Mañá, mércores, 29,
celébrase o Día Mundial da Danza.
Dende
o Salón do Libro de Pontevedra puxéronse en contacto con Pesdelán e estes
artistas deseñaron un espectáculo exclusivo para este tempo de confinamento.
Empregando a linguaxe
universal da danza, farán un percorrido polo baile tradicional galego, mais
tamén polo de Euskadi, Brasil ou Portugal.
A finalidade é que vós,
familias, bailedes, gocedes e celebredes xuntos este fermoso día, aínda que non
se poida saír da casa.
Deixámosvos aquí o enlace
no que poderedes acceder ao espectáculo, aínda que tamén o poderedes facer a
través das canles habituais do Salón (Facebook, Instagram ou Youtuve).
Rematada a Semana do
Libro, queremos agradecervos a participación nos retos propostos dende a
Biblioteca. Estamos moi felices coa vosa resposta e orgullosos dos magníficos
traballos presentados. Parabéns a todas e todos!!
Hoxe, 23 de abril, festexamos o Día Internacional do Libro,
que naceu coa intención de fomentar a lectura e defender a industria editorial
e os dereitos de autor.
A idea desta conmemoración xurdiu
en España en 1926, aínda que as súas orixes están ligadas á celebración do San
Jordi en Cataluña, onde era costume que os homes lle regalasen unha rosa ás
mulleres e estas, a cambio, os agasallasen cun libro.
Comezouse celebrando o 7 de
outubro, data na que se cría que nacera Miguel de Cervantes, autor do Quixote,
pero cando se descubriu que isto non era certo, trasladouse a conmemoración
para o día da súa morte, o 23 de abril, coincidindo así coa festividade de San
Jordi.
Finalmente, en 1995, a UNESCO estendeu
a celebración a outros países do mundo coa proclamación deste día como o Día
Internacional do Libro e dos Dereitos de Autor, atendendo á “casualidade” de que
se correspondía coa data do falecemento de Cervantes e coa do nacemento e morte
de William Shakespeare.
Aínda que hoxe non poidamos
saír á rúa nin mercar un libro co que agasallar a algún dos nosos seres
queridos, dende este recuncho da Biblioteca queremos animarvos a celebrar
dalgún xeito este día.
Deixámosvos aquí algunhas
propostas de lectura:
Preme nas imaxes para acceder aos libros
E se preferides escoitar,
ofrecémosvos este coñecido conto infantil:
Tomar un libro nas nosas
mans sempre é unha agradable maneira de pasar o tempo. Con el podemos esquecer
os nosos problemas por un tempo, soñar, evadirnos, vivir novas aventuras,
aprender, emocionarnos...
Este ano celebramos o Día
do libro nunhas circunstancias moi especiais, pero seguro que, precisamente por
iso, os libros foron nestes días uns dos nosos mellores amigos.
Por iso, dende a
Biblioteca queremos proporvos hoxe unha serie de retos cos que podedes
conmemorar esta data. Aí van:
RETO 1: Crear unha breve historia a
partir dos títulos dalgúns libros que teñades pola casa.
Deixade voar a vosa
imaxinación e poderedes crear calquera historia. A temática é totalmente libre.
RETO 2: Lendo en familia.
Envíanos unha foto destes
días na que ti ou a túa familia aparezades lendo. Pode ser un libro, o
periódico, unha revista ... o que queirades.
Animádevos a participar e
enviádenos os vosos retos ao correo da biblioteca:
biblioteca.manuelpadintruiteiro@gmail.com
indicando no asunto RETO BIBLIOTECA. Non esquezades incluír o voso nome e
curso. Iremos colgando no blog da biblioteca as propostas recibidas.
Do 9 ao 13 de marzo
estaban previstas toda unha serie de actividades para celebrar a Semana da
Diversidade sexual e Familiar.
Dende a biblioteca
expuxéronse unha selección de libros encamiñados a traballar co alumnado a
temática da diversidade sexual, os diferentes tipos de familia e, ante todo, o
respecto polas diferenzas.
Dende os máis cativos de
Infantil ata os maiores usaron estes libros na aula ou pasaron pola Biblioteca
acompañados das súas titoras e titores para coñecer algunhas das historias e
reflexionar xuntos sobre elas.
Leváronse a cabo sesións
de contacontos tanto no espazo infantil como na Biblioteca central.
Ademais, nas aulas
realizáronse diversas actividades formativas e de creatividade. A intención era
pór unha pequena semente no noso alumnado co fin de formar uns futuros adultos máis
tolerantes e empáticos.
O venres, 13, estaba
previsto montar un mural no patio cos traballos realizados nas aulas ao longo
de toda a semana. O anuncio da suspensión das clases impediu que se rematara,
pero á volta tentaremos retomar o tema e ensinarvos aquí o chulo que quedou.
Como cada ano, o Salón do Libro de Pontevedra abría as súas portas para
una nova edición que levaba por título “O Humor”, a celebrar do 6 ao 27 de
marzo. Porén, o día 12 víase na obriga de cancelar toda a súa programación sen
posibilidade de reapertura no presente ano.
Dende ese momento, a organización traballou na maneira de adaptarse ás
circunstancias e facernos chegar unha boa parte do seu programa. A través da
web poderedes acceder a un montón de recursos e propostas coas que entreterse
nestes días de obrigado confinamento: vídeos con obradoiros, contacontos,
visitas virtuais...
Como xa levamos moitos días de corentena,dende a Biblioteca queremos poñer á vosa
disposición algúns recursos literarios que vos poidan axudar a pasar o tempo
dun xeito máis ameno. Grazas á atención da distribuidora Consorcio Editorial
Galego e á solidariedade e xenerosidade de moitos e moitas creadoras e
editoriais, podemos achegarvos unha serie de materiais educativos de balde para
facer máis levadía esta situación excepcional.
Preme no nome da editorial e poderás acceder
aos contidos.
Campaña "Con vós na casa": Descarga de lecturas para tódalas idades
Como liberar o potencial do
voso neno: Kit completo de actividades
Montessori 0-2 anos
Campaña "Olla O
Papagaio": Descarga de exemplares do xornal
Contos contadosen
Kalandraka TV
Dende o seu grupo
A Xanela do Maxín ofrece o video completo da obra: A toupiña que
quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza.