xoves, 18 de decembro de 2025

CONCURSO: UNHA VIAXE ALUCINANTE

Desde a Biblioteca queremos animarvos un ano máis a participar nun novo reto para compartir tempo en familia durante este Nadal.

Podedes consultar aquí as bases do concurso e toda a información.

Haberá premio para os mellores traballos.

Animádevos a concursar!


LECTURAS PARA O NADAL

 Chega o Nadal e esta é unha época perfecta para gozar dunha boa lectura.

Dende a Biblioteca, Cora quere ofrecervos algunhas recomendacións que podedes incluír na vosa lista de desexos para o Apalpador, Papá Noel ou os Reis Magos, porque un libro sempre é un bo agasallo.

Bo Nadal e Felices Lecturas!

martes, 16 de decembro de 2025

UNHA DIETA SAUDABLE

Esta mañá visitounos de novo Claudia, a mamá de Amelia Luchón, para dar unha charla ao alumnado de 3º sobre  alimentación e hábitos saudables.

Trala información, as nenas e nenos fixeron unha actividade moi interesante por equipos, que consistiu en clasificar alimentos para obter o gran prato saudable da nosa dieta.

Foi unha charla moi amena e desde a Biblioteca agradecemos a colaboración de Claudia na educación da nosa rapazada.

venres, 12 de decembro de 2025

HORA DO TÉ NO CLUB DE LECTURA

 Como remate á lectura de A señorita Bublle. Deus salve as raíñas, o alumnado de 5º puxo fin a este primeiro trimestre no club de lectura coa degustación dun “té con pastas” ao modo dos ingleses.

Despois de comentar os últimos capítulos do libro, entre todos os participantes montaron un quebracabezas colaborativo e remataron a sesión tomando o “té”/zume con pastas.

Foi unha boa maneira de pórlle un broche final ao trimestre.

Xa vos iremos informando de cal é a seguinte lectura escollida.

A ver se gusta tanto coma esta!

martes, 2 de decembro de 2025

AS FAMILIAS NA VIAXE QUE NOS UNE

Hoxe tivemos unha tarde moi especial porque nais, pais e alumnado viñeron decorar a biblioteca para o noso proxecto de centro, A viaxe que nos une.

A colaboración entre a biblioteca e a ANPA materializouse nun concurso aberto a toda a comunidade educativa para que cadaquén puidese aportar a súa particular visión arredor da temática deste ano.

A resposta das familias foi marabillosa e o resultado magnífico.

Estades convidad@s a visitar a biblioteca e comprobar o fermoso que quedou todo.

Moitas grazas a todas e todos pola vosa participación!

luns, 1 de decembro de 2025

DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

O 3 de decembro conmemoramos o Día Internacional das Persoas con Discapacidade ou Diversidade Funcional.

Desde a biblioteca queremos reafirmar o compromiso da nosa escola coa defensa dunha educación pública e inclusiva, baseada nun modelo social diverso, que rexeita plenamente calquera tipo de discriminación, segregación ou exclusión.

Por iso, estes días Cora fixo unha pequena selección de lecturas para que todas e todos poidamos reflexionar sobre o tema.

Pasade pola biblioteca e collede o que queirades.