martes, 24 de febreiro de 2026

“CIENTÍFICAS ITALIANAS” NA NOSA BIBLIOTECA

Como estamos no mes da ciencia, hoxe as nenas e nenos de 5º B de Infantil recibiron unha visita moi especial.

As “científicas italianas” María, Lucía e Esther visitaron a nosa biblioteca.

Tras unha presentación en vídeo, pasaron a poñer en práctica unha morea de experimentos cos que fixeron as delicias do alumnado. Entre  outras cousas, puideron experimentar reaccións como as do leite con deterxente, observar os efectos do magnetismo ou comprobar a erupción dun verdadeiro volcán.

Foi todo un pracer recibilas e un orgullo para as súas fillas, Carmen, Zeltia e Vega.

Volvede sempre que queirades!

luns, 23 de febreiro de 2026

CIENCIA NA BIBLIO

Seguindo en febreiro coas conmemoracións do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, esta mañá visitounos Cristina, nai de Teo, de 1º B, para realizar co alumnado de 1º unha chea de experimentos que fixeron as delicias de todas e todos.

A rapazada aprendeu a crear e acender un volcán, a inchar un globo sen usar a boca ou a facer un arco da vella cun calcetín vello.

Pasárono xenial e dende a biblioteca queremos agradecerlle a Cristina a súa colaboración. Esperamos volver a tela con nós en vindeiras ocasións.

xoves, 12 de febreiro de 2026

DÍA MUNDIAL DA RADIO

O 13 de febreiro celebramos o Día Mundial da Radio para pór en valor a importancia da radio como medio de comunicación, educación e unión entre pobos e culturas.

A data foi elixida para conmemorar o nacemento da Radio das Nacións Unidas en 1946, recoñecendo o seu papel na difusión de información, o entretemento e a educación a nivel mundial, así como a súa contribución á paz e o entendemento entre as nacións.

O portal Escolas nas Ondas emite este venres diversos traballos escolares para festexar esta data.

Deixámosvos aquí o enlace, clicando na imaxe, por se resulta do voso interese. 


ENTROIDO 2026

 E por fin chega o gran día!

mércores, 11 de febreiro de 2026

UN CONTO EN ITALIANO

Menuda sorpresa recibiron esta mañá Carmen e as súas compañeiras e compañeiros de 5º de infantil!

Na biblioteca estaban María, a mamá de Carmen, e Julia, a súa irmá maior, dispostas a contarlles un conto... en italiano!

Preparadas con varios monicreques representativos das personaxes, ambas fixeron as delicias da cativada coa historia de A Eiruguiña comellona ou Il piccolissimo Bruco Maisazio.

Moitísimas grazas ás dúas por axudarnos a viaxar polo mundo tamén a través dos contos.


 

ENTROIDO 2026

E este xoves... como vos dea a gana!            

venres, 6 de febreiro de 2026

OS MANDADOS DO ENTROIDO 2026

O vindeiro luns comeza a semana do entroido na escola e con ela as ordes do noso meco particular para cada día da semana.

Recoñecédela?

martes, 3 de febreiro de 2026

MES DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

O día 11 de febreiro conmemoramos o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

Anticipándonos á data, hoxe recibimos na biblioteca a visita de Paula Rodiño e Silvia Amoedo, mamás do noso cole e traballadoras no ámbito científico. Viñeron para falar co alumnado de 1º ciclo sobre virus e bacterias, a súa función, propagación e maneiras de evitar as máis prexudiciais para a saúde.

Despois da conversa e dunha pequena presentación, finalmente as nenas e nenos realizaron unha actividade práctica para recoller mostras coas que observar o crecemento ou non das bacterias ao cabo do tempo.  

En breve volverán visitarnos para poder comprobar co alumnado os resultados obtidos.

A rapazada aprendeu e pasouno moi ben e, dende a biblioteca, queremos agradecerlles a Silvia e a Paula a súa desinteresada colaboración.

ACHÉGASE O ENTROIDO!

Xa temos preto o entroido e Cora escolleu algunhas recomendacións que tendes á vosa disposición no taboleiro de suxestións.

Poderedes atopar contos, narracións, manualidades ou algúns libros cos que aprender máis sobre as distintas variedades desta tradición tan nosa.

Esperamos que vos gusten!