xoves, 21 de marzo de 2024

O NOSO POEMA VIAXEIRO

 UN PASEO POLA HISTORIA

Aquí tendes xa a composición colectiva que resultou da proposta de Cora con motivo do Día da Poesía: Unha viaxe a través do tempo cunha linguaxe poética froito da imaxinación e creatividade de todo o alumnado do noso centro.

A Cora encantoulle! Que vos parece a vós?

Clica na imaxe para coñecelo.

xoves, 14 de marzo de 2024

MADRIÑAS LECTORAS

Esta mañá Yanira Muíños e Marta Vilas, de 4º B sorprenderon ao alumnado de 6º de Infantil cunha sesión de contacontos. Sacrificando o seu tempo de recreo, ambas decidiron ir á aula dos cativos para contarlles a historia de El libro de Lola

As nenas e nenos de Infantil estiveron moi atentas e atentos e pasárono moi ben.

Dende a biblioteca tamén queremos agradecerlles a Yanira e a Marta esta fermosa iniciativa.

Esperamos contar de novo con vós en vindeiras ocasións!

luns, 11 de marzo de 2024

8 DE MARZO, MULLERES DE ONTE A HOXE

Relacionando a data do 8M co noso proxecto de centro, este ano, para conmemorar o Día da Muller, decidimos estudar a figura, o papel e a importancia de diversas mulleres ao longo da historia.

Cada nivel encargouse dunha etapa histórica, seguindo o mesmo esquema programado para o traballo do alumnado das diversas aulas na elaboración do noso proxecto, Dúas illas, mil historias.

Así chegamos a este produto final, Mulleres de onte a hoxe.

Foi un gran traballo de investigación das nosas nenas e nenos, que se pode admirar nas aulas e nos corredores de todo o colexio.

Deixámosvos aquí tan só unha pequena mostra exposta na cortiza da biblioteca. 

Parabéns a todas e todos!

luns, 4 de marzo de 2024

DÍA DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas decidiu en 2015 proclamar o 11 de febreiro como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

Aínda que cun pouco de retraso, na biblioteca non quixemos deixar de conmemorar este feito e, co fin de concienciar o noso alumnado da importancia e o valor da muller tamén no ámbito científico, esta mañá estivo de novo con nós Paula Rodiño, doutora en Ciencias Biolóxicas e profesional do CSIC na Misión Biolóxica de Galicia.

O alumnado de 6º asistiu á súa interesante presentación de diversas mulleres que a nivel mundial, español e galego deixaron unha importante contribución científica ao longo da historia.

Resultou unha charla do máis amena e interesante e dende a biblioteca queremos agradecerlle a Paula novamente que sempre estea aí, disposta a colaborar co noso cole en calquera momento.

Seguiremos contando contigo. Grazas, Paula!

venres, 1 de marzo de 2024

8 DE MARZO, DÍA DA MULLER

Próxima a data do 8M, tendes xa á vosa disposición no panel de suxestións da biblioteca unha primeira selección de libros para coñecer máis sobre a vida e o papel de moitas mulleres importantes que forxaron a nosa historia pasada e presente.

Iremos engadindo máis títulos segundo as vosas necesidades e  intereses.

Animádevos a vir, ollar e levar.