sábado, 13 de xuño de 2026

HISTORIAS QUE CHEGARON AO NOSO CONCELLO II

Seguimos coa rolda de entrevistas ás familias do noso alumnado inmigrante. O pasado 4 de xuño foron Diego, Avril. Carlos e Sabela, de 5º de primaria, os encargados de conversar con varias mamás da nosa comunidade educativa.

Claudia, Eliana, Andrea, Marlene e Anisleidy ofrecéronnos un novo programa moi emotivo no que nos falaron das súas experiencias antes e despois da saída dos seus países de orixe: perdas, ilusións, morriña, recordos, plans de futuro...

Para as que non tivestes ocasión de escoitalas en directo, xa podedes acceder ao programa na nosa lapela de Radio Negueirós.

venres, 12 de xuño de 2026

DESPEDIMOS O CLUB DE LECTURA EN 5º

A aventura do club de lectura chegou ao seu fin en 5º de primaria.

Hoxe tocou xornada de despedida e as integrantes recibiron un pequeno agasallo como lembranza do seu paso por este Compartindo Aventura no que participaron ao longo deste curso, partillando historias, sentimentos, emocións, xogos e risas.

Esperamos vervos de novo o vindeiro curso!

mércores, 10 de xuño de 2026

EXPOSICIÓN DO PROXECTO EN INFANTIL

O alumnado de 6º de infantil demostrounos esta mañá que os peques tamén saben facer unha magnífica exposición do traballo realizado ao longo de todo o curso.

Despois de ter estudado moitas cousas sobre o Reino Unido, hoxe quixeron compartir con nós parte do aprendido grazas ao proxecto de A viaxe que nos une.

Fixérono xenial! Parabéns a todas e todos!

mércores, 3 de xuño de 2026

COMPARTINDO AVENTURA FINAL EN 6º

O club de lectura Compartindo Aventura de 6º puxo hoxe punto e final a este curso cunha actividade do máis amena e divertida co mestre e poeta Anxo Iglesias.

Despois de ler Tacón, punta, tacón e Unha nova dimensión, o alumnado de 6ºB compartiu unha mañá moi especial co seu autor.

Durante o encontro, a rapazada descubriu que a poesía non ten por que ser aburrida, senón que pode convertirse nun xogo marabilloso de palabras "patas arriba", ritmos e aturuxos.

Conversaron co autor sobre identidade, mulleres bravas, fixeron rimas, divertidos equilibrios coas palabras que compoñen o libro... e acabaron traballando poesía, incluso do xeito máis sorprendente e incrible: coa retransmisión dalgunha das mellores xogadas do Celta de Vigo. Podedes crelo?

Coma sempre, foi un verdadeiro pracer recibir a Anxo Iglesias e partillar con el momentos inesquecibles.

Moitas grazas pola túa visita, polo teu dinamismo, pola túa proximidade e, sobre todo, por contaxiarnos a túa paixón pola lectura en galego! 

martes, 2 de xuño de 2026

LIBROS, TEATRO E IGUALDADE

Xa case despedindo o curso, esta mañá tivemos unha última sesión de animación lectora a cargo deTrécola Teatro.

Co seu espectáculo A pequena osa quere xogar fixeron reflexionar o alumnado de infantil e 1º ciclo de primaria sobre o valor da amizade e a importancia da igualdade.

As historias dunha pequena osa e dunha Brancaneves moi reivindicativa fixeron as delicias de toda a rapazada. 

Pasámolo xenial!

venres, 29 de maio de 2026

A VIAXE QUE NOS UNE CHEGA AO SEU DESTINO FINAL

Case a piques de rematar o curso, esta semana as distintas aulas están levando a cabo as súas exposicións finais do proxecto A viaxe que nos une,

Entramos no avión que nos leva ao destino final de cada un dos países traballados e unhas guías especiais recíbennos na biblioteca para explicarnos o mellor do seu país e as cousas que non debemos perdernos en cada un deles: a súa localización, algo da súa historia, da súa bandeira, lugares que visitar, comidas típicas, curiosidades...

Á saída do avión todo o alumnado tivo que pasar pola “aduana” para selar o seu pasaporte.

A aventura resultou incrible! Parabéns a todas as  participantes!

luns, 18 de maio de 2026

OLAIA SENDÓN E O COIDADO DO NOSO MAR

Hoxe o alumnado de 2º de primaria recibiu a visita de Olaia Sendón, autora do libro A crebeira Marabillas.

A escritora contounos como se inspirou en persoas reais para crear os personaxes desta fermosa historia que nos fala de ecoloxía, amor, empatía e que deixa unha fermosa sensación final de círculo pechado.

A rapazada tamén tivo ocasión de facerlle preguntas e ao finalizar levaron os seus exemplares persoais asinados pola autora.

venres, 15 de maio de 2026

MARTA VILLAR E OS PEIDOS DE SULTÁN

O libro de lectura escollido este ano en 3º de primaria foi Os Peidos Máxicos de Sultán, da escritora Marta Villar.

Esta mañá, a autora visitou a nosa escola e acompañou o alumnado nunha sesión moi amena e dinámica na que houbo conversa, risas, pombas de xabón e moita diversión.

Ao finalizar inda tivo tempo para asinar os exemplares do alumnado, que marcharon felices despois desta experiencia tan alegre e agradable.

PROGRAMA ESPECIAL

Hoxe tivemos un programa de radio especial dedicado ás familias, a todas as familias.

Uri, de 1º A, Teo, de 1º B, Julia, de 2º A e Abril, de 2º B foron as encargadas de realizar a retransmisión e fixérono xenial.
Xa o tendes á vosa disposición na lapela de Radio Negueirós.

Esperamos que vos guste!

xoves, 14 de maio de 2026

NOVO PROGRAMA DE RADIO NA BIBLIO

Despois de varios días de preparación, xa tendes dispoñible o último programa de radio, do pasado 30 de abril.

Nesta ocasión foron Rosalía, Sabela, Lian e Alicia, de 5º B, as encargadas de dirixilo e Claudia, Jenny e Lara, de 1º A trouxéronnos a sección de Radio Conto coa historia de Bebé Bigotes.

Para acceder ao programa só tendes que entrar na lapela de Radio Negueirós.

QUEREMOS SABER MÁIS SOBRE BEGOÑA CAAMAÑO

 

Xa moi pretiño do día das nosas letras, do 17 de maio, ao longo desta mañá o alumnado de 5º veunos presentar a figura de Begoña Caamaño, falándonos da súa obra e da súa faceta máis persoal.

Organizado en quendas, o alumnado dos cursos máis baixos, de infantil a 4º de primaria, foi pasando pola biblioteca para saber máis sobre a muller que é homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.

O alumnado de 5º fixo un traballo de investigación e exposición moi serio e rigoroso e incluso prepararon actividades lúdicas para os máis pequenos. Estivo xenial!

Moitos parabéns!

mércores, 13 de maio de 2026

VISITA DO ILUSTRADOR ANXO FARIÑA

Despois de ler o seu libro A chave da Atlántida, o alumnado de 6º de primaria recibiu hoxe o autor e ilustrador Anxo Fariña.

O escritor, licenciado en Belas Artes, conversou coa rapazada sobre o libro, como xurdiu a idea, o traballo creativo e faloulles dos seus proxectos actuais en inglés.

Para rematar, fíxolles unha demostración das súas dotes como ilustrador, coa habitual mestría e axilidade que o caracterizan, e finalizou o encontro asinando os exemplares do alumnado.

luns, 11 de maio de 2026

AVALIACIÓN DA BIBLIOTECA

Remata un curso máis e de novo queremos saber a vosa opinión sobre o funcionamento da biblioteca e as vosas experiencias nela. É por iso que vos pedimos que cubrades a enquisa que vos deixamos abaixo, respondendo con sinceridade a todas as cuestións.

Premede na imaxe, marcade a opción que consideredes máis axeitada e dádelle a enviar. Tendes de prazo ata o venres, día 29 de maio.

Moitas grazas pola vosa colaboración!

domingo, 10 de maio de 2026

DÍA INTERNACIONAL DAS FAMILIAS


O 15 de maio celebramos o Día Internacional das Familias, unha data que oficializou a Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1994 co fin de concienciar a toda a poboación sobre o papel que xogan as familias, todos os tipos de familias, na formación e coidado das súas fillas e fillos.

No panel de exposicións da biblioteca xa tendes a escolla que fixo Cora sobre esta temática para ampliar a vosa visión e os vosos coñecementos sobre os distintos núcleos familiares.

Vinde botar un ollo!

venres, 8 de maio de 2026

UN ENCONTRO CON ANTONIO M. FRAGA

Este ano o alumnado de 4º de primaria leu a novela de Antonio M. Fraga, Papá Caníbal, un enredo tolo, disparatado e moi divertido que ten lugar na noite de Samaín.

Hoxe o seu creador visitou o noso cole e conversou co alumnado, que incluso se atreveu a facerlle algunhas suxestións. Ao final o autor asinou os exemplares das nenas e nenos para que lles quede un bo recordo da actividade.

Aínda que Antonio Fraga estudou enxeñería industrial, a súa vocación literaria levouno a escribir un bo número de obras para a literatura infantil e xuvenil.

Con Papá Caníbal logrou enganchar o seu lectorado, que seguramente, en breve, se animará a coñecer algo máis da súa obra.