xoves, 21 de decembro de 2023

CONCURSO: UN NADAL NA ENSEADA DE SAN SIMÓN

  (Un novo RETO en banda deseñada)

Chegou o Nadal e con el un novo RETO impulsado dende a Biblioteca para que traballedes en familia.

Seguindo coa temática do noso proxecto de centro, queremos animarvos a expresar artisticamente as vosas ideas e crear un cómic ou banda deseñada no que poder deixar voar a imaxinación cunha historia fantástica, tenra, divertida, terrorífica... ou o que vós queirades, que teña como escenario de fondo calquera espazo da nosa ría, da súa enseada ou das illas de de San Simón e Santo Antón.

Podedes consultar aquí as bases do concurso e toda a información.

Haberá premio para os mellores traballos.

Animádevos a concursar!

mércores, 20 de decembro de 2023

CONTACONTOS POLO NADAL

Achegase o Nadal e o noso cole xa cheira a festa... e a contos!

Durante a mañá do martes e mércores, dende a biblioteca organizáronse unhas sesións de contacontos a cargo do alumnado de 3º a 6º de Primaria para narrarlles aos cativos e aos non tan cativos da nosa escola.

Os títulos escollidos foron: Os tres Reis de Oriente, Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis, Antón e o Apalpador, O Apalpador e a castaña máxica, O corazón do xastre, O Apalpador e a nena sen medo e O castiñeiro do Apalpador.

Porque a todas e todos nos gustan os contos, non si?

Feliz Nadal!

LECTURAS PARA O NADAL

O Nadal é unha época perfecta para gozar dunha boa lectura. 

Por iso, dende a Biblioteca queremos animarvos a incluír na carta para o Apalpador, Papá Noel ou os Reis Magos a petición dun libro como agasallo.

Deixámosvos aquí algunhas suxestións a ter en conta para que as incorporedes entre os vosos desexos.

Bo Nadal e Felices Festas!

venres, 15 de decembro de 2023

CIENCIA NA BIBLIO

Hoxe recibimos a visita de Paula Rodiño e Silvia Amoedo, mamás de Ana Castro, de 3º A, e Sabela Álvarez, de 3º B, para adentrarnos no mundo da ciencia, directamente relacionada cos seus ámbitos laborais.

Trouxeron un montón de instrumentos e materiais e ambas prepararon unha serie de actividades para que o alumnado puidera experimentar e observar de forma directa.

Foi unha xornada moi educativa e pasárono xenial!

Moitísimas grazas ás dúas!

martes, 12 de decembro de 2023

ACHÉGASE O NADAL

Chega o Nadal e, ao igual que noutras ocasións, na Biblioteca fixemos unha pequena selección de libros para poder ler e contar nas aulas ao longo destes días ou para gozar deles con calma nas vosas casas. Así que animádevos e...

Felices lecturas!

martes, 21 de novembro de 2023

MONTE VIVO

Esta mañá o alumnado de 6º asistiu na biblioteca a unha charla medioambiental impartida por Ricardo da Silva Diz, axente ambiental que tenta concienciar sobre o valor do noso monte e a importancia de mantelo san e vivo.Ricardo falounos dos perigos que corren as especies animais e vexetais a causa das accións humanas. 

Amosounos a diversidade dos nosos montes e a importancia que teñen as árbores no ciclo da auga e das chuvias e tentou concienciar o alumnado na necesidade de protexer o noso medio ambiente.

A seguinte actuación será a plantación de árbores que o alumnado, acompañado tamén polo profesorado e polo propio Ricardo, realizarán no monte da Feira, en Arcade.

UN MUNDO MÁIS SOSTIBLE

Esta mañá estivo con nós María Villaverde, arquitecta titulada e nai de Alicia Sotelino de 3º B.

Encadrado no noso proxecto de apertura ás familias, ela veu ao noso cole para falarnos do seu oficio, poñer en valor a potencialidade das mulleres nun mundo que case sempre se tende a identificar cos homes e ensinarlle ao noso alumnado a pensar nun mundo máis sostible.

As nenas e nenos de 3º atenderon as súas interesantes explicacións, aprenderon moito sobre seguridade no traballo e logo construíron unha vivenda sostible.

A xornada resultou do máis interesante e dende a Biblioteca queremos agradecerlle a súa participación e amabilidade para con todas e todos.

luns, 20 de novembro de 2023

VIAXAMOS NA MÁQUINA DO TEMPO

 

Hoxe as nenas e nenos de 1º ciclo de primaria tiveron o privilexio de asistir á preestrea da obra de teatro preparada polo alumnado de 5º e 6º, A máquina do tempo.

A aventura levounos a percorrer a historia da nosa ría, da enseada de San Simón  e da súa contorna a través do tempo e da imaxinación.

A representación foi todo un éxito.

Mañá levarase a cabo a estrea oficial e nos vindeiros días poderedes visualizala a través da nosa TV Negueirós, a tele que fala coma nós.

Parabéns ao noso alumnado de 5º e 6º! Estades feitos unhas e uns verdadeiros profesionais da interpretación!

martes, 7 de novembro de 2023

UNHA VISITA Á BIBLIOTECA PÚBLICA

Esta mañá o alumnado de 1º fixo unha visita á Biblioteca Pública Luís Seoane de Arcade.

Alí ensináronlle as instalacións bibliotecarias, como facerse socios da biblioteca municipal, os servizos que ofrece e remataron a visita cunha sesión de contacontos.

A actividade resultou todo un éxito e as nenas e nenos regresaron moi contentos.

O noso agradecemento á bibliotecaria municipal, Patricia Rodríguez, que sempre está disposta a recibirnos e a colaborar co noso cole.

venres, 3 de novembro de 2023

SAMAÍN 2023

O luns e martes tivemos sesión de contacontos. Nenos e nenas de 3º 4º e 6º contaron contos de medo a un público que quedou encantado  coa actividade.

Parabéns a todos e todas!!! 

xoves, 26 de outubro de 2023

UNHA VISITA INESPERADA

Estes días o alumnado de todos os niveis está a recibir unha visita sorpresa da nosa Cora.

Tras petar na porta, e despois de convidala a entrar nas aulas, a nosa Cora “pirata” entregounos unha carta na que nos anima a afondar nas mil historias existentes arredor das illas de San Simón e Santo Antón e antes de marchar deixounos un pequeno agasallo para todas e todos.

As pescudas que deberemos levar a cabo parece que van ser do máis interesante: batallas, piratas, tesouros mariños,...

Toca investigar para sacar adiante este novo proxecto de centro:

Dúas illas, mil historias!

mércores, 25 de outubro de 2023

24 DE OUTUBRO, DÍA DAS BIBLIOTECAS: TECENDO COMUNIDADES

As bibliotecas desempeñan un papel fundamental na sociedade e, tal como se sinala no lema escollido este ano para conmemorar a data, axudan a crear comunidade.

Para coñecer o que significan para o noso alumnado, dende a biblioteca escolar lanzamos a pregunta Que é para ti unha biblioteca?

Estas foron as repostas que nos chegaron:

PREME NA IMAXE PARA VER AS RESPOSTAS

luns, 23 de outubro de 2023

LIBROS DE MEDO POLO SAMAÍN

Achégase o Samaín e, coma cada ano, dende a biblioteca estamos a preparar algunha sorpresiña para todos os cursos. Pero mentres agardamos, Cora tenvos preparada no panel de exposicións da biblioteca unha boa selección de libros cos que tremer de medo.

Atrevédesvos a lelos?

DÍA DAS ESCRITORAS

 Este pasado luns, 16 de outubro, celebramos un ano máis o Día das Escritoras.

Dende a nosa biblioteca propuxemos afondar no coñecemento dalgunhas das moitas e moi valiosas autoras galegas. Cada aula traballou sobre unha figura das nosas letras e aquí tendes os traballos realizados.


Preme na imaxe.

martes, 17 de outubro de 2023

MOCHILAS VIAXEIRAS

As mochilas viaxeiras comezaron novamente a súa andaina polas casas das rapazas e rapaces do Padín.
Este ano como novidade, e atendendo ao lema escollido para as bibliotecas escolares pola Consellería de Cultura, “Unha biblioteca escolar en viñetas”, implementamos unha mochila temática de cómic para os sextos de primaria.
Coma sempre, as mochilas permanecerán  nas casas do noso alumnado durante unha semana, de mércores a martes.
Esperamos que nos axudedes a valoralas cubrindo o caderno viaxeiro coas vosas impresións, suxestións de mellora, críticas, debuxos, fotos,...

luns, 16 de outubro de 2023

DÚAS ILLAS, MIL HISTORIAS

Arranca o noso proxecto de centro, continuación do iniciado o curso pasado, que nesta ocasión titularemos Dúas illas, mil historias.

Nos vindeiros meses continuaremos aprendendo cousas sobre a nosa ría e a enseada de San Simón, pero este ano abordaremos os aspectos e feitos históricos acontecidos nas súas augas e nas illas de San Simón e Santo Antón.

Cora xa está preparada para axudarnos a chegar coa tarefa a bo porto.

E vós? Estades listos? 

xoves, 5 de outubro de 2023

EMPEZAMOS!

 

Comeza un curso máis e esta semana abrimos novamente as portas da nosa biblioteca, que xa se atopa a pleno rendemento.

Lembrade que, coma sempre, tamén estaremos abertos para calquera membro da comunidade os luns, mércores, xoves e venres de 4 a 6 da tarde.

Agardámosvos!

mércores, 21 de xuño de 2023

RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA O VERÁN

Por fin chegaron o verán e as tan anheladas vacacións!

Agora que deixamos de lado os libros de texto, teremos tempo para gozar coas amizades, os xogos, a praia, os paseos... Pero tamén podemos escoller algún libro cos que pasar momentos de emocións, aventuras ou diversión.

Desde o Equipo da Biblioteca quixemos axudarvos a escoller algunhas desas lecturas e, aínda que as opcións poderían ser moitas outras, deixámosvos aquí unhas breves recomendacións para todas as idades.

Feliz verán e boas lecturas!

PREME NA IMAXE PARA ACCEDER

venres, 16 de xuño de 2023

A MÚSICA CONTA HISTORIAS

Esta mañá Ana Couñago, a mamá de Emma de 1º B, visitou a nosa biblioteca para contarnos un fermoso e emotivo conto de Silvia Melero Abascal co que repensar a morte para vivir a vida.

Despois de ter pasado por unha dura vivencia persoal, Ana tróuxonos esta historia como unha proposta para abordar a perda dun ser querido dende a creatividade e a música.

Ao rematar o conto, as nenas e nenos visualizaron o documental “Desinstrumentalizados. La magia de los instrumentos insólitos”, co que descubriron que se pode facer música case con calquera cousa; só ten que caer nas mans adecuadas para converterse nun instrumento e crear maxia musical.

Dende a Biblioteca queremos agradecerlle a Ana o seu tempo e a súa colaboración.

mércores, 14 de xuño de 2023

ÚLTIMA SESIÓN COAS FAMILIAS

 Hoxe celebramos as últimas conferencias deste curso sobre o desenvolvemento infantil.

Dona Beatriz Pérez, a nosa mestra de AL, falounos e aclarou moitos conceptos sobre diversos Trastornos do neurodesenvolvemento” como o TEA, TEL, trastornos da aprendizaxe.... con recomendacións útiles e prácticas para seguir no fogar.

Despois dona Gema Domínguez, psicóloga do centro Alea, ofreceunos unha charla moi interesante sobre a “Xestión de conflitos en familia e a linguaxe positiva”.  Experta en disciplina positiva, aportou moitas ideas para lograr a confianza das nosas fillas e fillos e poder educar sen castigos.

As aportacións das dúas especialistas foron tan interesantes que o tempo quedou curto ante as intervencións e preguntas das familias participantes.

Tentaremos continuar con este tipo de actividade para o próximo curso.

luns, 12 de xuño de 2023

XAVIER ESTÉVEZ NO CLUB DE LECTURA

Esta mañá o alumnado do club de lectura de 6º mantivo un encontro virtual co escritor Xavier Estévez.

Despois de ler o seu libro Avións de papel, xurdiron tantas dúbidas e especulacións co final da obra que as rapazas e rapaces do club decidiron ler a segunda parte, Os camiños do vento, co fin de desvelar algúns misterios. Pero como non o lograron totalmente, acordamos solicitar un encontro co autor para que nos aclarase algúns aspectos.

Xavier Estévez prestouse amablemente a atendernos e contestou a todas as preguntas dos nosos curiosos lectores.


O autor deulles permiso para crear os seus propios finais alternativos e díxolles que lle encantaría recibilos e lelos.

Animou ao alumnado a seguir lendo e escribindo para medrar como persoas e desexoulles un fermoso inicio da súa próxima etapa escolar no instituto.

Agradecemos a Xavier Estévez a súa amabilidade e boa disposición. Foi un verdadeiro pracer falar con el!

venres, 9 de xuño de 2023

ÚLTIMA CONFERENCIA PARA AS FAMILIAS

Este mércores, 14 de xuño, aproximadamente de 17:00 a 19:15 h. terán lugar as últimas conferencias deste curso sobre o desenvolvemento infantil.

Nesta ocasión dona Beatriz Pérez, a nosa mestra de AL  impartirá unha charla sobre Trastornos do neurodesenvolvemento”. Falaranos sobre o TEA, TEL, trastornos da aprendizaxe.... con recomendacións para o fogar.

Despois, aproximadamente de 18:15 a 19:15 h, contaremos coa psicóloga do centro Alea, dona Gema Domínguez, que nos falará da “Xestión de conflitos en familia e a linguaxe positiva”.  Ela é experta en disciplina positiva e diranos como se pode educar sen castigos.

De novo contamos con todas e todos vós e esperamos que vos resulten proveitosas.

xoves, 8 de xuño de 2023

O CLUB DE LECTURA SAE CO BO TEMPO

Coa chegada do bo tempo, o Club de Lectura “Compartindo Aventura” saíu ao exterior para gozar do aire e as lecturas.

A semana pasada foi o grupo de 6º o que quixo aproveitar a mañá soleada para comentar fóra o libro deste momento, Os camiños do vento, de Xavier Estévez, e esta semana son os de 5º os que seguen o exemplo coa lectura de Kibuko, do mesmo autor.

xoves, 25 de maio de 2023

CONTINUAMOS COAS CHARLAS PARA AS FAMILIAS

Este xoves, 25 de maio, continuaremos co ciclo de conferencias para as familias sobre desenvolvemento infantil.

De 17:00 a 18:10 dona Sandra Beatriz Pérez Lorenzo, mestra de Audición e Linguaxe no noso cole, falaranos de “Desenvolvemento da linguaxe e estimulación”.

Posteriormente, de 18:15 a 19:15, será a quenda de dona Laura Escudero, psicopedagoga do Centro Alea, que nos impartirá unha charla sobre o “Uso responsable en familia das pantallas e das tecnoloxías”.

Esperámosvos no salón de actos do colexio e novamente desexamos que resulten do voso interese.

martes, 23 de maio de 2023

ENCONTRO CON EL HEMATOCRÍTICO

Esta mañá as nenas e nenos de 3º e 4º tiveron un encontro co autor de Dona Problemas, Miguel López, máis coñecido polo pseudónimo de El Hematocrítico.
O alumnado tivo oportunidade de escoitalo e facerlle preguntas, aínda que nesta ocasión a charla tivo que ter lugar no salón de actos por cuestións de espazo e aforo.
Mestre de Educación Infantil e Primaria, amosou unha vez máis unha gran facilidade para conectar co público infantil tanto a través dos seus libros como no contacto directo coas lectoras e lectores.

Foi un encontro cheo de humor e moi agradable.

sábado, 20 de maio de 2023

CONTOS NA SEMANA DAS LETRAS GALEGAS

 Para conmemorar as Letras Galegas, ademais de coñecer ao autor homenaxeado e estar preparando un montón de actividades nos distintos niveis, esta semana as nenas e nenos de 3º e 4º de primaria quixeron agasallar aos máis cativos cunhas sesións de contacontos moi especiais.

O xoves, 18 e o venres, 19, estes magníficos animadores fixeron as delicias do alumnado de Infantil e 1º de Primaria narrando uns fermosos contos nos que amosaron as súas magníficas dotes expresivas.

Moitas grazas a Yasmín, Anxo, Valentina V., Lucía A. (de 4º B), Luna, Juanma, Yago, Nadine (de 4º A) e a Ía e Enzo (de 3º A)!

Seguiremos contando con vós en vindeiras ocasións!

venres, 19 de maio de 2023

RAMÓN VEIGA CO ALUMNADO DE 1º

 Esta mañá visitou a nosa biblioteca Ramón Veiga, autor dunha serie de banda deseñada que encanta ao noso alumnado.
Este ano as nenas e nenos de 1º leron Miñoca e coello, unha historia sobre a amizade entre dous seres en aparencia moi distintos, pero que logran facerse amigos a pesar das súas diferenzas.
As nenas e nenos riron moito coas súas aventuras e hoxe coñeceron a Miñoca de primeira man e incluso crearon as súas propias ilustracións con axuda das indicacións do autor.
Ao final marcharon cos seus libros asinados e con ganas de seguir lendo máis historias.

Moitas grazas a Ramón Veiga pola súa visita!

mércores, 10 de maio de 2023

VISITA DE MIGUEL ANXO ALONSO

Hoxe tivemos o pracer de recibir a visita de Miguel Anxo Alonso Diz na nosa biblioteca.

Nesta ocasión foi o alumnado de 6º o que gozou cun dos seus libros de título ben curioso: Instrucións para ler este libro. Trátase dunha homenaxe aos personaxes da mitoloxía fantástica galega que lle gustou moito á rapazada.

UMAutor comprometido coa nosa lingua e a nosa cultura, destaca como orador e contador de historias, polo que o encontro co alumnado foi moi rico e interesante.

Ao remate da charla prestouse a quedar fóra do horario escolar para asinar os exemplares do alumnado.

Quedamos moi agradecidos pola súa boa disposición, amabilidade e conversa sumamente agradable.

Seguiremos pendentes das súas publicacións.

luns, 8 de maio de 2023

AVALIACIÓN BIBLIOTECA

Dado que a Biblioteca é un pouquiño de todas e todos, tamén tendes dereito a facer unha avaliación do seu funcionamento. Para iso pedímosvos que cubrades a enquisa que vos deixamos abaixo respondendo con sinceridade a todas as cuestións.

Premede na imaxe, marcade en cada apartado a opción que consideredes máis axeitada e dádelle a enviar. Tendes de prazo ata o mércores, día 31 de maio.

Moitas grazas pola vosa colaboración!

martes, 2 de maio de 2023

CANDO LEO...

Aquí tendes xa a resposta ao noso reto de ampliar a obra Cando leo, de Eva Mejuto.

A proposta tivo unha boa acollida entre o alumnado e deu como resultado este fermoso fluír de ideas e sentimentos. Porque...

Cando leo todo é posible

(sobre todo o imposible).


SEMANA DO LIBRO

Continuando coa conmemoración do Día do Libro e os Dereitos de Autor, este ano repetimos a actividade do curso anterior de “Adopta un Libro”.

Ao longo de toda a semana, do 24 ao 27 de abril, o alumnado tivo ocasión de escoller e levar para as súas casas un libro expurgado do catálogo da Biblioteca coa finalidade de darlle unha segunda vida.

Nesta ocasión expuxemos cada día da semana os libros recomendados por grupos de idade, comezando polos de Educación Infantil e 1º Ciclo de Primaria.

A actividade resultou novamente un éxito!

mércores, 26 de abril de 2023

PAPIROFLEXIA NO CLUB DE LECTURA


 Un ano máis escolleuse a lectura do libro Avións de papel no Club de Lectura Compartindo Aventura. E, como non, volvemos realizar a actividade de papiroflexia que tanto gusta ao noso alumnado.

Seguindo as instrucións dalguns libros de papiroflexia da biblioteca, os participantes no Club lograron crear e facer voar diferentes modelos de avión. Foron moitos os que lograron un voo de boa calidade.

Resultou actividade entretida e moi divertida.

venres, 21 de abril de 2023

23 DE ABRIL, DÍA DO LIBRO

Cando leo

Este vindeiro domingo, día 23, conmemórase o Día internacional do Libro.

Para a Biblioteca esa data é un motivo para celebrar a importancia da lectura, fomentar o crecemento das nenas e nenos como lectoras e lectores e promover o amor pola literatura.

Por iso, ao igual que en anos anteriores, desde a Biblioteca queremos render unha pequena homenaxe aos libros e ás autoras e autores, recomendándovos a lectura dun fermoso libro, Cando leo, de Eva Mejuto, e propoñémosvos un sinxelo reto por aula: profundar na idea da autora e ampliar a súa obra cos vosos propios sentimentos engadindo unha nova idea.

A obra comeza así:

Cando leo

Cando leo todo é posible

(sobre todo o imposible).

Cando leo non hai portas,

nin fronteiras,

non hai límites

nin celas.

Cando leo non vai frío,

marcha a fame,

foxe o medo.

Cando leo son quen son

e moito máis...

Como pensades que podería seguir?

Escribide as vosas propostas no modelo que vos deixamos nas aulas ou pedide un na biblioteca e deixádeas na caixa de suxestións de Cora. Tendes ata o venres, 28 de abril para facelo. Logo publicaremos a vosa obra colectiva neste blog da Biblioteca.

Ánimo e a participar!

xoves, 20 de abril de 2023

ENCONTRO CON ANDREA MACEIRAS

Esta mañá o alumnado de 5º de primaria recibiu a visita de Andrea Maceiras na Biblioteca escolar.

A escritora recoñeceu ter un vínculo especial con Soutomaior porque en 2007 gañou o I Certame de Micronovela do Concello de Soutomaior co seu primeiro libro, Proxecto bolboreta.

Este ano as nenas e nenos de 5º leron un dos seus últimos títulos, A folla azul, gañador do Premio Merlín en 2020.  A autora proxectoulles unha presentación sobre o libro e posteriormente conversou co alumnado, que tivo a oportunidade de facerlle diversas preguntas.

Resultou unha charla moi interesante e ao final asinou amablemente os exemplares mercados polo alumnado.

Foi un pracer tela entre nós!

mércores, 19 de abril de 2023

CONFERENCIAS PARA AS FAMILIAS

Este mes iniciamos no Padín Truiteiro unha rolda de charlas e conferencias dirixidas ás familias co fin de asesoralas e axudalas a mellorar o acompañamento das súas fillas e fillos ao longo do seu proceso educativo.

A primeira destas charlas terá lugar o vindeiro mércores, día 26, ás 17 horas, no salón de actos do noso cole e vai estar impartida por dona Sandra Beatriz Pérez Lorenzo, mestra de Audición e Linguaxe.

Nesta ocasión abordaremos o desenvolvemento da lectoescritura e a maneira en que a familia pode apoiar e axudar ás súas fillas e fillos ante as dificultades que se poidan presentar ao longo deste proceso.

Dada a importancia do tema a tratar, esperamos contar coa presenza de todas aquelas familias que poidan asistir.

Manterémosvos informadas sobre as seguintes convocatorias, a celebrar no vindeiro mes de maio.

Desexamos que vos resulten proveitosas!

xoves, 30 de marzo de 2023

CONCURSO DE RELATO CURTO

 A FANPA (Federación de Asociacións de nais e pais de Centros Educativos Públicos da provincia de Pontevedra) organiza a IX edición do Certame de Relato Curto.

Segundo nos informa a propia FANPA, os principais obxectivos desta convocatoria son fomentar a creatividade no alumnado, potenciar a expresión e comprensión escritas, estimular o uso da lingua galega nas familias, facilitar as posibilidades de publicación á mocidade creadora, apoiar as escritoras/es noveis e afeccionadas/os e crear un espazo común e familiar para a creación literaria.

Dende o noso centro educativo, e particularmente desde a biblioteca escolar, apoiamos firmemente a idea desta convocatoria e animamos a todo o noso alumnado a participar na mesma.

Deixámosvos aquí as bases do concurso e a ligazón á web do certame onde se atopa o formulario que deberedes cubrir para poder participar e no que deberedes agregar o voso relato:

http://certame.nontedurmas.org

FORMULARIO

Lede ben as bases de participación e lembrade que os relatos deben ir asinados cun pseudónimo (o voso nome real debe indicarse no formulario de participación, pero non pode aparecer no relato).

A data límite de participación remata o vindeiro 10 de abril.

Ánimo e a participar!