luns, 28 de decembro de 2020

Chegan os retos

Chegan as respostas ao noso reto de Un Nadal de Conto. Son uns traballos verdadeiramente fantásticos! Botádelles un ollo.

DEBUXOS:

Debuxo feito por Sabela Orge de 6º Infantil B









 "Todos xuntos por Nadal" debuxo de Ana Castro 6º Infantil A

 

 "Concerto de Nadal" de Rosalía Pérez de Lis 6º Infantil B

 "Bo Nadal" debuxo de Ero Lorenzo de 6º Infantil B

"Bo Nadal e fóra coronavirus" debuxo feito por Diego de 6º de Infantil.

"Melchor vai de viaxe" debuxo de Lara Álvarez de 5º Infantil B


"Xa é Nadal" debuxo realizado por Vera Quintás de 3 anos A.

RELATOS: 

"O pingüín Lucas" un conto de Nico Orge de 6ºC

 

"Un Nadal microespecial" de Iria Boullosa de 6ºC

"As neves do tempo" de Nico Martínez de 6ºC

 

 Conto de Brais Rodríguez de 6ºC

 

"A marxe do tempo" conto de Iraitz Sotelino de 6ºC

 

"O desexo de Uxía" de Ángela Laíns de 6ºC

 

 "Un Nadal con sorpresas" relato de Carla Martín de 6ºC

 

"Unha noite de Nadal" escrito por Sabela Cernadas de 6ºC

"A farola" conto de Cael Andrew Wan de 6ºC.

 

 "O mellor agasallo" conto de Mónica Merlos de 5ºA

"O gran soño do boneco de neve" de Noa Sanmartín - 5ºA

 

"O desexo" relato de Carlota Neira de 5ºB

"Unha árbore especial" de Iria Garrido de 5ºC

 

"O Nadal chegou" conto de Lidia Leiro de 5ºC

 

"O Nadal da familia Vaqueiro" conto escrito por Antón de 5ºC

 

 "Os agasallos desaparecidos" de Uxía Granja de 4ºB

"O taller do Apalpador" conto de Nerea Álvarez de 3ºA

 

 "Leo e a casa á volta da esquina" conto de Lem Peteiro de 3ºB

 

Conto de Sara Martínez 3ºB

"O elfo traveso" conto de Manuel García- 2ºA

 

"Os cervatillos e Rainei no Nadal" de Paula Des - 2ºB

 

"O Apalpador" conto de Nicolás Bouzón de 2ºB.

"Xiana e o Trasno" conto de Samuel Bouzón de 2ºB.

"Un Nadal diferente" de Marcos Diz de 1ºC 

"A árbore máxica" conto de Sabela Fernández de 1ºC


"Rodolfo e a perda de poderes"- Adai Pérez Losada 1ºC

"Amizades de Nadal" conto de Mateo Quintás de 1ºC 

luns, 21 de decembro de 2020

CONCURSO: UN NADAL DE CONTO

A Biblioteca non só é un lugar onde poder buscar información ou pasar un momento de lecer cunha lectura do noso agrado. Tamén é un lugar de creación, no que poder deixar voar a vosa imaxinación e inventiva e onde poder compartila cos demais.

Por iso, o Equipo de Biblioteca quere animarvos a participar nun novo reto: a creación do voso propio Nadal de Conto.

Podedes consultar aquí as bases e toda a información.

Haberá premio para os mellores traballos.

Animádevos a concursar!

venres, 18 de decembro de 2020

E de agasallo...un libro!

Este foi un ano moi peculiar e atípico, pero  ao fin, coma sempre, chegou o Nadal. O tempo das panxoliñas, do turrón, as felicitacións, os agasallos…

Nesta ocasión todo vai ser un chisco distinto. Un Nadal sen tantas apertas nin bicos, sen poder compartir, sen que poidamos xuntarnos con toda a familia como en anos anteriores...  Haberá que quedar máis na casa, saudar as amizades dende lonxe, ter moito coidado, coidarnos nós e coidar dos outros.

A pesar disto, dende a Biblioteca desexamos que gocedes deste tempo coa mesma ilusión de sempre e que tamén aproveitedes estes días de lecer para ler e soñar.

Deixámosvos aquí as nosas recomendacións lectoras que poderedes ter en conta á hora de facer ou pedir un agasallo. Libros para as crianzas e para os maiores. Libros para toda a familia cos que pasar un momento agradable mentres nos gorecemos do frío e da pandemia

Que teñades un Nadal cheo de alegría e saúde!

Vémonos no 2021!

mércores, 16 de decembro de 2020

ACHÉGASE O NADAL

Despois dun intenso trimestre de traballo, que tanto profesorado como alumnado levamos coa ledicia de poder estar xuntos de novo, chegamos xa ao tempo de Nadal  e case ás portas dun 2021 que esperamos que resulte máis ventureiro e positivo para todas e todos.

Este mes estanse levando a cabo en todas as aulas múltiples actividades cheas de cor e ilusión: tarxetas de Nadal, ensaio de panxoliñas, decoración de aulas e corredores,... e, como non, os contos, que nunca poden faltar.

Por iso, e ao igual que noutras ocasións, na Biblioteca fixemos unha pequena selección de libros para poder ler e contar nas aulas ao longo destes últimos días. Así que...

Felices lecturas!

mércores, 25 de novembro de 2020

25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

Anualmente, cada 25 de novembro conmemórase o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller en memoria das irmás Mirabal.

O 25 de novembro de 1960 cometíase na República Dominicana o asasinato das tres irmás Mirabal por opoñerse á política do ditador Rafael Leónidas Trujillo. Patria, Minerva e María Teresa foron encarceradas, violadas e torturadas en repetidas ocasións antes de rematar coa súa vida.

Por desgraza na actualidade, e en todo o mundo, a violencia de xénero continúa viva. Moitas mulleres seguen sen ter dereito a ser libres e iguais aos homes e un gran número delas pagan con golpes, malos tratos psicolóxicos e mesmo coa súa vida o feito de vivir nun mundo machista.

Dende a escola traballamos esta semana, e todos os días do ano, para que as nenas e nenos de hoxe se conciencien disto e logren crear un futuro mellor, un mundo máis xusto e sen violencia, no que as mulleres e homes sexamos iguais.

Na biblioteca fixemos unha pequena escolla de libros para traballar a  temática da igualdade e a non violencia tanto nas aulas como dende a casa.

E a continuación deixámosvos un vídeo creado por Fanpage.it que xa ten uns aniños, pero que nos parece moi educativo.

domingo, 22 de novembro de 2020

BENVIDA Á BIBLIOTECA

Aínda que xa sabedes que estamos funcionando dende setembro (nas bibliotecas de aula, coas bolsas e mochilas viaxeiras, a través da rede...),  por fin, e despois de varias obras de reforma e acondicionamento, podemos abrir fisicamente as nosas portas para recibirvos a todas e todos.

A chegada da COVID 19 cambiou moito as nosas vidas: restrición de movemento, impedimento de actividades, limitación de contacto coas nosas amizades e mesmo imposibilidade de ver ou abrazar a moitos dos nosos seres queridos.

Na biblioteca escolar tamén houbo que poñer límites de aforo e reformular o noso funcionamento. Tivemos que elaborar unhas novas normas para o acceso á sala e para o manexo dos materiais que vos deixamos a continuación, pero estamos desexando volver a vervos por aquí.

Esperamos seguir gozando xunt@s desta aventura!

A mag created with Madmagz.

venres, 23 de outubro de 2020

AS MOCHILAS EN MARCHA!

Dende 1997 cada 24 de outubro celébrase o Día das Bibliotecas, unha conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil. 

O lema deste ano é “Bibliotecas, sempre ao teu carón” e tenta destacar o importante papel que xogan as bibliotecas ofrecendo acceso á cultura, ao coñecemento e ao entretemento en calquera lugar e circunstancia.

Dende a nosa biblioteca tentamos manternos ao voso carón e seguir ofertándovos os nosos servizos en circunstancias tan complexas como as que estamos a vivir.

Despois dos retos propostos con motivo do Día das Escritoras, hoxe puxemos en marcha as mochilas viaxeiras en todos os cursos. Este ano, debida á situación pola que estamos a pasar, reducimos a súa estadía nos vosos fogares a 5 días, en lugar de 7 habituais, pero esperamos que sigades gozando dos materiais ofertados e dunha experiencia tan fermosa como a que nos proporcionan o mundo dos libros e da lectura en familia.

mércores, 21 de outubro de 2020

MULLERES GALEGAS NO DÍA DAS ESCRITORAS 2020.

"O esforzo cotián das mulleres" era o lema escollido para a celebración do Día das Escritoras deste ano 2020. O esforzo de moitas e moitos de vós fixo posible rememorar a figura dalgunhas das escritoras máis significativas do noso país.

Dende o Equipo de Biblioteca queremos agradecer o labor de investigación realizado.

Cos vosos traballos quedou patente que a escritora galega máis recoñecida é Rosalía de Castro.

Outras escritoras que quixestes reivindicar foron Exeria, Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Fina Casalderrey, Ánxela Loureiro, María Victoria Moreno, Sabela Fernández, Andrea Maceiras e María Canosa.

Recollemos a continuación as producións que nos enviastes como resposta aos dous retos propostos.

RETO 1


RETO 2

domingo, 18 de outubro de 2020

DÍA DAS ESCRITORAS

 Comezan a chegar as primeiras propostas de escritoras galegas que merecen un recoñecemento.

ANIMÁDEVOS A SEGUIR SUMANDO!!!

RETO 1




RETO 2




xoves, 15 de outubro de 2020

DÍA DAS ESCRITORAS 2020.

 "Tócanos facer as cousas ás agachadas, que non se note que estamos, porque somos invisibles como o ar. O que non saben, ou non pensan, é que o ar se coa en todos os recantos precisamente porque non se ve. Así facemos nosoutras."

                    Eva Mejuto  Memoria do silencio (Editorial Xerais)

Baixo o lema "O esforzo cotián das mulleres", o vindeiro 19 de outubro celebraremos a V edición do Día das Escritoras.

Esta conmemoración busca reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia e cada ano celébrase no luns máis cercano á festividade de Teresa de Jesús, que é o 15 de outubro.

Desde a biblioteca queremos proporvos un novo reto para que se visibilice a obra das escritoras galegas de calquera época, actual ou pasada.

Poderedes escoller entre estas dúas opcións:

Reto 1. Enviádenos a caricatura ou debuxo dalgunha escritora galega indicando o seu nome, ano de nacemento e  morte (de ser o caso) e a razón pola que vos parece importante reivindicar a súa figura.

Reto 2. Deberedes buscar calquera fragmento literario, pensamento ou frase dunha escritora galega que vos chamara a atención ou vos guste especialmente.

Coma sempre, deberedes enviarnos as vosas propostas ao correo da biblio biblioteca.manuelpadintruiteiro@gmail.com indicando no asunto RETO BIBLIOTECA. Non esquezades incluír o voso nome e curso. Iremos colgando no blog da biblioteca as propostas recibidas ata o luns, día 19.

Animádevos a investigar e participar.  

mércores, 14 de outubro de 2020

ESTAMOS DE VOLTA!

Aínda que un pouco máis tarde do habitual, a biblioteca xa está case lista para comezar o novo curso.

Este ano, como ben sabedes, vai ser diferente por mor do coronavirus. Debido aos protocolos COVID non poderemos organizar todas as actividades que nos gustaría, teremos que limitar o aforo da biblioteca e renunciar aos recunchos de xogos e á apertura no horario de recreo e polas tardes, pero aínda así empezamos este curso con moita ilusión.

Contaremos con novas normas, novo horario e moitas restricións, pero faremos o posible para que poidades seguir aprendendo e gozando na vosa biblioteca.

De momento estamos con reformas, poñendo un novo chan, instalando un mellor alumeado e colocando novo mobiliario para tentar facela máis  acolledora e agradable. Esperamos tela lista en breve e poder recibirvos nela, pero mentres tanto estaremos en contacto a través desta xanela.

Permanecede atent@s porque pronto comezaremos coa proposta dalgúns retos. Contamos con vós!

Vémonos axiña!

xoves, 24 de setembro de 2020

O NOSO PROXECTO DE CENTRO: VIAXE Á IDADE MEDIA

 Comezamos un novo curso no que pretendemos continuar co Proxecto de Centro comezado o ano anterior e que, por mor da pandemia, quedou sen rematar do xeito que pretendiamos.

O obrigado confinamento imposibilitou a realización da investigación e das actividades programadas para todo o terceiro trimestre e a realización da feira medieval que estaba prevista como produto final. A proposta contaba coa implicación e participación, non só de toda a comunidade educativa, senón tamén de moita veciñanza que, coñecedora do noso proxecto, quería colaborar con nós.

Por este motivo, este ano decidimos retomar o traballo iniciado e continuar co Proxecto Viaxe á Idade Media. Por sorte vivimos nun concello cunha riqueza histórica e cultural que dan para estudar e investigar durante moito tempo.

Recomezamos con moitas ganas e ilusión e esperamos que este ano si poidamos levar a cabo esa festa final coa exposición de todo o traballo feito e o produto das nosas investigacións.

No lado dereito do noso blog tendes o enlace  no que poderedes ir consultando as tarefas realizadas.

Bo comezo!

luns, 15 de xuño de 2020

UN VERÁN DE LECTURAS


Por fin chega o verán e as desexadas vacacións!

Despois desta etapa tan estraña e do obrigado confinamento que nos tocou vivir durante todos estes meses, seguro que estades impacientes por volver á “normalidade”. Dende o Equipo da Biblioteca traballamos para que os libros, a lectura e as ansias de coñecemento formen tamén parte da vosa normalidade.

Deixámosvos aquí unhas breves recomendacións lectoras coas que poder pasar uns bos momentos estivais, pero calquera outra escolla pode ser igualmente unha boa opción. 



PREMENDO NA ESQUINA SUPERIOR DEREITA PODES DESCARGAR O DOCUMENTO


Así que ... gozade do verán e non deixedes de ler e aprender!!

Vémonos á volta das vacacións!!

venres, 5 de xuño de 2020

GARCÍA LORCA EN GALEGO


O 5 de xuño de 1898 nacía nunha vila de Granada o poeta español máis lido de todos os tempos: Federico García Lorca.

Pertencente á xeración do 27, ademais de poeta e dramaturgo en lingua española, foi autor tamén de Seis poemas galegos.

Morreu fusilado polas forzas franquistas un mes despois de comezar a guerra civil española. Tan só tiña 36 anos e o seu único delito fora ser homosexual e de esquerdas. O seu corpo aínda non foi atopado.

Convidámosvos a escoitar un dos seus poemas galegos musicado por Luar na Lubre: Chove en Santiago (no poema orixinal, Madrigal á cibdá de Santiago).


O enlace onde poder ler os Seis poemas galegos ao completo sería

Deixámosvos aquí unha mostra:

Canzón de cuna pra Rosalía Castro, morta.

¡Érguete, miña amiga,
que xa cantan os galos do día!
¡Érguete, miña amada,
porque o vento muxe coma unha vaca!

Os arados van e vên
dende Santiago a Belén,
Dende Belén a Santiago
un anxo ven en un barco.
Un barco de prata fina
que trai a door de Galicia.
Galicia deitada e queda
transida de tristes herbas.
Herbas que cobren teu leito
e a negra fonte dos teus cabelos.
Cabelos que van a ô mar
onde as nubens teñen seu nidio pombal.

¡Érguete, miña amiga,
que xa cantan os galos do día!
¡Érguete, miña amada,
porque o vento muxe coma unha vaca!

Federico García Lorca, 1935
(Seis poemas galegos)

martes, 2 de xuño de 2020

ENQUISAS DE AVALIACIÓN DA BIBLIOTECA


Dado que a Biblioteca é un pouquiño de todas e todos vós, alumnado e familias, tamén tendes dereito a facer unha avaliación do seu funcionamento. Para iso pedímosvos que cubrades a enquisa que vos deixamos abaixo respondendo con sinceridade a todas as cuestións.

A intención da mesma é que nos fagades saber aquelas cousas que vos parece que están funcionando ben e aqueles outros aspectos nos que pensades que podemos mellorar.

As vosas suxestións serán tidas en conta para que, de cara ao próximo curso, a Biblioteca poida adaptarse e dar mellor resposta a todas as vosas necesidades.

Premede na imaxe, marcade en cada apartado a opción que consideredes máis axeitada e dádelle a enviar. Tendes de prazo ata o sábado, día 13.

Moitas grazas pola vosa colaboración!