luns, 31 de marzo de 2025

NOVIDADES

Cora acaba de poñer no taboleiro de recomendacións algunhas das novas adquisicións da biblioteca.

Tendes libros de narrativa, poesía ou informativos sobre moi distintas temáticas.

Animádevos a botarlles un ollo. Seguro que vos gusta algún.

xoves, 27 de marzo de 2025

AS PERSOAS EXTRAORDINARIAS DE ABEL TOMÉ

Este ano, o alumnado de 5º leu o libro gañador do Premio Merlín 2024, Milú e o edificio das persoas extraordinarias, de Abel Tomé.

Abel Tomé é unha persoa polifacética que, despois de cursar un ciclo formativo e traballar como soldador, decidiu estudar xornalismo e realizar un mestrado en Dereitos Humanos

Esta mañá, no encontro co autor, as rapazas e rapaces tiveron a oportunidade de profundar máis na temática da marxinalidade, a pobreza, a xustiza social, a cooperación ou a solidariedade entre as persoas, temas fundamentais na formación integral e ética do alumnado.

Foi unha conversa moi interesante e produtiva, que rematou coa sinatura dos exemplares do libro estudado.

luns, 24 de marzo de 2025

BENVIDOS AO MEU LIBRO!

 

Hoxe inauguramos na biblioteca a exposición de traballos literarios realizados polo alumnado de 4ºA de primaria.

Trátase dun pequeno percorrido por diversas obras da literatura xuvenil universal explorada a través dos ollos das nenas e nenos.

A exposición permanecerá aberta do 24 ao 28 de marzo con entrada libre en horario de recreo e ao longo do resto das mañás en compañía do profesorado de cada nivel.

Posteriormente trasladarase á Biblioteca Pública Luís Seoane, onde permanecerá ata despois da Semana Santa.

Animádevos a visitala! Seguro que vos gusta!

venres, 21 de marzo de 2025

SABELA FERNÁNDEZ

 Esta mañá recibimos na nosa biblioteca a autora Sabela Fernández Trelles.

Tras ler os seus libros Augusta e os seus medos (en 1º) e Que queres ser de maior, pequena?  (en 2º), a escritora visitou o noso cole para ter un encontro coa rapazada do 1º ciclo.

De xeito amable e divertido conversou, cantou e incluso se prestou a participar nunha pequena entrevista que lle tiñan preparada as nenas e nenos de 2ºA.

A súa visita rematou coa sinatura dos exemplares do alumnado.

Foi un pracer recibila e conversar con ela.

venres, 7 de marzo de 2025

8 DE MARZO, DÍA DA MULLER

Tendes xa á vosa disposición no panel de suxestións da biblioteca unha  selección de libros para coñecer máis sobre a vida e o papel de moitas mulleres importantes da nosa historia pasada e presente.

xoves, 6 de marzo de 2025

UNHA MAÑÁ NA BIBLIOTECA LUÍS SEOANE

Hoxe a rapazada de 2º de primaria visitou a Biblioteca Municipal Luís Seoane.

Foi unha mañá chea de historias, viaxes e risas e, despois dos contos, tocou pasalo ben explorando os libros e recunchos da biblioteca.

Moitas grazas pola boa acollida!

VISITA DE MARTA VILLAR

Hoxe o alumnado de 4º de primaria recibiu a visita de Marta Villar, autora do divertido libro Os peidos máxicos de Sultán.

Con ela falaron sobre se os peidos de Sultán son verdadeiramente máxicos, que hai que facer para ser unha escritora e xornalista cun can de 80 quilos ao que non lle gustan os ciclistas, como xestionar as batallas e a la dun mastín... e unha chea de cousas máis moi interesantes.

O encontro rematou coa sinatura de exemplares do libro por parte da autora.

Moitas grazas, Marta Villar!!