mércores, 22 de xuño de 2022

LECTURAS PARA O VERÁN

Chegou o verán!

Despois deste ano de traballo, chegan por fin as desexadas vacacións.

Dende o Equipo da Biblioteca queremos que a lectura e as ansias de coñecemento sigan formando parte das vosas vidas tamén durante este período estival. É por iso polo que escollemos unhas pequenas recomendacións lectoras coas que poder pasar uns bos momentos, aínda que calquera outro libro pode ser igualmente unha boa escolla.

Gozade do verán e da lectura e...

vémonos á volta das vacacións!!

PREME NA IMAXE PARA ACCEDER

venres, 10 de xuño de 2022

ENCONTRO CON ANTONIO M. FRAGA

Hoxe o alumnado de 4º de Primaria tivo un encontro con Antonio M. Fraga, autor da novela Papá Caníbal. O libro foi o escollido este curso para ler no seu club de lectura de aula e resultou un verdadeiro éxito.

A enxeñosa e divertida novela arrancou as risas e fixo gozar a todas e todos coa súa lectura e por fin, esta mañá, as nenas e nenos de 4º tiveron ocasión de charlar sobre ela e sobre moitas outras cousas co seu creador.

Resultou unha conversa moi interesante e ao finalizar o escritor asinou os exemplares do alumnado como un fermoso recordo deste encontro e desta lectura. 

mércores, 1 de xuño de 2022

AVALIACIÓN BIBLIOTECA

Dado que a Biblioteca é un pouquiño de todas e todos, tamén tendes dereito a facer unha avaliación do seu funcionamento. Para iso pedímosvos que cubrades a enquisa que vos deixamos abaixo respondendo con sinceridade a todas as cuestións.

A intención da mesma é que nos fagades saber aquelas cousas que vos parece que están funcionando ben e aqueles outros aspectos nos que pensades que podemos mellorar.

As vosas suxestións serán tidas en conta para que, de cara ao próximo curso, a Biblioteca poida adaptarse e dar mellor resposta a todas as vosas necesidades.

Premede na imaxe, marcade en cada apartado a opción que consideredes máis axeitada e dádelle a enviar. Tendes de prazo ata o martes, día 7 de xuño.

Moitas grazas pola vosa colaboración!