venres, 23 de outubro de 2020

AS MOCHILAS EN MARCHA!

Dende 1997 cada 24 de outubro celébrase o Día das Bibliotecas, unha conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil. 

O lema deste ano é “Bibliotecas, sempre ao teu carón” e tenta destacar o importante papel que xogan as bibliotecas ofrecendo acceso á cultura, ao coñecemento e ao entretemento en calquera lugar e circunstancia.

Dende a nosa biblioteca tentamos manternos ao voso carón e seguir ofertándovos os nosos servizos en circunstancias tan complexas como as que estamos a vivir.

Despois dos retos propostos con motivo do Día das Escritoras, hoxe puxemos en marcha as mochilas viaxeiras en todos os cursos. Este ano, debida á situación pola que estamos a pasar, reducimos a súa estadía nos vosos fogares a 5 días, en lugar de 7 habituais, pero esperamos que sigades gozando dos materiais ofertados e dunha experiencia tan fermosa como a que nos proporcionan o mundo dos libros e da lectura en familia.

mércores, 21 de outubro de 2020

MULLERES GALEGAS NO DÍA DAS ESCRITORAS 2020.

"O esforzo cotián das mulleres" era o lema escollido para a celebración do Día das Escritoras deste ano 2020. O esforzo de moitas e moitos de vós fixo posible rememorar a figura dalgunhas das escritoras máis significativas do noso país.

Dende o Equipo de Biblioteca queremos agradecer o labor de investigación realizado.

Cos vosos traballos quedou patente que a escritora galega máis recoñecida é Rosalía de Castro.

Outras escritoras que quixestes reivindicar foron Exeria, Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Fina Casalderrey, Ánxela Loureiro, María Victoria Moreno, Sabela Fernández, Andrea Maceiras e María Canosa.

Recollemos a continuación as producións que nos enviastes como resposta aos dous retos propostos.

RETO 1


RETO 2

domingo, 18 de outubro de 2020

DÍA DAS ESCRITORAS

 Comezan a chegar as primeiras propostas de escritoras galegas que merecen un recoñecemento.

ANIMÁDEVOS A SEGUIR SUMANDO!!!

RETO 1




RETO 2




xoves, 15 de outubro de 2020

DÍA DAS ESCRITORAS 2020.

 "Tócanos facer as cousas ás agachadas, que non se note que estamos, porque somos invisibles como o ar. O que non saben, ou non pensan, é que o ar se coa en todos os recantos precisamente porque non se ve. Así facemos nosoutras."

                    Eva Mejuto  Memoria do silencio (Editorial Xerais)

Baixo o lema "O esforzo cotián das mulleres", o vindeiro 19 de outubro celebraremos a V edición do Día das Escritoras.

Esta conmemoración busca reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia e cada ano celébrase no luns máis cercano á festividade de Teresa de Jesús, que é o 15 de outubro.

Desde a biblioteca queremos proporvos un novo reto para que se visibilice a obra das escritoras galegas de calquera época, actual ou pasada.

Poderedes escoller entre estas dúas opcións:

Reto 1. Enviádenos a caricatura ou debuxo dalgunha escritora galega indicando o seu nome, ano de nacemento e  morte (de ser o caso) e a razón pola que vos parece importante reivindicar a súa figura.

Reto 2. Deberedes buscar calquera fragmento literario, pensamento ou frase dunha escritora galega que vos chamara a atención ou vos guste especialmente.

Coma sempre, deberedes enviarnos as vosas propostas ao correo da biblio biblioteca.manuelpadintruiteiro@gmail.com indicando no asunto RETO BIBLIOTECA. Non esquezades incluír o voso nome e curso. Iremos colgando no blog da biblioteca as propostas recibidas ata o luns, día 19.

Animádevos a investigar e participar.  

mércores, 14 de outubro de 2020

ESTAMOS DE VOLTA!

Aínda que un pouco máis tarde do habitual, a biblioteca xa está case lista para comezar o novo curso.

Este ano, como ben sabedes, vai ser diferente por mor do coronavirus. Debido aos protocolos COVID non poderemos organizar todas as actividades que nos gustaría, teremos que limitar o aforo da biblioteca e renunciar aos recunchos de xogos e á apertura no horario de recreo e polas tardes, pero aínda así empezamos este curso con moita ilusión.

Contaremos con novas normas, novo horario e moitas restricións, pero faremos o posible para que poidades seguir aprendendo e gozando na vosa biblioteca.

De momento estamos con reformas, poñendo un novo chan, instalando un mellor alumeado e colocando novo mobiliario para tentar facela máis  acolledora e agradable. Esperamos tela lista en breve e poder recibirvos nela, pero mentres tanto estaremos en contacto a través desta xanela.

Permanecede atent@s porque pronto comezaremos coa proposta dalgúns retos. Contamos con vós!

Vémonos axiña!