xoves, 5 de novembro de 2026

Mochilas e Bolsas Viaxeiras!!!


Se aínda non vos visitaron, sabede que pronto o farán. Xa están en marcha as mochilas e bolsas viaxeiras! Van cargdas de lecturas!!! 

O alumnado de Educación Infantil leva bolsa viaxeira. 

 

 O alumnado de Educación Primaria leva Mochila Viaxeira.

 

 

 Lede e gozade das lecturas e do tempo xuntos!

Nova tempada de Radio Negueirós!

Atención! Estreamos nova tempada de Radio Negueirós, a radio que fala coma nós. Seguídenos e estaredes ben informados do que pasa na nosa escola.

Neste episodio, o alumnado de 6º dedica o programa á conmemoración de Samaín, comparten datos curiosos, adiviñas e... unha historia de medo!!!!

             

Agardamos que vos guste!

mércores, 4 de novembro de 2026

Club de Lectura de Alumnado!

Arrancou o Club de Lectura Compartindo Aventura para o alumnado de 4º e 5º de primaria e de 6º de primaria.

Os de 4º e 5º reúnense quincenalmente cada luns.

Na 1ª sesión compartiron conversa sobre gustos literarios, así como sobre os motivos que os levaban a participar no club. Logo escollemos a lectura coa que queriamos comezar e, xa na casa, decoraron as portadas das súas libretas de notas. Amelia fixo un precioso acróstico sobre o que significa para ela pertencer a un club de lectura. 


Este luns celebramos unha 2ª sesión para debater sobre o libro Neko, unha obra sobre un tema moi serio, o maltrato e a violencia contra as mulleres, aínda que con toques de humor e moita tenrura. 

                      

A este grupiño xeitoso dámoslle as grazas por participar e desexámoslles Felices Lecturas!!!

venres, 30 de outubro de 2026

Arranca o Club de Lectura!!!!

Dende que abriu as súas portas a nosa biblioteca está imparable. Na tarde do xoves acolleu as participantes no club de lectura de persoas adultas!!!

As participantes, acompañadas da moderadora, mantiveron unha animada charla sobre as súas experiencias lectoras: libros lidos, participación noutros clubs de lectura, preferencias lectoras, e o máis importante, a súa relación coa lectura ao longo da vida (de nenas, de adultas, na escola, coas fillas e fillos, etc.)

Seguidamente pasaron a elixir a primeira lectura deste curso, que será... 

 

Agardamos que lles guste!!! 

Ah, e xa temos nome para o Club: Mouchiñas Lectoras! Que vos parece?

xoves, 29 de outubro de 2026

Teatro en Samaín

O mércores 28, o alumnado de 1º e 2º de primaria tivo a sorte de asistir a unha obra de teatro na biblioteca.

                                        

Esta pequena e terrorífica peza teatral foi interpretada por un grupo de nais (Lucía, Yoli, Lorena e Cris), que o fixeron de MEDO!!!!!!!!

A obra titúlase: As catro Monstros e é unha idea orixinal de Cris. Aquí podedes vela e comprobar o moitísimo que gozou a rapazada.


Agradecemos de todo corazón esta colaboración tan divertida!!!!

martes, 27 de outubro de 2026

Día das bibliotecas

Recén celebrado o día das bibliotecas, o pasado 24 de outubro, hoxe o alumnado de 6º pasou unha sesión na biblio.

Acompañados do Teacher, fixeron uso da radio. Mentres uns gravan outros practican.

 

Teñen entre mans unha actividade internivel. Os maiores gravan para os compis doutros niveis unhas adiviñas en inglés, relativas a Halloween e as súas critaturas... 

Agradecemos que veñan facer uso da biblioteca e as súas ferramentas!!!

luns, 26 de outubro de 2026

Recoñecemento da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica

Trala organización dunha carreira solidaria o curso pasado, na que se recadaron 926€ para a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Loli Beloso, organizadora do evento, e o propio Doutor Carracedo, fixeron entrega do recoñecemento ao noso centro.

O acto tivo lugar na X Festa da Investigación de Tomeza en prol da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica.

Dende o noso centro, damos as grazas á Fundación, á organizadora e ao Doutor, polo seu traballo, e un grazas especial a rapazada e familias por facelo posible.

Grazas!

venres, 23 de outubro de 2026

Un Universo de Escritoras

O pasado 19 de outubro conmemoramos o Día das Escritoras, iniciativa organizada entre a Biblioteca Nacional de España, a Federación Española de Mulleres Directivas e Executivas Profesionais e Empresarias, e a Asociación Clásicas e Modernas. Dende os seus inicios busca reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia.

Dende a nosa biblioteca partiu a iniciativa de investigar unha escritora, e como o noso proxecto de centro versa sobre o universo, sería fantástico se descubrísemos escritoras que dedicaron as súas obras a esta materia.

As aulas recibiron a iniciativa con entusiasmo e traballaron duro para alcanzar o resultado que vos amosamos a continuación.

Agardamos que vos guste!

 

mércores, 21 de outubro de 2026

Lecturas de Medo!!!

 

Coma todos os anos, Cora empezou a seleccionar algúns libros para conmemorar esta data do ano. Intentou que tódalas criaturas tiveran un lugar destacado na sección de suxestións. Hai para todos os gustos!!! 

Téndelos xa á vosa disposición no panel de exposicións da biblioteca.


martes, 20 de outubro de 2026

Visita de Brazolinda!

 

O pasado luns a rapazada de 6º recibiu a visita do proxecto Brazolinda, baseado no deseño e fabricación de xogos de mesa en galego. Esta actividade foi proposta polo Equipo de Dinamización da Lingua, tivo lugar na nosa biblioteca.

Os xogos elixidos para esta ocasión foron:

A noite do meigallo (adiviñas e rimas).

Sálvora (baseados en feitos reais).

O gatipedro (lendas galegas).

A fume de carozo (no que se encargarán de gardar un segredo).


O alumnado de 6º  veu aprender e será o encargado de ensinarlles a outras  compañeiras e compañeiros. Esta é unha pequena mostra de como lles foi:

 

 

 

 

 

 

 

Agora deberán rematar a misión: xogar con outros cursos!!! 

xoves, 8 de outubro de 2026

Familias na escola

Hoxe recibimos unha visita moi especial: a nai de dúas alumnas. Encántanos que veñades de visita e colaboredes co noso alumnado!!



O tema da charla foi: a alimentación. O noso alumnado aprendeu a clasificar os alimentos e a importancia tanto dunha alimentación saudable, como de saber elixir os alimentos e non deixarnos enganar pola publicidade.

 
A rapazada disfrutou da charla e amosouse participativa e interesada.
 
 
 
Unha vez máis, moitísimas gracias por vir!!!

luns, 5 de outubro de 2026

venres, 2 de outubro de 2026

Polo, o monstro que quedou sen roupa!!

 Hoxe Danae leunos o conto: Polo, o monstro que perdeu a roupa.

 

Logo ensinounos unhas marionetas chulísimas feitas con calcetíns.


Explicounos que iamos crear a nosa propia marioneta, parecida a Polo, o protagonista do conto. Para iso, precisabamos uns calcetíns e un montón de material: cartolina, olliños, etc.


O primeiro paso é facer unha boca con cartolina, utilizando a silueta da nosa man.

 

Despois, damoslle volta e botamos pegamento para pegar a boca.

Eliximos gomaeva da nosa cor favorita para facer o interior da boca.

Volvemos darlle a volta e colocamos a nosa boca de gomaeva, botando un pouco de cola.

Seguidamente toca porlle ollos, pelo, antenas... Decoramos ao noso gusto!!


Mans á obra!!!
 

 Depois de tanta creatividade... Este foi o resultado!!!


 

 

luns, 28 de setembro de 2026

Despegando... A misión vai comezar!

 

Atención!! Atención!!! Mensaxe recibida!! Hoxe ás 11:50, no Centro Espacial Manuel Padín Truiteiro!!

Xa comezado o novo curso escolar, e durante a hora da merenda, o noso alumnado recibiu hoxe unha mensaxe entrecortada. A rapazada alarmada escoitou con atención. A mensaxe pedía colaboración urxente! Alguén se tiña que achegar á biblioteca e atopar o sobre indicado cunha encarga dentro.

Empezamos!!! Seguídenos!! Non perdades detalle!!! Estamos imparables!!

xoves, 25 de xuño de 2026

DESPEDIMOS O CURSO

Chegamos ao fin deste curso e Lara e Ian foron nesta ocasión os encargados de darnos a despedida e desexarnos a todas e todos un feliz verán a través das ondas de Radio Negueirós.

Xa podedes acceder ao programa na nosa lapela de Radio.

Feliz verán!

mércores, 24 de xuño de 2026

LECTURAS PARA O VERÁN

Remata un curso máis e chega de novo o verán, as vacacións, o tempo libre...

Desde a Biblioteca, coma sempre, queremos animarvos a pasar parte dese tempo cun bo libro nas mans.  

Deixámosvos a continuación a selección que fixo Cora pensando en todas e todos vós. Lembrade que se queredes saber máis de cada título só tendes que clicar na imaxe.

Bo verán e felices lecturas!

Vémonos en setembro!

venres, 19 de xuño de 2026

NOVO GAÑADOR DO CONCURSO DE RADIO

E aquí tendes o gañador do noso último concurso de radio: Markel Morán Couto, de 6ºB de primaria. Parabéns!

Con el despedimos por este curso esta sección tan agardada dos nosos programas de radio, pero...

En setembro voltamos!

mércores, 17 de xuño de 2026

HISTORIAS, RISAS E ILUSTRACIÓNS

Este ano o alumnado de 5º de primaria leu o libro Milú e o edificio das persoas extraordinarias, de Abel Tomé.

Como nesta ocasión non foi posible recibir a visita do autor, hoxe o alumnado gozou dunha sorpresa moi especial, un encontro co contacontos e ilustrador Benxamín Míguez.

Benxamín, recoñecido narrador, ilustrador e animador sociocultural, ademais de mestre, conversou coa rapazada sobre a lectura de Milú e despois fixo rir e viaxar ao alumnado cunha fantástica historia chea de poderes máxicos e moita imaxinación.

Moitas grazas por agasallarnos cunha xornada tan divertida!

sábado, 13 de xuño de 2026

HISTORIAS QUE CHEGARON AO NOSO CONCELLO II

Seguimos coa rolda de entrevistas ás familias do noso alumnado inmigrante. O pasado 4 de xuño foron Diego, Avril. Carlos e Sabela, de 5º de primaria, os encargados de conversar con varias mamás da nosa comunidade educativa.

Claudia, Eliana, Andrea, Marlene e Anisleidy ofrecéronnos un novo programa moi emotivo no que nos falaron das súas experiencias antes e despois da saída dos seus países de orixe: perdas, ilusións, morriña, recordos, plans de futuro...

Para as que non tivestes ocasión de escoitalas en directo, xa podedes acceder ao programa na nosa lapela de Radio Negueirós.

venres, 12 de xuño de 2026

DESPEDIMOS O CLUB DE LECTURA EN 5º

A aventura do club de lectura chegou ao seu fin en 5º de primaria.

Hoxe tocou xornada de despedida e as integrantes recibiron un pequeno agasallo como lembranza do seu paso por este Compartindo Aventura no que participaron ao longo deste curso, partillando historias, sentimentos, emocións, xogos e risas.

Esperamos vervos de novo o vindeiro curso!

mércores, 10 de xuño de 2026

EXPOSICIÓN DO PROXECTO EN INFANTIL

O alumnado de 6º de infantil demostrounos esta mañá que os peques tamén saben facer unha magnífica exposición do traballo realizado ao longo de todo o curso.

Despois de ter estudado moitas cousas sobre o Reino Unido, hoxe quixeron compartir con nós parte do aprendido grazas ao proxecto de A viaxe que nos une.

Fixérono xenial! Parabéns a todas e todos!

mércores, 3 de xuño de 2026

COMPARTINDO AVENTURA FINAL EN 6º

O club de lectura Compartindo Aventura de 6º puxo hoxe punto e final a este curso cunha actividade do máis amena e divertida co mestre e poeta Anxo Iglesias.

Despois de ler Tacón, punta, tacón e Unha nova dimensión, o alumnado de 6ºB compartiu unha mañá moi especial co seu autor.

Durante o encontro, a rapazada descubriu que a poesía non ten por que ser aburrida, senón que pode convertirse nun xogo marabilloso de palabras "patas arriba", ritmos e aturuxos.

Conversaron co autor sobre identidade, mulleres bravas, fixeron rimas, divertidos equilibrios coas palabras que compoñen o libro... e acabaron traballando poesía, incluso do xeito máis sorprendente e incrible: coa retransmisión dalgunha das mellores xogadas do Celta de Vigo. Podedes crelo?

Coma sempre, foi un verdadeiro pracer recibir a Anxo Iglesias e partillar con el momentos inesquecibles.

Moitas grazas pola túa visita, polo teu dinamismo, pola túa proximidade e, sobre todo, por contaxiarnos a túa paixón pola lectura en galego!