mércores, 28 de novembro de 2018

INAUGURACIÓN

 O xoves, 29 e o venres, 30 de novembro celebramos a inauguración das nosas novas bibliotecas (infantil e primaria). Para iso contamos coa presenza de Anxo Moure quen, coma sempre, fixo as delicias de todo o alumnado, dende os máis cativos ata os maiores, incluíndo o profesorado. Aínda que el nos agradeceu o convite e manifestou sentirse moi honrado porque pensaramos nel precisamente para inaugurar as bibliotecas, debemos dicir que o pracer foi todo noso. As súas dotes narrativas, a súa paixón pola lingua e a natureza e o seu engado e xeito tan persoais fixeron que os diversos grupos que foron pasando pola biblioteca gozaran enormemente escoitando as súas historias, rindo, cantando e bailando xuntos.

Dende o Equipo da Biblioteca queremos agradecer todo o esforzo que fixo a dirección do centro para que este proxecto fose posible. Así mesmo, tamén queremos recoñecer o apoio inestimable do concello e dos seus operarios, algún dos cales invertiu moito tempo, mesmo fóra do seu horario laboral, para realizar algúns proxectos, crear mobiliario a medida e axudarnos a rematar todas as obras que se levaron a cabo. E como non, tamén tivemos a inmensa sorte de contar coa nosa Nati que, máis ca unha conserxe, é unha compañeira, traballadora incansable, creativa e sempre disposta a colaborar; ela tamén empregou moito do seu tempo libre traballando para que as nenas e nenos do PadínTruiteiro poidan ter hoxe unha das mellores bibliotecas escolares da contorna.

Moitas grazas a todas e todos!

martes, 20 de novembro de 2018

📕 A NOVA BIBLIOTECA

A transformación  da nosa nova biblioteca está a piques de rematar! En breve seremos todas e todos convidados á súa inauguración. Mais antes queremos darlle as grazas a todo o alumnado que, facendo gala dunha gran inventiva, creatividade e imaxinación, tamén contribuiu á súa posta en marcha coas propostas de deseño do personaxe que trala apertura oficial se vai convertir na imaxe da nosa biblioteca.

Entre todas as nenas e nenos presentáronse máis de 400 debuxos que foron votados nos distintos niveis. Queremos felicitalos a todos polo seu entusiasmo e polos magníficos traballos realizados. A elección foi difícil, pero estes foron os deseños finalistas escollidos democraticamente entre todas e todos.



Deixámosvos a continuación o audio coa historia que motivou esta explosión creativa.