luns, 25 de maio de 2020

PASAPALABRA MEDIEVAL


Durante este curso estivestes traballando moito no noso Proxecto de Centro A Idade Media en Soutomaior. 

Para que poidades demostrar na casa canto aprendestes, dende a Biblioteca queremos propoñervos un desafío: completar correctamente algún dos Pasapalabra Medievais que vos deixamos a continuación. 

Todas as definicións están relacionadas coa temática estudada ao longo do ano, pero se non lembrades algo, podedes volver a investigar ou pedir axuda entre os membros da familia. Ofrecémosvos tres niveis de dificultade e un máis en inglés.
Atrevédesvos a intentalo? 
Prestade atención ao singular/plural e aos acentos.





domingo, 17 de maio de 2020

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Chegou o 17 de maio, o día da nosa lingua, das nosas letras e da nosa cultura.

Aínda que este ano, por mor do coronavirus , a homenaxe oficial da Real Academia Galega vaise trasladar ao 31 de outubro, dende a biblioteca decidimos seguir mantendo a celebración durante todo este mes de maio.

A nosa lingua precisa que a defendamos e a valoremos non só un día, nin un mes, senón todos os días do ano. E para iso vós sodes imprescindibles.

Hoxe queremos festexar o día das nosas letras coa publicación do libriño feito grazas a todas as vosas aportacións.


E para seguir a festa, deixámosvos este alegre videoclip interxeneracional no que UXÍA, en colaboración con TANXUGUEIRAS e FAIA, e con representación de moita xente da cultura e do ensino, poñen voz e música ao fermoso poema de Manuel María, A Fala.

Visionádeo ata o final porque ten sorpresa! 

A FALA
POEMA: Manuel María. MÚSICA: Uxía e Sérgio Tannus.

venres, 15 de maio de 2020

CARVALHO CALERO POETA


Seguimos na semana das Letras Galegas e hoxe deixámosvos un poema de Carvalho Calero publicado inicialmente na revista Nós: Tenho umha dor.

Foi musicado polo dúo 2naFronteira, con Maurizi Polsinelli ao piano e a fermosa voz de Carmen Penim. Prestade moita atención á súa letra!



Se prestastes atención, agora xa estades preparadas e preparados para participar neste xogo creado no CEIP Apóstolo Santiago, de Santiago de Compostela. Así que preme na imaxe e...


a xogar e a lograr un montón de puntos!

xoves, 14 de maio de 2020

CARVALHO CALERO E O REINTEGRACIONISMO


Xa sabedes que Carvalho Calero defendía que o galego e o portugués son a mesma lingua. Esta postura chámase reintegracionismo e o que promove é a defensa dunha ortografía e morfoloxía converxente coa norma empregada en países como Portugal ou Brasil, pero tamén noutros moitos lugares do mundo.

Dende o CEIP Apóstolo Santiago, de Santiago de Compostela, Rocío Candales ofrécenos este recurso, cunha información moi clara e interesante sobre Carvalho Calero e o reintegracionismo.


Preme na imaxe para comezar
E se queredes saber como se le o galego reintegrado, aquí vos deixamos este vídeo de Eduardo Maragoto, Presidente da Associaçom Galega da Língua, que volo explica moi ben.

mércores, 13 de maio de 2020

MÁIS XOGOS

Dende o CPR San Pío X de Ourense chéganos este xogo, creado polo mestre David Rial, co que comprobar canto sabemos de Don Ricardo Carvalho Calero. O RiDardo simula unha partida de dardos con 10 tiradas. En cada unha delas aparecerá unha pregunta con tres opcións de resposta. Saberedes cal é a correcta?

Animádevos a xogar e a ver cantos puntos logrades acadar!

E dende a Biblioteca Municipal Luís Seoane de Soutomaior tamén queren convidarvos a participar nun xogo creado por eles sobre as Letras Galegas e a figura de Carvalho Calero. Se premedes na imaxe atoparedes as instrucións do xogo:

luns, 11 de maio de 2020

XOGOS DAS LETRAS

Xa estamos na Semana das Letras Galegas. Dende a Biblioteca queremos poñer ao voso alcance unha serie de materiais a través dos que poderedes coñecer mellor o autor homenaxeado e a súa obra.

A Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra comparte con todos nós o seu proxecto As Pitas Baixo a Choiva. Co permiso de Edicións Embora, ofrécennos un material composto de contos, música e actividades diversas.

Preme na imaxe e poderás acceder ao conto, á canción e ás demais actividades.


E como entendemos que a mellor maneira de aprender sempre é facelo de xeito lúdico, propoñémosvos dous xogos de Escape Room, un pensado para Educación Infantil e outro para Primaria.

Para xogar deberedes seguir as pistas, contestar ou resolver correctamente os misterios propostos e anotar o número que vos dan cada vez que acertades. Ao final, con ese código secreto, descubriredes a solución ao enigma.

Da autoría de kyara8 ofrecémosvos este Escape Room axeitado para Educación Infantil.


E Alba Carril, do CPI de Vedra, e Ana Santos, do CEIP de Carril, elaboraron este outro moi apropiado para Primaria

Por último, non queremos esquecer a música e aquí vos deixamos un Preguntoiro Musical proporcionado por José Manuel López Cabana.


Desexamos que vos divirtades e aprendades moito con todos eles.

xoves, 7 de maio de 2020

LETRAS GALEGAS 2020

EDUCACIÓN INFANTIL
Aquí podedes escoitar unha adaptación do conto: 
"AS PITAS BAIXO A CHOIVA" 
de Ricardo Carvalho Calero, autor homenaxeado este ano no día das Letras Galegas.

PROPOSTAS PARA DESPOIS DE ESCOITAR O CONTO 
Debuxar a parte do conto que máis lle gustara, escribir o título do conto ou o nome do autor.
Animádevos a facerlle unha foto e enviala a 


para que poidamos ver todos no blog da biblioteca o chulos que quedaron.

luns, 4 de maio de 2020

MAIO: MES DAS LETRAS GALEGAS


Desde 1963, cando se cumprían 100 anos da publicación do libro Cantares Galegos de Rosalía de Castro, cada 17 de maio celebramos que en Galiza temos unha lingua e unha literatura propias.

Este ano farémolo nuhas circunstacias moi especiais, pero aínda así dende a Biblioteca queremos animarvos a festexar esta data e homenaxear a persoa nomeada pola Real Academia Galega: Don Ricardo Carvalho Calero.

Carvalho Calero foi un lector apaixoado dende neno e na súa casa, ademáis de xornais, tamén había algo que non era habitual naquel tempo: libros na nosa lingua. Esa semente de lecturas fixo florecer naquel rapaz o magnífico escritor e investigador que chegou a ser. 

A nosa cultura debe ser motivo de orgullo e todas e todos temos a responsabilidade de coidala e facela medrar. Dende a biblioteca alentámosvos a amosar ese orgullo falando, lendo, escribindo e imaxinando en galego.

Carcalho Calero pasou moitos veráns da súa infancia nunha casa preto de Ferrol que se chamaba Os Tumbos. Alí sentíase libre e feliz.

Nestes días nos que todas e todos estamos un pouco faltos de liberdade, seguro que sodes capaces de lembrar ou imaxinar algún lugar especial que tamén vos faga sentir esa alegría e liberdade.

Deixa voar a túa imaxinación, escolle fermosas palabras e crea unha breve hitoria ou poeme (dun máximo de 9 liñas) onde nos contes como é ou que farías nese lugar marabilloso. Tamén tés a opción de expresalo a través dun debuxo no que podes incluír algunha palabra significativa. Despois envíanola ao correo da biblioteca antes do día 15 deste mes.

O 17 de Maio conmemoramos o Día das Letras Galegas coa publicación dun libriño virtual con todas as vosas producións.

Preme na imaxe para descargar o documento desexado no que debes  presentar o teu traballo e  posteriormente enviarnos ao correo:





Coa vosa axuda a nosa lingua permanecerá viva miles de primaveras máis!

venres, 1 de maio de 2020

A BAILAR CON PESDELÁN!

Para os que vos perdestes a actuación de Pesdelán no Día Mundial da Danza, deixámosvos aquí a súa actuación ofrecida polo Salón do Libro.
Esperamos que o pasedes xenial bailando en familia!