sábado, 28 de marzo de 2026

XA ESTÁ AQUÍ UN NOVO PROGRAMA DE RADIO

Rematamos o trimestre cun novo programa de radio, nesta ocasión conducido polo alumnado de 5º A.

Non perdades as novas deste mes nin a colaboración especial do alumnado de 6º B de Infantil que nos entusiasmou coa súa narración do conto A toupeira Rosa!

Xa podedes acceder ao programa completo na lapela de Radio Negueirós.

27 DE MARZO, DÍA MUNDIAL DO TEATRO

Este venres, 27 de marzo, conmemoramos o Día Mundial do Teatro cunha actividade moi especial.

O alumnado de 1º, 2º e 3º tivo o pracer de asistir á representación teatral de Tespis e o seu carro, unha obra orixinal escrita e dirixida por Andrea Castro, directora da Escola Municipal de Teatro de Soutomaior.

A rapazada asistiu moi atenta ao espectáculo, onde nos falaron do nacemento do teatro e a historia das súas orixes a través dunhas peculiares personaxes que representaban a Comedia, a Traxedia, a Música e o Mimo.

Ao rematar a historia, pasárono xenial cantando e acompañando as compoñentes do grupo teatral.

Moitísimas grazas a Rocío, Suso, Melchor, Marcos e, por suposto, a Andrea por acoller tan positivamente a nosa proposta e ofrecernos un espectáculo tan divertido e marabilloso.

Estamos desexosas de volver contar con vós en vindeiras ocasións.

venres, 27 de marzo de 2026

CONCURSO DE RADIO

 Xa temos gañadora do noso 1º concurso de radio!

A agraciada foi Mª Carmen Granja Míguez, de 3º B, e esta mañá pasou pola biblioteca para recoller o seu agasallo.

Parabéns, Carmen! 

LECTURAS AO SOL

Aproveitando o bo tempo, esta mañá o club de lectura de 5º saíu ao patio para poñer punto e final ao último libro do trimestre.

Andrea García Martínez é a autora de Animais fantásticos de aldea, un libro cheo de misterio e imaxinación que gustou moito ás compoñentes do club.

Xa estamos desexando empezar unha nova aventura!

martes, 24 de marzo de 2026

OBRADOIRO DE RADIO CON DAMIÁN ALONSO

Esta mañá o alumnado de 5º participou nun obradoiro de radio impartido polo actor e formador de voz e podcasts, Damián Alonso.

Tras ofrecer unha formación sobre como preparar un guión, a elaboración dos textos ou o manexo da voz e dos nervios, o alumnado dividiuse en equipos para poñer en práctica todo o aprendido.

Cada grupo acordou, redactou e elaborou o seu propio programa de radio e posteriormente manexaron a mesa e os equipos para gravar o seu propio podcast orixinal.

A actividade resultou moi amena e produtiva e o alumnado pasouno xenial.

Foi un pracer contar de novo contigo, Damián! Ata outra!

luns, 16 de marzo de 2026

17 DE MARZO, DÍA DO CÓMIC

Este martes, 17 de marzo, conmemórase o Día do Cómic e do Tebeo.

Cora xa fixo unha selección de libros para que poidades mergullarvos nun mundo no que o que prima é a ilustración e o humor.

Pasade pola biblioteca e collede o que máis vos apeteza. Hai algunhas novidades!

xoves, 12 de marzo de 2026

CONTACONTOS NA BIBLIOTECA PÚBLICA

Esta mañá o alumnado de 1º ciclo visitou a Biblioteca Luis Seoane para asistir a unha sesión de contacontos a cargo de Ángeles Escribano Guiance.

Patri, a nosa bibliotecaria de referencia, deunos a benvida, e Ángeles entregounos unhas entradas moi especiais para asistir ao seu espectáculo de “Había una vez”.

Coma sempre, queremos agradecer as propostas de colaboración e a boa acollida que sempre nos ofrecen na Biblioteca Pública do noso concello.

Volveremos!

venres, 6 de marzo de 2026

CHEGA UN NOVO PROGRAMA DE RADIO

Marzo trae moitas cousas que contar. Nesta ocasión foi o alumnado de 4º o encargado de retransmitirnos as novas máis interesantes deste mes. Faláronnos do Día do Escultor, do Día da Muller, dos avances no noso proxecto de centro,... e ademais estreamos unha nova sección: Radio Concurso.

Antón e Aixa, de 3º, foron os colaboradores especiais desta semana para a  sección de Radio Conto.

Xa podedes escoitar o programa ao completo na nosa lapela de Radio Negueirós.

Esperamos que vos guste!

mércores, 4 de marzo de 2026

8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Cada 8 de marzo rememoramos a loita histórica das mulleres pola igualdade de dereitos, pola mellora das súas condicións laborais e polo recoñecemento da súa participación social.

E para aprender máis sobre a importancia e as aportacións da muller ao longo da historia, Cora xa ten preparada unha selección de obras para todas as idades.

Pasade pola biblioteca!