xoves, 29 de febreiro de 2024

A CIENCIA E O MAR

 Hoxe estivo con nós Lluvia Domínguez, a mamá de Teresa, de 3º B.

LLuvia é bióloga mariña e traballa para o CSIC no Oceanográfico de Vigo. Adícase, entre outras cousas, a detectar metais na auga.

Esta mañá veu á biblioteca para falarlles ás nenas e nenos de 3º en que consiste o seu oficio. O alumnado tivo oportunidade de poñer en práctica diversos experimentos con metais e imáns e aprenderon moitísimas cousas e curiosidades sobre a vida mariña. 

Foi unha xornada moi educativa e unha oportunidade máis para visibilizar o papel da muller no eido científico.

luns, 26 de febreiro de 2024

ESTA SEMANA BANDA DESEÑADA

Como sabemos que o cómic ou banda deseñada é un dos xéneros literarios cos que máis gozades, esta semana Cora fixo unha escolla para todos os gustos e idades.

Animádevos a botarlles un ollo. Seguro que atopades algo do voso agrado ou interese. 

APRENDENDO COAS BEE BOTS

O alumnado de 1º de Primaria ten todas as semanas unha sesión de robótica con Bee bots na Biblioteca Central.

Grazas a estes robots educativos, as nenas e nenos reforzan contidos da aula, aumentan e melloran o vocabulario en galego e, ao mesmo tempo, traballan a orientación espacial.

A encargada de impartir a actividade, ao igual que fixo o curso pasado, é a mestra Olalla.

As sesións realízanse con grupos reducidos, alternando os equipos de cada aula semanalmente, e a cativada pásao xenial.

venres, 23 de febreiro de 2024

23 DE FEBREIRO DÍA DE ROSALÍA

Coma todos os anos, e en colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega, no Manuel Padín Truiteiro celebramos o Día de Rosalía co intercambio de agasallos entre o alumnado dos distintos cursos.

Desde Infantil ata 6º de Primaria, cada nena e neno confeccionou a súa flor con diversas técnicas de manualidades e escribiu algunha estrofa dos poemas da nosa ilustre escritora para entregar como agasallo a outra compañeira/-o de xeito aleatorio.

Coma sempre, as flores resultaron do máis colorido e creativo.

Parabéns a todas e todos e...

Feliz Día de Rosalía!

luns, 19 de febreiro de 2024

TITIRICIRCUS

Esta mañá gozamos dunha sesión de teatro de monicreques para todos os niveis da man de Tanxarina, a compañía de teatro redondelá con máis de 35 anos de experiencia en facer rir ao público infantil.

A historia, contada por dous vellos traballadores dun circo case desaparecido, transportounos a un mundo de malabaristas, forzudos, equilibristas, faquires, ... nun xogo de interactuación co público, no que o alumnado se sentiu partícipe en todo momento.
Ao rematar a representación, os membros de Tanxarina asinaron o exemplar de Titiricircus que temos na biblioteca e deixáronnos unha unidade didáctica para seguir afondando na historia.

A actividade levouse a cabo grazas á colaboración do Equipo de Dinamización da Lingua Galega e a Biblioteca Escolar.

venres, 16 de febreiro de 2024

23 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA

“Eu son libre, nada pode conter a marcha dos meus pensamentos e eles son a lei que rexe o meu destino.”

                                 Rosalía de Castro.

Estes días tendes xa á vosa disposición na Biblioteca as obras de Rosalía para poder ler, reflexionar e traballar nas aulas.

xoves, 15 de febreiro de 2024

O LATEXO DOS NOSOS CORAZÓNS

Esta mañá recibimos na biblioteca a visita de Claudia Bedoya, de profesión doutora e nai de Zoe, de 3º B.

Falounos de virus e bacterias e da importancia da vacinación. Tamén fixo reflexionar as nenas e nenos sobre a necesidade do lavado de mans e dunha boa hixiene xeral.

De xeito práctico, ensinoulles ás nenas e nenos de 3º algunhas técnicas que poden axudar a salvar vidas. Aprenderon a alertar ao 112 en caso de emerxencia, a realizar unha reanimación cardiopulmonar (RCP), a pór en posición lateral de seguridade a unha persoa inconsciente ou como atender un atragoamento imprevisto.

Tamén trouxo un fonendoscopio profesional co que as nenas e nenos puideron escoitar o latexo dos seus propios corazóns.

Foi unha xornada moi formativa e interesante e dende a Biblioteca queremos agradecer a Claudia a súa colaboración desinteresada.

venres, 9 de febreiro de 2024

RECOMENDACIÓN DO CLUB DE LECTURA

 Este ano comezamos o club de lectura de 5º cun libro fácil de ler e que gustou moito a todas as participantes.

Deixámosvos a continuación a súa recomendación.

Se vos interesa non dubidedes en pasar pola biblio.

venres, 2 de febreiro de 2024

ENTROIDO 2024

Este ano é Cora a que, co seu disfrace de pirata, dá os mandados. 

Podemos vir disfrazados como queiramos durante a semana. 

mércores, 31 de xaneiro de 2024

LIBROS PARA GOZAR DO ENTROIDO

 

Xa estamos en tempo de entroido e, coma cada ano, Cora seleccionou para vós algunhas lecturas que xa están no panel de exposicións da biblioteca.

Esperamos que vos agraden!

martes, 30 de xaneiro de 2024

DÍA DA ILUSTRACIÓN

Cada 30 de xaneiro dende o ano 2013, coincidindo coa data na que se pensaba que nacera Castelao, celébrase en Galicia o Día da Ilustración.

Para celebralo presentámosvos un traballo que nos fixo chegar Lola, de 5ºB, e que nos pareceu verdadeiramente magnífico.

Moitas grazas, Lola, por tan fermoso traballo. Estamos seguros de que, se ti queres, tés futuro no mundo do libro e da ilustración.

Parabéns! 

UN CUMPLEAÑOS INOLVIDABLE

PREMIOS AO RETO DE NADAL

Esta mañá fixemos entrega dos premios ao reto de Nadal deste ano. Aínda que foron poucos os participantes, a calidade dos traballos presentados era tan boa que se decidiu outorgar máis dun premio por nivel.

Os agasallos foron entregados a:

  • Noelia Suárez de 2ºA de Primaria.
  • Lucas Fernández de 2ºB de Primaria.
  • Ainhoa Alonso de 5ªA de Primaria.
  • Lucía Castro de 5ºA de Primaria.

SOPRESA NA BIBLIOTECA

 

Hoxe as nenas e nenos de Infantil recibiron unha inmensa sorpresa cando volveron á súa biblioteca.

Despois de permanecer pechado durante uns días, esta mañá reabrimos o espazo infantil tras unhas obras de reacondicionamento que consistiron no pintado dun mural, a merca de novo mobiliario e algunhas pezas de decoración como uns coxíns e unha alfombra novas.

O mural foi realizado polo noso artista local Emilio Luna que fixo un traballo espectacular. Este é o resultado:


mércores, 24 de xaneiro de 2024

NOVA ZONA DE XOGOS

 Esta mañá ao chegar ao cole atopamos unha sorpresa na entrada da biblioteca: Unha nova zona de xogos exterior, cómoda e agradable, onde poder entreternos e aprender durante as horas de recreo.

Foi un bonito agasallo do que esperamos que todas e todos poidades gozar moito tempo.

xoves, 18 de xaneiro de 2024

LECTURAS POLA PAZ NO CLUB DE LECTURA

 No Club de Lectura “Compartindo Aventura” iniciamos esta semana a un novo libro: Eu son A, de Steve Tasane.

Trátase da historia dun rapaz sen documentos nin familia, que vive nun campo de refuxiados calquera, dos moitos que desgraciadamente seguen existindo non moi lonxe das nosas cómodas casas.

Unha lectura axeitada para estas datas próximas á conmemoración do Día da Paz e da que vos daremos a nosa opinión cando rematemos o libro.