xoves, 30 de marzo de 2023

CONCURSO DE RELATO CURTO

 A FANPA (Federación de Asociacións de nais e pais de Centros Educativos Públicos da provincia de Pontevedra) organiza a IX edición do Certame de Relato Curto.

Segundo nos informa a propia FANPA, os principais obxectivos desta convocatoria son fomentar a creatividade no alumnado, potenciar a expresión e comprensión escritas, estimular o uso da lingua galega nas familias, facilitar as posibilidades de publicación á mocidade creadora, apoiar as escritoras/es noveis e afeccionadas/os e crear un espazo común e familiar para a creación literaria.

Dende o noso centro educativo, e particularmente desde a biblioteca escolar, apoiamos firmemente a idea desta convocatoria e animamos a todo o noso alumnado a participar na mesma.

Deixámosvos aquí as bases do concurso e a ligazón á web do certame onde se atopa o formulario que deberedes cubrir para poder participar e no que deberedes agregar o voso relato:

http://certame.nontedurmas.org

FORMULARIO

Lede ben as bases de participación e lembrade que os relatos deben ir asinados cun pseudónimo (o voso nome real debe indicarse no formulario de participación, pero non pode aparecer no relato).

A data límite de participación remata o vindeiro 10 de abril.

Ánimo e a participar!

martes, 21 de marzo de 2023

21 DE MARZO, DÍA MUNDIAL DA POESÍA

Dende o ano 2000, e coincidindo co inicio da primavera, cada 21 de marzo celebramos o Día Mundial da Poesía.

O Día da Poesía serve para honrar as e os poetas e promover a lectura e a escritura da poesía en calquera lingua do planeta, polo que é tamén unha forma de reivindicar a diversidade lingüística e fomentar a visibilidade de todas aquelas linguas que se atopan en perigo.

Coma sempre, na biblioteca puxemos á vosa disposición unha selección de libros e obras cos que gozar da lectura poética e moitos outros esperan nos andeis. Esperamos que sexan do voso agrado e que vos animedes a levar algún en empréstito.

luns, 6 de marzo de 2023

APRENDENDO PRIMEIROS AUXILIOS

Esta mañá Iria Guadarrama, enfermeira titulada e nai de Ari de 1º A, veu ao noso cole para ensinarnos a salvar vidas en caso de emerxencia.

Estivo coas nenas e nenos de 1º de Primaria para darlles unha sinxela, pero importantísima formación en primeiros auxilios. De xeito práctico, ensinounos algunhas técnicas que poden axudar a salvar unha vida en calquera momento.

O alumnado aprendeu con ela a alertar ao 112 en caso de emerxencia, a realizar unha reanimación cardiopulmonar (RCP), a pór en posición lateral de seguridade a unha persoa inconsciente e incluso a atender un atragoamento imprevisto.

Iria sinalou que este tipo de formación debería estar presente en todas as escolas de xeito programado no currículo do alumnado.

Seguramente estas nenas e nenos non esquezan o aprendido hoxe e poderán saber actuar en caso de emerxencia.

Dende a Biblioteca queremos agradecer a Iria a súa iniciativa e amabilidade con todas as nenas e nenos, aos que ademais agasallou ao final da clase cun marcapáxinas e unha medalla polo seu bo comportamento e a atención prestada.

Mil grazas, Iria! Volveremos contar contigo!


venres, 3 de marzo de 2023

DÍA DA MULLER

Achégase o 8 de marzo e un ano máis, dende a Biblioteca, queremos dar a coñecer e reivindicar os logros e valor das mulleres na sociedade, tanto no pasado coma hoxe en día.

No panel de suxestións tendes á vosa disposición unha ampla selección de libros moi interesantes para indagar e coñecer a biografía de moitas destas mulleres ou simplemente para concienciarnos sobre o papel que a muller debe esixir dentro da sociedade actual.

Animámosvos a vir, ollar e levar.