luns, 1 de decembro de 2025

DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

O 3 de decembro conmemoramos o Día Internacional das Persoas con Discapacidade ou Diversidade Funcional.

Desde a biblioteca queremos reafirmar o compromiso da nosa escola coa defensa dunha educación pública e inclusiva, baseada nun modelo social diverso, que rexeita plenamente calquera tipo de discriminación, segregación ou exclusión.

Por iso, estes días Cora fixo unha pequena selección de lecturas para que todas e todos poidamos reflexionar sobre o tema.

Pasade pola biblioteca e collede o que queirades.

xoves, 27 de novembro de 2025

VISITA Á BIBLIOTECA PÚBLICA

Despois de ter adiado a actividade en dúas ocasións por motivos alleos á nosa vontade, por fin esta mañá o alumnado de 5º visitou a Biblioteca Luis Seoane na xa habitual colaboración entre a entidade municipal e a nosa biblioteca escolar.

Coma sempre, fomos recibidos con esa alegría e vitalidade tan propias de Mar e a amabilidade do resto das traballadoras da biblioteca pública, facendo que sempre sexa un gusto participar nas actividades propostas.

Tras afondar no coñecemento das instalacións e xogar cos títulos e os argumentos que hai detrás das portadas dun libro, a rapazada divertiuse moito participando nunha actividade de boockface.

Grazas a todo isto, seguramente esta mañá aumentou o número de socios da biblioteca municipal.

Moitas grazas a Patri pola súa proposta e a boa acollida!


luns, 17 de novembro de 2025

CONTOS POLO SAMAÍN

O pasado xoves, 30 de outubro, e como xa ven sendo habitual, o alumnado de Infantil, 1º, 2º e 3º asistiron a unhas sesións de contos de medo a cargo do alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria.

Foi unha boa maneira de pechar as celebracións destes días de Samaín.

Moitas grazas a tódolos participantes!

Deixámosvos aquí algunhas desas contadas. Só tendes que pinchar no título ou na portada do conto.

CHEGOU de Ánxela

DÍA INTERNACIONAL DA INFANCIA

 
O 20 de novembro de 1989 a Asemblea Xeral da ONU ratificou a Declaración dos Dereitos da Infancia.

Aínda que se teñen dado moitos avances e progresos, inda queda un longo camiño por percorrer e moitos esforzos por realizar para lograr a efectiva consecución deses dereitos en moitas partes do mundo.

Desde a biblioteca, Cora quere convidarvos a revisar eses dereitos e concienciarvos da necesidade de loitar xuntas e xuntos para acadar a súa efectiva consecución.

luns, 10 de novembro de 2025

MES DA CIENCIA

En novembro celebramos o Mes da Ciencia nas Bibliotecas. Aínda que desgraciadamente non hai demasiadas publicacións na nosa lingua, Cora fixo unha selección de libros nos que poder consultar, aprender e experimentar.

Animádevos a pasar pola Biblioteca e iremos ampliando a escolla durante os vindeiros días.

domingo, 9 de novembro de 2025

COMPARTINDO AVENTURA EN 5º DE PRIMARIA

Alumnado de 5º de primaria está xa compartindo tempo e intercambiando impresións no noso club de lectura Compartindo Aventura. 

A súa primeira escolla foi o libro de Ledicia Costas A Señorita Bubble. Deus salve as raíñas.

En tempos de recreo intercambian as súas impresións sobre o texto, as ilustracións, as emocións que lles transmite a historia,...

Agora están en pleno proceso creativo e cooperativo sobre o laboratorio imaxinario da Señorita Bubble. Esperamos con impaciencia que nos amosen os resultados.

luns, 27 de outubro de 2025

ACHÉGASE SAMAÍN

Achégase o Samaín e Cora xa nos escolleu un feixe de lecturas arrepiantes para pasar algo de medo (ou non) nestes días previos a esa terrorífica data.

Son moitas as nenas e nenos que xa levaron algunha das súas recomendacións para a casa, pero inda temos moitas máis.

Pasade pola biblioteca e escollede o que máis vos preste!

martes, 21 de outubro de 2025

AOS MÁIS PEQUES TAMÉN LLES ENCANTA A BIBLIOTECA

 As nosas peques de Infantil tamén gozan dos libros e da lectura. É incrible comprobar canto lles gusta e o ben que se portan cada día que visitan a súa biblioteca. Un gusto que esperamos que siga repetíndose a medida que se fagan maiores.

luns, 13 de outubro de 2025

ESCRITORAS DO MUNDO

Hoxe conmemoramos o Día das Escritoras cunha exposición na que quixemos dar a coñecer o nome de diversas escritoras de todo o mundo.

Encadrado no Proxecto de centro deste curso, A viaxe que nos une, cada aula investigou o nome dunha escritora do país que lle toca traballar. Así logramos expor o nome de 17 escritoras doutros tantos países do mundo e dos distintos continentes, nunha pequena homenaxe ao seu fermoso traballo.

martes, 7 de outubro de 2025

ANÍMATE A UNIRTE AO CLUB DE LECTURA

Na Biblioteca estamos preparando xa o club de lectura Compartindo Aventura e un ano máis queremos animarvos a unirvos a esta actividade.

Compartiremos libros, lecturas, pensamentos, opinións, xogos,,, e estamos seguras de que o pasaredes xenial.

Animádevos a anotarvos!

luns, 6 de outubro de 2025

A BIBLIOTECA ABRE DE NOVO AS SÚAS PORTAS

Comeza un novo curso máis e este luns abrimos novamente as portas da nosa biblioteca, que xa se atopa a pleno rendemento.

Lembrade que, coma sempre, tamén estaremos abertos para calquera membro da comunidade os luns, mércores, xoves e venres de 4 a 6 da tarde.

Agardámosvos!

martes, 23 de setembro de 2025

O NOSO NOVO PROXECTO: A VIAXE QUE NOS UNE

 Comeza un novo curso e coma cada ano iniciamos un novo proxecto de centro.

A viaxe que nos une é o título escollido para este novo PDI sobre o que o noso alumnado realizará as súas investigacións ao longo de todo este curso.

Na biblioteca xa estamos buscando e preparando o material necesario para poñelo a disposición de todas as aulas.

venres, 19 de setembro de 2025

PREPARANDO O NOSO ALUMNADO VOLUNTARIO

Estes días de setembro estamos aproveitando os recreos para preparar as nosas voluntarias e voluntarios como axudantes de biblioteca.

A formación inclúe un pequeno xogo de busca para familiarizar o alumnado coa organización da biblioteca.

Seguro que en outubro xa van estar superpreparadas e preparados para asumir esa responsabilidade.

Moitas grazas!

venres, 20 de xuño de 2025

RECOMENDACIÓNS DE CORA PARA O VERÁN

Chegou o final doutro curso máis e xa temos o verán ás portas. 

O Equipo da biblioteca espera que o tiverades pasado moi ben ao longo deste ano, pero agora xa é tempo de gozar das tan merecidas e agardadas vacacións.

Coma sempre, Cora quere deixarvos aquí as súas recomendacións para que tamén poidades pasar parte dese tempo acompañadas e acompañados dun bo libro.

Aquí vos quedan e ...

Feliz verán!

martes, 17 de xuño de 2025

AVALIACIÓN DOS CLUBS DE LECTURA 24-25

Despois de participar no club de lectura pedímosvos que avaliedes o seu funcionamento. Para iso deberedes cubrir a enquisa que vos deixamos abaixo respondendo con sinceridade a todas as cuestións.

Premede na imaxe que corresponde ao voso curso, marcade en cada apartado a opción que consideredes máis axeitada e dádelle a enviar.