xoves, 27 de novembro de 2025

VISITA Á BIBLIOTECA PÚBLICA

Despois de ter adiado a actividade en dúas ocasións por motivos alleos á nosa vontade, por fin esta mañá o alumnado de 5º visitou a Biblioteca Luis Seoane na xa habitual colaboración entre a entidade municipal e a nosa biblioteca escolar.

Coma sempre, fomos recibidos con esa alegría e vitalidade tan propias de Mar e a amabilidade do resto das traballadoras da biblioteca pública, facendo que sempre sexa un gusto participar nas actividades propostas.

Tras afondar no coñecemento das instalacións e xogar cos títulos e os argumentos que hai detrás das portadas dun libro, a rapazada divertiuse moito participando nunha actividade de boockface.

Grazas a todo isto, seguramente esta mañá aumentou o número de socios da biblioteca municipal.

Moitas grazas a Patri pola súa proposta e a boa acollida!


luns, 17 de novembro de 2025

CONTOS POLO SAMAÍN

O pasado xoves, 30 de outubro, e como xa ven sendo habitual, o alumnado de Infantil, 1º, 2º e 3º asistiron a unhas sesións de contos de medo a cargo do alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria.

Foi unha boa maneira de pechar as celebracións destes días de Samaín.

Moitas grazas a tódolos participantes!

Deixámosvos aquí algunhas desas contadas. Só tendes que pinchar no título ou na portada do conto.

CHEGOU de Ánxela

DÍA INTERNACIONAL DA INFANCIA

 
O 20 de novembro de 1989 a Asemblea Xeral da ONU ratificou a Declaración dos Dereitos da Infancia.

Aínda que se teñen dado moitos avances e progresos, inda queda un longo camiño por percorrer e moitos esforzos por realizar para lograr a efectiva consecución deses dereitos en moitas partes do mundo.

Desde a biblioteca, Cora quere convidarvos a revisar eses dereitos e concienciarvos da necesidade de loitar xuntas e xuntos para acadar a súa efectiva consecución.

luns, 10 de novembro de 2025

MES DA CIENCIA

En novembro celebramos o Mes da Ciencia nas Bibliotecas. Aínda que desgraciadamente non hai demasiadas publicacións na nosa lingua, Cora fixo unha selección de libros nos que poder consultar, aprender e experimentar.

Animádevos a pasar pola Biblioteca e iremos ampliando a escolla durante os vindeiros días.

domingo, 9 de novembro de 2025

COMPARTINDO AVENTURA EN 5º DE PRIMARIA

Alumnado de 5º de primaria está xa compartindo tempo e intercambiando impresións no noso club de lectura Compartindo Aventura. 

A súa primeira escolla foi o libro de Ledicia Costas A Señorita Bubble. Deus salve as raíñas.

En tempos de recreo intercambian as súas impresións sobre o texto, as ilustracións, as emocións que lles transmite a historia,...

Agora están en pleno proceso creativo e cooperativo sobre o laboratorio imaxinario da Señorita Bubble. Esperamos con impaciencia que nos amosen os resultados.