luns, 11 de maio de 2026

AVALIACIÓN DA BIBLIOTECA

Remata un curso máis e de novo queremos saber a vosa opinión sobre o funcionamento da biblioteca e as vosas experiencias nela. É por iso que vos pedimos que cubrades a enquisa que vos deixamos abaixo, respondendo con sinceridade a todas as cuestións.

Premede na imaxe, marcade a opción que consideredes máis axeitada e dádelle a enviar. Tendes de prazo ata o venres, día 29 de maio.

Moitas grazas pola vosa colaboración!

domingo, 10 de maio de 2026

DÍA INTERNACIONAL DAS FAMILIAS

O 15 de maio celebramos o Día Internacional das Familias, unha data que oficializou a Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1994 co fin de concienciar a toda a poboación sobre o papel que xogan as familias, todos os tipos de familias, na formación e coidado das súas fillas e fillos.

No panel de exposicións da biblioteca xa tendes a escolla que fixo Cora sobre esta temática para ampliar a vosa visión e os vosos coñecementos sobre os distintos núcleos familiares.

Vinde botar un ollo!


venres, 8 de maio de 2026

UN ENCONTRO CON ANTONIO M. FRAGA

Este ano o alumnado de 4º de primaria leu a novela de Antonio M. Fraga, Papá Caníbal, un enredo tolo, disparatado e moi divertido que ten lugar na noite de Samaín.

Hoxe o seu creador visitou o noso cole e conversou co alumnado, que incluso se atreveu a facerlle algunhas suxestións. Ao final o autor asinou os exemplares das nenas e nenos para que lles quede un bo recordo da actividade.

Aínda que Antonio Fraga estudou enxeñería industrial, a súa vocación literaria levouno a escribir un bo número de obras para a literatura infantil e xuvenil.

Con Papá Caníbal logrou enganchar o seu lectorado, que seguramente, en breve, se animará a coñecer algo máis da súa obra.