luns, 23 de decembro de 2024

CONTAMOS CONTOS NO NADAL

O mércores e o xoves  tivemos sesións de contacontos. Nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de Primaria contaron contos, algúns creados polo propio alumnado, que fixeron as delicias dos nenos e nenas de infantil e 1º, 2º e 3º de primaria. 

Parabéns a todas e todos polo magnífico traballo!!!

AMPLIAR

mércores, 18 de decembro de 2024

APADRIÑAMENTOS LECTORES

Esta mañá Saray, Ero e Nerea foron as madriñas e padriño lector do alumnado de Infantil. Achegáronse a contarlles Cocorico e os peques pasárono fenomenal.

Moitas grazas! Fixéstelo de marabilla!

LECTURAS PARA O NADAL

Dende a Biblioteca queremos animarvos a incluír na carta para o Apalpador, Papá Noel ou os Reis Magos a petición dun libro como agasallo.

Deixámosvos aquí algunhas suxestións a ter en conta para que as incorporedes entre os vosos desexos.

AMPLIAR

luns, 16 de decembro de 2024

APADRIÑAMENTOS LECTORES



Hoxe Xián e Laura achegáronse a 4º de Infantil para contarlles aos peques a historia de O avó de Zulaimar.

Fixérono xenial e xa estamos desexando que volvan outro día.

Parabéns e moitas grazas aos dous!



luns, 9 de decembro de 2024

RECOMENDACIÓNS DE NADAL

Cora estavos esperando xa coas súas recomendacións de Nadal para estes días.

Pasádevos pola biblio!!!



martes, 3 de decembro de 2024

TODAS E TODOS BAIXO O MESMO PARAUGAS

 

Hoxe, martes 3 de decembro, conmemórase o Día Internacional da Diversidade Funcional para lembrarnos que, independentemente da nosa condición física e persoal, temos moito que aportar. Porque todas e todos somos diferentes, pero contamos por igual.

Na nosa escola quixemos visibilizalo coa actividade proposta dende o Departamento de Orientación “Todas e todos baixo o mesmo paraugas”. E dende a biblioteca quixemos aportar o noso granciño de area cunha pequena exposición de libros para traballar nas aulas ou levar ás nosas casas.

Convidámosvos a collelos!

APADRIÑAMENTOS LECTORES

Esta mañá comezamos de novo coa actividade dos apadriñamentos lectores. Nesta primeira sesión foron Ana e Antón, de 4º A, os que se achegaron ás aulas de 4º de Infantil para facer as delicias da cativada co conto Monstro Azul.

Dende a biblioteca queremos agradecer a Antón e a Ana a súa participación voluntaria e desinteresada.

Seguiremos contando con vós!


venres, 29 de novembro de 2024

CELEBRAMOS O MES DA CIENCIA

Un ano máis contamos coa inestimable colaboración de Paula Rodiño, doutora en Ciencias Biolóxicas e profesional do CSIC na Misión Biolóxica de Galicia, para poñer punto ás actividades realizadas con motivo do mes da ciencia en galego.
Nesta ocasión foi o alumnado de 3º de Primaria o que asistiu á súa interesantísima charla sobre algunhas das grandes mulleres que deixaron unha importante contribución científica ao longo da historia.
A súa presentación serviu para facernos reflexionar sobre o feito de que moitas veces se tratou de ocultar o relevante papel destas mulleres no progreso da humanidade co fin de minimizar así o seu legado. 

luns, 25 de novembro de 2024

DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

Temos no panel de suxestións da Biblioteca unha selección de libros para taballar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres (25 de Novembro).

Os materiais están a disposición de todo o profesorado co fin de que poidan utilizalos para o traballo co seu alumnado.

xoves, 21 de novembro de 2024

VISITAMOS A BIBLIOTECA PÚBLICA

Esta mañá o alumnado de 1º fixo unha visita á Biblioteca Pública Luís Seoane de Arcade.

Alí recibíronnos con moita alegría Patricia, Lorena e Mar.

Esta última foi a encargada de ofrecernos unha sesión de contacontos que fixo as delicias de grandes e pequenos coa súa simpatía.

Ao remate, Patricia e Lorena animaron á cativada a facerse socias e socios e a repetir a experiencia calquera outra tarde para asistir ás múltiples actividades que organiza a biblioteca municipal.

A visita foi todo un éxito e as nenas e nenos regresaron felices ao cole.

 

luns, 4 de novembro de 2024

MES DA CIENCIA


Estamos no mes da ciencia e xa tedes a vosa disposición unha selección de libros na biblioteca para experimentar, descubrir e aprender.
Agardamos que vos gusten!!!

domingo, 3 de novembro de 2024

SAMAIN 2024

O luns, martes e mércores tivemos sesións de contacontos. 

Nenos e nenas de  4º, 5º e 6º contaron contos de medo a nenos e nenas de infantil, 1º, 2º e 3º que quedaron encantados coa actividade.

Parabéns a todos e todas polas magníficas actuacións!!! 

xoves, 24 de outubro de 2024

24 DE OUTUBRO, DÍA DAS BIBLIOTECAS

A conmemoración do Día das Bibliotecas pretende destacar o papel fundamental que desempeñan as bibliotecas de todo tipo na construción dunha sociedade cada vez mellor informada, máis igualitaria e máis xusta.

Como pequena contribución a esta celebración, o noso alumnado de 6º de primaria elaborou un sinxelo encrucillado que nos deixa mostra das moitas variantes que caben nunha biblioteca.

Que vos parece?

martes, 22 de outubro de 2024

ACHÉGASE O SAMAÍN

 Cora xa vos ten preparada unha primeira selección de libros de medo cos que ir abrindo boca de cara ao Samaín.

Atrevédesvos a collelos?



luns, 21 de outubro de 2024

SAEN AS PRIMEIRAS MOCHILAS VIAXEIRAS

Hoxe puxéronse en marcha as mochilas viaxeiras en 5º e 6º de primaria.

Coma todos os anos, permanecerán  nas vosas casas durante unha semana, de mércores a martes.

Esperamos que vos gusten e nos axudedes a valoralas e melloralas cubrindo o caderno viaxeiro coas vosas impresións, suxestións, críticas, debuxos, fotos,... 

A PLENO RENDEMENTO

O día 1 de outubro abrimos novamente as portas da nosa biblioteca e a estas alturas xa estamos a pleno rendemento.

Lembrade que tamén estamos abertos os luns, mércores, xoves e venres de 4 a 6 da tarde e para calquera membro da comunidade.

Agardámosvos!

martes, 15 de outubro de 2024

PREPARANDO O CLUB DE LECTURA

 

En breve arrancaremos cunha nova edición do Club de Lectura “Compartindo Aventura”.

Este ano contaremos novamente con tres grupos de 5º e 6º de Primaria.

As sesións darán comezo o vindeiro mes de novembro.

Aínda estades a tempo de anotarvos.

Animádevos!

DÍA DAS ESCRITORAS 2024

Un ano máis, este luns, 14 de outubro, conmemoramos na nosa escola o Día das Escritoras.

Desde Infantil ata 6º de primaria, cada aula investigou algunha das escritoras máis relevantes da literatura galega e universal.

Un mural na entrada da biblioteca serviu para realizar un pequeno xogo de recoñecemento destas figuras da arte literaria.


martes, 18 de xuño de 2024

RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA O VERÁN

Chega o verán e con el o final doutro curso escolar máis.

Desde a biblioteca esperamos que tiverades un magnífico ano e que agora poidades gozar plenamente dunhas merecidas vacacións.

Coma sempre, deixámosvos aquí as nosas recomendacións para pasar parte dese tempo acompañadas  e acompañados dun bo libro.

luns, 17 de xuño de 2024

UN SERVIZO VITAL

Esta mañá Alicia e Fran, os pais de Hugo de 2º B, viñeron ao noso cole, xunto con varias compañeiras e compañeiros de Protección Civil, para ensinarnos a importancia do seu traballo ante diversos tipos de emerxencias.

Despois dunha charla informativa na biblioteca sobre as actuación que poden levar a cabo os membros de PC e diversos consellos para evitar accidentes domésticos, as nenas e nenos de 2º saíron ao patio para ir pasando en grupos por un circuito interactivo no que puideron ver os traxes e accesorios das voluntarias,  manipular diversas ferramentas de traballo como os batelumes, realizar unha reanimación cardiopulmonar (RCP), entrar e activar a sirena dos coches de emerxencias ou observar como funciona un extintor.

A sesión fíxose curta, pero resultou moi formativa.

Moitas grazas a Alicia, Fran e aos demais membros de Protección Civil do Oitavén-Tea polo seu labor e por vir compartilo con nós.

AVALIACIÓN DO CLUB DE LECTURA

Despois de participar no club de lectura pedímosvos que avaliedes o seu funcionamento. Para iso deberedes cubrir a enquisa que vos deixamos abaixo respondendo con sinceridade a todas as cuestións.

Premede na imaxe que corresponde ao voso curso, marcade en cada apartado a opción que consideredes máis axeitada e dádelle a enviar.



Moitas grazas pola vosa colaboración!

venres, 14 de xuño de 2024

UNHA MAÑÁ DE TEATRO


Esta mañá as nenas e nenos de Infantil pasárono xenial na función ofrecida pola Escola de Teatro Municipal da que forman parte moitas avoas e avós do noso cole.
Estamos moi agradecidos porque quixeran participar na vida escolar e se ofreceran voluntariamente a alegrar os últimos días de cole antes das esperadas vacacións de verán.
Tiveron a sensibilidade de presentarnos un espectáculo divertido, alegre e, sobre todo, inclusivo, co que lograron a atención de todo o alumnado e que este o pasara realmente ben coas historias que nos ofreceron enriba do escenario.
Foi un pracer tervos con nós. Esperámosvos de novo para o vindeiro curso!

xoves, 13 de xuño de 2024

LEMBRANDO AO HEMATOCRÍTICO

O pasado 27 de novembro falecía repentinamente un dos escritores máis queridos da literatura infantil, Miguel López, máis coñecido como El Hematocrítico.
Este ano, o alumnado de 2º leu un dos seus últimos títulos publicados, Morto de fame, unha historia, como case todas as súas, chea de humor e moi divertida.
Como xa non tivemos oportunidade de compartir con el, esta mañá recibimos ao tamén escritor David Rodríguez, que veu para lembralo xunto a nós e facerlle entre todas e todos unha pequena homenaxe.
David volveu rememorar con todas e todos a historia de Draculiño e finalmente rematamos cantando xuntos coa música da súa guitarra. 

xoves, 30 de maio de 2024

ABRAZAR COAS PALABRAS

 

Hoxe, e grazas ao programa de Lectura e Familias, nais, pais e cativada de Infantil e 1º de Primaria gozaron dunha tarde moi especial na nosa biblioteca.

Tivemos a sorte de poder contar coa presenza e a magnífica voz de Charo Pita, que fixo as delicias de todas e todos cos seus contos e os seus cantos.

Debido á gran demanda das familias, e para poder acoller a todas as participantes interesadas na actividade, tivemos que organizar dous pases.

Nunhas sesións, que se fixeron moi curtas, ofreceunos un obradoiro de lectura, Abrazar coas palabras, cheo de emocións e complicidade. Nais, pais, nenas e nenos falaron, riron, xogaron... e levaron para as súas casas e nos seus corazóns algo impagable, a ledicia de compartir momentos únicos e irrepetibles.

luns, 27 de maio de 2024

DESPEDIDA DE CURSO CON LUIS VALLECILLO

Como xa se achega o fin de curso, na biblioteca quixemos ofrecer unha pequena actividade de despedida para os máis cativos.
O alumnado de Infantil recibiu esta mañá  a visita de  Luis Vallecillo, compositor, dramaturgo, músico e monicrequeiro nacido en Madrid, pero galego de adopción e espallador da nosa lingua e da nosa cultura.

venres, 24 de maio de 2024

CLUB DE LECTURA E REFUXIADOS

Despois da lectura de Eu son A, de Steve Tasane, no club de lectura de 5º pensamos que sería interesante aprender máis sobre o tema dos refuxiados e contactamos coa Asociación Diversidades de Tui para que nos deran máis información sobre a problemática dos inmigrantes e refuxiados.

Nerea, Alejandra e Paula foron as encargadas de presentar e xustificar a charla ante as súas compañeiras e compañeiros de 5º, aos que convidaron a compartir con elas esta actividade nacida no Club de Lectura.

mércores, 15 de maio de 2024

VISITA DE ANDREA GARCÍA


Hoxe o alumnado de 5º de primaria tivo o pracer de recibir a visita de Andrea García na nosa biblioteca.
A xove escritora conversou coa rapazada sobre o seu libro Animais fantásticos de aldea. O desenvolvemento da trama e o seu final un tanto aberto deixaron intrigado ao noso alumnado, que preguntou por unha posible e futura continuación da historia, algo que Andrea nin negou nin confirmou.
Ao remate da charla, a autora deixou a todas e todos asombrados coa súa destreza como debuxante e rematou asinándolles os seus exemplares do libro.
Quedamos logo pendentes dunha nova publicación.

BRYANNA E ANABEL, MADRIÑAS MONICREQUEIRAS

Esta mañá Bryanna e Anabel de 4º de Primaria foron ás aulas de 6º de Infantil para contarlles a historia Pasiño, de James Simon.

Fixeron un traballo marabilloso adaptando a obra a un espectáculo xenial de monicreques co que os cativos gozaron ao máximo

Parabéns e moitísimas grazas, madriñas lectoras!

venres, 10 de maio de 2024

21 DE MAIO, DÍA DE DIVERSIDADE


O 21 de maio celébrase o Día da Diversidade Cultural, o Diálogo e o Desenvolvemento.
Estes días tendes xa á vosa disposición na Biblioteca unha selección de títulos cos que poder reflexionar ou traballar nas aulas.

domingo, 5 de maio de 2024

AVALIACIÓN BIBLIOTECA

Como a Biblioteca é un pouquiño de todas e todos, un ano máis pedímosvos que avaliedes o seu funcionamento. Para iso deberedes cubrir a enquisa que vos deixamos abaixo respondendo con sinceridade a todas as cuestións.

Premede na imaxe, marcade en cada apartado a opción que consideredes máis axeitada e dádelle a enviar. Tendes de prazo ata o venres, día 31 de maio.

Moitas grazas pola vosa colaboración!

martes, 30 de abril de 2024

TRABALLANDO AS EMOCIÓNS

 

Onte e hoxe o alumnado de 6º estivo participando nunha actividade ofertada polo Concello de Soutomaior para aprender a xestionar emocións e sentimentos.

O obradoiro Traballando as emocións foi impartido na biblioteca e, a través da utilización de diversas técnicas de cohesión, a monitora logrou que as rapazas e rapaces aprenderan nestes días a coñecerse un pouco mellor, a controlar as súas emocións e a xestionar éxitos e frustracións.

Foron dúas sesións cheas de xogos e risas, mais tamén cunha boa dose de reflexión, nas que o alumnado descubriu moitas cousas sobre autocontrol, empatía e saíu emocionalmente reforzado.


Este tipo de actividades sempre serán benvidas na nosa escola e na nosa biblioteca.

venres, 26 de abril de 2024

UN ENCONTRO CON LEDICIA COSTAS


Despois de ler a última aventura de A Señorita Bubble, Deus salve as raíñas, chegou a hora do encontro coa súa creadora e esta mañá o alumnado de 4º de primaria recibiu a visita de Ledicia Costas na Biblioteca escolar.

Ledicia Costas é unha das escritoras máis traducidas e recoñecidas da literatura galega e as nenas e nenos de 4º tiveron hoxe ocasión de coñecela e conversar con ela en primeira persoa.

A autora foi moi amable e cercana con todas e todos e ao final asinou os exemplares do libro adquiridos polo alumnado.

Foi todo un pracer tela entre nós!

xoves, 25 de abril de 2024

23 DE ABRIL, DÍA DO LIBRO

Para conmemorar o Día do Libro e os Dereitos de Autor, dende a biblioteca lanzamos algunhas propostas de actividades ás que o alumnado respondeu moi positivamente.

Coma sempre, Cora expuxo as súas recomendacións lectoras e, ao igual que en anos anteriores, hoxe sacamos ao patio os libros expurgados ao longo deste curso para darlles unha segunda vida a través da nosa coñecida campaña “Adopta un Libro”.

Ademais, todo o alumnado do centro participou na elaboración do mural colectivo  O meu libro favorito”.

Deixamos aquí algunhas imaxes deste día.

VER AMPLIADO

mércores, 24 de abril de 2024

LADRÓNS DE VERSOS

No Club de Lectura “Compartindo Aventura” de 6º B quixemos celebrar o mes da poesía coa lectura de  O meu gato é un poeta de Fran Alonso, un poemario divertido e doado de ler.

Agora estamos a realizar un taller de escritura creativa convertíndonos en “Ladróns de versos”. A actividade consiste en escoller algúns versos do libro que rimen entre si e crear novas estrofas. Finalmente, hai que pórlle título aos novos poemas, ilustralos e lelos en voz alta.

Está a resultar unha actividade moi divertida e aínda botamos unhas risas!

martes, 23 de abril de 2024

O ALUMNADO DE 3º VISITA A BIBLIOTECA PÚBLICA

Coincidindo co Día do Libro, ao longo desta mañá, ademais de participar nas actividades organizadas no propio cole, os tres grupos de 3º de Primaria realizaron unha visita á Biblioteca Pública Luís Seoane de Arcade.

Alí recibíronos con moito agarimo, ensináronlles as instalacións e animaron, a todos os que aínda non o eran, a facerse socias e socios a través dunha folla de inscrición.

Mar García e Uxía Couto foron as encargadas de animar o día coa lectura e interpretación de diversos contos.

A rapazada rematou a visita cun ratiño de relax para a lectura.

As nenas e nenos pasárono moi ben e regresaron moi contentos.

De novo o noso agradecemento á bibliotecaria municipal, Patricia Rodríguez, que sempre está disposta a organizar actividades para nós e a recibirnos da mellor maneira posible. 

venres, 19 de abril de 2024

RAMÓN VEIGA CO ALUMNADO DE 1º

Hoxe estivo de novo con nós Ramón Veiga, autor dunha serie de banda deseñada que gusta moito ao noso alumnado: as historias de Miñoca.

As nenas e nenos de 1º leron Miñoca e coello, unha historia sobre a amizade entre dous seres en aparencia moi distintos, pero que logran facerse amigos a pesar das súas diferenzas.

Esta mañá coñeceron o autor do libro e crearon, coa súa axuda, as súas propias ilustracións de Miñoca.

Ao final marcharon cos seus libros asinados e con ganas de seguir lendo máis historias.

Moitas grazas a Ramón Veiga pola súa visita!

AS MADRIÑAS LECTORAS

Hoxe as nosas madriñas lectoras, Yanira Muíños e Carmen Currás, de 4º de Primaria, visitaron a aula de 6ºB de Infantil.

Trouxéronnos o conto El patito feo, nunha versión adaptada con pictogramas.

Ao igual que en anteriores ocasións, as nenas e nenos quedaron encantados coa visita e xa están desexando repetir.

As nosas madriñas dixéronnos que o vindeiro luns irían tamén a 6ªA. Aí queda a súa promesa.

Moitísimas grazas, madriñas lectoras!

martes, 9 de abril de 2024

AS NOSAS MADRIÑAS LECTORAS

Hoxe tocou unha nova sesión de contacontos en 6ºB de Infantil da man das nosas madriñas lectoras, Yanira Muíños e Laura Stratta, de 4º de Primaria. ocasión viñeron contarnos a historia de Ranilda.

As nenas e nenos de Infantil quedaron encantados.

Xa estamos desexando recibir de novo a visita das nosas madriñas!

venres, 5 de abril de 2024

UNHA VIAXE DA MAN DE PAULA RIVAS

 

Esta mañá o alumnado de 3º recibiu a Paula Rivas, autora  de A incrible viaxe de Antía ao cerebro humano, un libro de contidos científicos co que poder aprender gozando da lectura.
A autora redondelana, doutora en neurociencia e cun amplo curriculum profesional en diversas cidades europeas, creou unha obra a medio camiño entre a ficción e a divulgación co fin de achegar á rapazada diversos coñecementos sobre o funcionamento do corpo humano.
A escritora captou a atención das nenas e nenos cunha amena exposición acompañada por algúns “personaxes” da súa historia.
Despois de responder a múltiples preguntas, a autora despediuse do alumnado asinando os seus exemplares do relato.
Foi un privilexio contar coa presenza dunha científica e escritora desta categoría no noso cole!

SALVEMOS O PLANETA

Esta semana, no Club de Lectura “Compartindo Aventura”, o grupo de 6º A iniciamos a lectura dun novo libro: Xelís, o guieiro das botellas de mar, de Rosa Aneiros.

A historia comeza coa aparición dunha gran mancha de plásticos que navega errática polos océanos, ameazando a vida dos habitantes da illa de Otilc.

Unha lectura que nos fale de ecoloxismo, de responsabilidade e da necesidade de protexer a natureza e coidar o noso medio ambiente. Unha historia para reflexionar sobre o exceso de consumismo e facernos pensar nas nosas opcións para evitar o desastre.

mércores, 3 de abril de 2024

FALAMOS CON LETICIA BARBADILLO

Hoxe estivo con nós Leticia Barbadillo, autora do libro A botella de lentellas que recibiu o Premio Merlín 2023 de literatura infantil e xuvenil.
Esta obra, que ademais é a primeira da autora, foi o libro escollido este ano como lectura de aula para os grupos de 6º de primaria. 

Licenciada en Comunicación Audiovisual e mestra de infantil no ensino público, Leticia conversou co alumnado sobre o proceso de creación e o fío dos relatos que levan a Manuel, o neno protagonista da novela, a construír a historia da súa familia.

As rapazas e rapaces fixéronlle moitas preguntas e ao remate a autora asinou os exemplares persoais do alumnado e deixou unha dedicatoria para o centro escolar.

Foi un pracer coñecela e desexámoslle moitos máis éxitos no futuro.

xoves, 21 de marzo de 2024

O NOSO POEMA VIAXEIRO

 UN PASEO POLA HISTORIA

Aquí tendes xa a composición colectiva que resultou da proposta de Cora con motivo do Día da Poesía: Unha viaxe a través do tempo cunha linguaxe poética froito da imaxinación e creatividade de todo o alumnado do noso centro.

A Cora encantoulle! Que vos parece a vós?

Clica na imaxe para coñecelo.

xoves, 14 de marzo de 2024

MADRIÑAS LECTORAS

Esta mañá Yanira Muíños e Marta Vilas, de 4º B sorprenderon ao alumnado de 6º de Infantil cunha sesión de contacontos. Sacrificando o seu tempo de recreo, ambas decidiron ir á aula dos cativos para contarlles a historia de El libro de Lola

As nenas e nenos de Infantil estiveron moi atentas e atentos e pasárono moi ben.

Dende a biblioteca tamén queremos agradecerlles a Yanira e a Marta esta fermosa iniciativa.

Esperamos contar de novo con vós en vindeiras ocasións!

luns, 11 de marzo de 2024

8 DE MARZO, MULLERES DE ONTE A HOXE

Relacionando a data do 8M co noso proxecto de centro, este ano, para conmemorar o Día da Muller, decidimos estudar a figura, o papel e a importancia de diversas mulleres ao longo da historia.

Cada nivel encargouse dunha etapa histórica, seguindo o mesmo esquema programado para o traballo do alumnado das diversas aulas na elaboración do noso proxecto, Dúas illas, mil historias.

Así chegamos a este produto final, Mulleres de onte a hoxe.

Foi un gran traballo de investigación das nosas nenas e nenos, que se pode admirar nas aulas e nos corredores de todo o colexio.

Deixámosvos aquí tan só unha pequena mostra exposta na cortiza da biblioteca. 

Parabéns a todas e todos!