa cantan os galos do día!
¡Érguete, miña amada,
porque o vento muxe coma unha vaca!

Federico García Lorca, 1935
(Seis poemas galegos)

martes, 2 de xuño de 2020

ENQUISAS DE AVALIACIÓN DA BIBLIOTECA


Dado que a Biblioteca é un pouquiño de todas e todos vós, alumnado e familias, tamén tendes dereito a facer unha avaliación do seu funcionamento. Para iso pedímosvos que cubrades a enquisa que vos deixamos abaixo respondendo con sinceridade a todas as cuestións.

A intención da mesma é que nos fagades saber aquelas cousas que vos parece que están funcionando ben e aqueles outros aspectos nos que pensades que podemos mellorar.

As vosas suxestións serán tidas en conta para que, de cara ao próximo curso, a Biblioteca poida adaptarse e dar mellor resposta a todas as vosas necesidades.

Premede na imaxe, marcade en cada apartado a opción que consideredes máis axeitada e dádelle a enviar. Tendes de prazo ata o sábado, día 13.

Moitas grazas pola vosa colaboración!