xoves, 10 de abril de 2025

VISITA Á BIBLIOTECA LUÍS SEOANE

 Esta mañá, seguindo co programa de colaboración entre a nosa biblioteca e a entidade pública, o alumnado de 3º de primaria visitou a Biblioteca Municipal Luís Seoane.

Coma sempre, a acollida por parte de Patri, a bibliotecaria titular, e Mar, colaboradora habitual das actividades culturais, foi do mellorciño. O noso alumnado pasouno xenial e regresou feliz ao cole.

Moitas grazas por todas as atencións e polo voso bo trato sempre!

CREAMOS POESÍA NO CLUB DE LECTURA

O alumnado participante no club de lectura Compartindo Aventura de 5º de primaria tivo ocasión de realizar hoxe unha actividade de poesía creativa co escritor Anxo Iglesias.

Despois de ler e traballar o libro poético Unha nova dimensión, Premio Merlín de Literatura Infantil 2022, Anxo Iglesias acudiu a un encontro coa rapazada na biblioteca escolar, no que imaxinaron, crearon, cantaron... e pasárono xenial!

Foi todo un pracer contar coa súa visita e o alumnado quedou encantado.

Esperamos volver recibilo en vindeiras ocasións!

luns, 7 de abril de 2025

EXPOSICIÓN DE 4ºA NA BIBLIOTECA LUÍS SEOANE

A Biblioteca Municipal Luís Seoane acolle desde hoxe a exposición Benvidos ao meu libro do alumnado de 4ºA de primaria.

Se aínda non tivestes ocasión de visitala, recomendámosvos que o fagades e que convidedes aos vosos familiares e amigos a facelo.

A exposición prolongarase ata despois de Semana Santa e paga moito a pena.

Animádevos a visitala e a deixarlles unha valoración no libro de visitas.

venres, 4 de abril de 2025

HÁBITOS SAUDABLES

Hoxe estivo de novo con nós, Claudia, a mamá de Amelia e Zoe, nesta ocasión para falar co alumnado de 4º sobre os hábitos saudables e a importancia dunha boa alimentación.

Fixo unha exposición moi interesante e as nenas e nenos remataron a sesión cunha actividade práctica.

Moitísimas grazas, Claudia!

xoves, 3 de abril de 2025

RACHANDO CO GUIÓN

Hoxe a Biblioteca Escolar ofreceu ao alumnado de 3º e 4º de primaria a oportunidade de asistir ao espectáculo Rachando co guión da compañía de teatro visual A Xanela do Maxín.

A función, na que as nenas e nenos participaron directamente e tiveron a oportunidade de dar renda solta á súa faceta artística interactuando cos monicreques, serviu para visibilizar o longo camiño que aínda queda por percorrer na procura da igualdade entre mulleres e homes.

As nenas e nenos pasárono xenial nun espectáculo que, con gran sensibilidade e coidado na linguaxe, fomenta valores como a igualdade e o respecto e promove a participación do alumnado.

CEREBRO E PANTALLAS

Dende a biblioteca do Manuel Padín Truiteiro estamos organizando unha charla gratuíta para familias e profesorado, que impartirá María Couso, baixo o título "Cerebro e pantallas". A data elixida será o vindeiro martes 29 de abril, de 17:00 a 19:00 horas. O lugar no que se realizará esta actividade está aínda pendente de confirmación e comunicarase unha vez concertado o sitio. Trátase dunha actividade que realizaremos conxuntamente co CEIP de Ponte Sampaio e necesitariamos que nos confirmedes a vosa asistencia, a través do formulario que vos mandamos a continuación, antes do 15 de abril.

Picade na imaxe para acceder.

mércores, 2 de abril de 2025

CIENCIA E TECNOLOXÍA NA BIBLIOTECA

Esta mañá Leticia Barreiro, nai de Teo e Alejo e que xa ten colaborado coa nosa biblioteca noutras ocasións, conversou co alumnado de 3º e 6º de primaria para falarlles de ciencia e tecnoloxía.

Profesora de tecnoloxía nun IES de Pontevedra, explicoulles ás rapazas e rapaces en que consiste a súa profesión e amosoulles algúns proxectos de ciencia e diversos traballos de robótica e tecnoloxía realizados co seu propio alumnado.

Foi unha charla informativa moi interesante, práctica e visual, coa que esperamos que moitas e moitos das nosas alumnas e alumnos se animen a inclinarse pola ciencia como unha opción de futuro.

Moitas grazas, Leticia!

luns, 31 de marzo de 2025

NOVIDADES

Cora acaba de poñer no taboleiro de recomendacións algunhas das novas adquisicións da biblioteca.

Tendes libros de narrativa, poesía ou informativos sobre moi distintas temáticas.

Animádevos a botarlles un ollo. Seguro que vos gusta algún.

xoves, 27 de marzo de 2025

AS PERSOAS EXTRAORDINARIAS DE ABEL TOMÉ

Este ano, o alumnado de 5º leu o libro gañador do Premio Merlín 2024, Milú e o edificio das persoas extraordinarias, de Abel Tomé.

Abel Tomé é unha persoa polifacética que, despois de cursar un ciclo formativo e traballar como soldador, decidiu estudar xornalismo e realizar un mestrado en Dereitos Humanos

Esta mañá, no encontro co autor, as rapazas e rapaces tiveron a oportunidade de profundar máis na temática da marxinalidade, a pobreza, a xustiza social, a cooperación ou a solidariedade entre as persoas, temas fundamentais na formación integral e ética do alumnado.

Foi unha conversa moi interesante e produtiva, que rematou coa sinatura dos exemplares do libro estudado.

luns, 24 de marzo de 2025

BENVIDOS AO MEU LIBRO!

 

Hoxe inauguramos na biblioteca a exposición de traballos literarios realizados polo alumnado de 4ºA de primaria.

Trátase dun pequeno percorrido por diversas obras da literatura xuvenil universal explorada a través dos ollos das nenas e nenos.

A exposición permanecerá aberta do 24 ao 28 de marzo con entrada libre en horario de recreo e ao longo do resto das mañás en compañía do profesorado de cada nivel.

Posteriormente trasladarase á Biblioteca Pública Luís Seoane, onde permanecerá ata despois da Semana Santa.

Animádevos a visitala! Seguro que vos gusta!

venres, 21 de marzo de 2025

SABELA FERNÁNDEZ

 Esta mañá recibimos na nosa biblioteca a autora Sabela Fernández Trelles.

Tras ler os seus libros Augusta e os seus medos (en 1º) e Que queres ser de maior, pequena?  (en 2º), a escritora visitou o noso cole para ter un encontro coa rapazada do 1º ciclo.

De xeito amable e divertido conversou, cantou e incluso se prestou a participar nunha pequena entrevista que lle tiñan preparada as nenas e nenos de 2ºA.

A súa visita rematou coa sinatura dos exemplares do alumnado.

Foi un pracer recibila e conversar con ela.

venres, 7 de marzo de 2025

8 DE MARZO, DÍA DA MULLER

Tendes xa á vosa disposición no panel de suxestións da biblioteca unha  selección de libros para coñecer máis sobre a vida e o papel de moitas mulleres importantes da nosa historia pasada e presente.

xoves, 6 de marzo de 2025

UNHA MAÑÁ NA BIBLIOTECA LUÍS SEOANE

Hoxe a rapazada de 2º de primaria visitou a Biblioteca Municipal Luís Seoane.

Foi unha mañá chea de historias, viaxes e risas e, despois dos contos, tocou pasalo ben explorando os libros e recunchos da biblioteca.

Moitas grazas pola boa acollida!

VISITA DE MARTA VILLAR

Hoxe o alumnado de 4º de primaria recibiu a visita de Marta Villar, autora do divertido libro Os peidos máxicos de Sultán.

Con ela falaron sobre se os peidos de Sultán son verdadeiramente máxicos, que hai que facer para ser unha escritora e xornalista cun can de 80 quilos ao que non lle gustan os ciclistas, como xestionar as batallas e a la dun mastín... e unha chea de cousas máis moi interesantes.

O encontro rematou coa sinatura de exemplares do libro por parte da autora.

Moitas grazas, Marta Villar!!