martes, 25 de outubro de 2022

UNHA MAÑÁ ESPECIAL!

Esta mañá estiveron con nós Mª Carmen e Gabriela, dúas mamás do noso colexio que se prestaron a colaborar coa biblioteca escolar.

Como nos atopamos preto do Samaín, hoxe trouxéronnos unha proposta de actividade plástica coa que o alumnado de 1º e 2º de primaria puido desenvolver a súa imaxinación e creatividade.

As nenas e nenos pasárono xenial e dende o Equipo  de Biblioteca  queremos expresarlles o noso sincero agradecemento pola súa boa disposición.


Moitas grazas ás dúas! Esperamos volver a tervos con nós en vindeiras ocasións!

ACHÉGASE O SAMAÍN!

Entramos na semana do Samaín e, coma cada ano, no panel de exposicións da biblioteca espéravos unha boa selección de libros cos que morrer de medo.

Animádevos a entrar e a buscar o que mellor se adapte aos vosos gustos!

luns, 24 de outubro de 2022

DÍA DAS BIBLIOTECAS, DE TODAS AS BIBLIOTECAS

“Los libros han sido perseguidos por toda clase de Estados y por toda clase de religiones, pero esto no significa nada en comparación con lo que han sido amados.(...) Y pese a quien pese, las bibliotecas inundan el mundo y las vemos hasta en las calles y al aire libre de los jardines de las ciudades.”

Federico García Lorca

O 24 de outubro conmemórase o Día das Bibliotecas en recordo da destrución da Biblioteca de Saraxevo incendiada en 1992, durante a Guerra dos Balcáns.

Para conmemorar esta data, na Biblioteca do Padín Truiteiro quixemos rememorar o formidable discurso pronunciado por García Lorca na inauguración da Biblioteca da súa vila natal de Fuente Vaqueros.

Deixámosvos a continuación un vídeo gravado polo alumnado de 5º de Primaria con algún dos seus fragmentos máis significativos.

PREME NA IMAXE PARA VER O VÍDEO

Ademais, as nosas axudantes de Biblioteca de 6º curso deseñaron un fermoso cartel conmemorativo que durante estes días nos dará a benvida á Biblioteca do Padín Truiteiro.

mércores, 19 de outubro de 2022

17 DE OUTUBRO, DÍA DAS ESCRITORAS

Coma cada ano dende o 2016, o luns máis achegado ao 15 de outubro celebramos en todas as bibliotecas o Día das Escritoras. A idea desta conmemoración xurdiu para reivindicar o labor e o legado das mulleres escritoras ao longo da historia.

Nesta sétima edición, na nosa biblioteca quixemos darlle especial visibilidade ás nosas escritoras, ás autoras galegas. Mulleres como Paula Carballeira, Fina Casalderrey, Ledicia Costas, Ánxela Loureiro, Teresa González Costa, Andrea Maceiras, An Alfaya, Uxía Casal, Eva Mejuto, Antía Yáñez, Rosa Aneiros, Concha Blanco, Gloria Sánchez, María Canosa... e tantas e tantas outras que nos ofrecen as súas obras para goce de todas e todos nós.

Tendes os libros á vosa disposición no panel de suxestións.

luns, 17 de outubro de 2022

ESTAMOS DE VOLTA!

Despois de varias semanas de reorganización dos espazos, colocación de novo mobiliario e mellora da sinalización e da cartelería hoxe, por fin, a nosa Biblioteca abriu de novo as súas portas.

Esta mañá tivemos unha gran afluencia de alumnado. Todas e todos estaban desexando que a biblioteca volvera ao seu horario normal en tempo de recreo.

Pero lembrade que tamén estaremos abertos os luns, mércores, xoves e venres de 4 a 6 da tarde.

Esperámosvos!