domingo, 18 de abril de 2021

O MEU LIBRO ESPECIAL


Achegámonos ao 23 de abril, Día do Libro, unha data para fomentar e descubrir o pracer pola lectura e valorar o aporte cultural e o legado das escritoras e escritores tanto do pasado coma do presente.

Desde a Biblioteca queremos render unha pequena  homenaxe aos libros e ás autoras e autores e para iso precisamos das vosas aportacións.

Como facelo?

Pois escollendo un libro que sexa especial nas vosas vidas por algún motivo: por ser o que máis vos gusta, porque foi o primeiro que mercastes, porque foi un agasallo de alguén moi querido, ...

Como presentalo?

OPCIÓN 1:

Podedes gravar un pequeno vídeo no que nos ensinedes o libro escollido e nos contedes por que é tan especial para vós.

OPCIÓN 2:

Enviando unha foto na que saiades co libro elixido e comentándonos a razón pola que o escollestes.

A actividade está aberta a toda a comunidade escolar e encantaríanos que participara calquera membro da familia: mamá, papá, a avoa ou o avó, algunha irmá maior...

Animádevos e enviádenos as vosas respostas ao correo da biblio biblioteca.manuelpadintruiteiro@gmail.com. Non esquezades incluír o voso nome e curso. Iremos colgando no blog da biblioteca as propostas recibidas.

Esperamos impacientes as vosas achegas!


venres, 2 de abril de 2021

INVESTIGAMOS PARA O DÍA DA MULLER

Dentro do proxecto de centro A Idade Media en Soutomaior, e para conmemorar o Día da Muller,   o alumnado do centro  fixo un fermoso labor de investigación para coñecer o nome e o papel desenvolvido por diferentes mulleres  na historia de Galicia ao longo da Idade Media. 

Deixámosvos a continuación o enlace no que poderedes ver unha mostra do traballo realizado.

luns, 15 de marzo de 2021

21 DE MARZO, DÍA DA POESÍA

 En 1999, a UNESCO proclamou o 21 de marzo como o Día mundial da Poesía.

A poesía é unha manifestación literaria que, cun xeito diferente de expresar e de usar as palabras, consegue comunicar ideas e sentimentos ou contarnos e facernos vivir calquera historia.

Dende a Biblioteca animámosvos a explorar e descubrir a poesía e a gozar coa maxia desas palabras.

luns, 1 de marzo de 2021

8 DE MARZO DÍA DA MULLER

Comezamos o mes de marzo coa vista posta na reivindicación do papel das mulleres ao longo da historia. 
Enmarcado no noso proxecto de centro A Idade Media en Soutomaior, continuamos co traballo comenzado o pasado curso no que estabamos investigando para coñecer o nome e o papel desenvolvido por diferentes mulleres dentro da historia do noso país. Esperamos que este ano si teñamos a oportunidade de rematalo e expoñelo para o seu coñecemento público. 
Pero ademais, se tendes interese en indagar na vida e logros de moitas outras mulleres fudamentais no devir da nosa hitoria, dende hoxe xa tendes á vosa disposición no taboleiro de recomendacións da Biblioteca unha ampla selección de libros moi interesantes.

Animámosvos a vir, ollar e levar.

mércores, 24 de febreiro de 2021

HOMENAXEAMOS A ROSALÍA

 Un ano máis lembramos e recreamos a poesía da nosa escritora máis universal, Rosalía de Castro, como unha pequena homenaxe á súa obra e á súa figura.

Deixámosvos aquí o resultado dos traballos deste curso elaborados por todas e todos vós.

PREME NA FOTO

venres, 29 de xaneiro de 2021

24 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA

 “Os que escriben e se teñen por graciosos, non deixan pasar nunca a ocasión de dicirche que as mulleres deben deixar a pluma e repasar os calcetíns dos seus maridos, se os teñen, e senón, aínda que sexa os dos criados.”

                                 Rosalía de Castro.

Reivindicamos un ano máis a figura da nosa escritora máis representativa. Ela formou parte do grupo de escritores que levaron ao Rexurdimento das nosas letras, loitando contra os estereotipos machistas e os moitos atrancos do camiño.

Estes días tendes á vosa disposición na Biblioteca os seus libros para poder ler, gozar e traballar nas aulas.

xoves, 28 de xaneiro de 2021

DÍA DA PAZ

 

Estes días estamos a preparar no cole a conmemoración do Día Escolar da Non Violencia e a Paz.

A idea desta celebración xurdiu en 1964 por iniciativa do profesor LLorenç Vidal e en 1981 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas estableceu a data do 30 de xaneiro como Día Internacional da Paz.

No Padín Truiteiro tentamos traballar cada día por un ensino tolerante, solidario, respectuoso cos dereitos humanos e a prol da non violencia e a paz.

Aínda que durante as vindeiras tres semanas vémonos na obriga de pechar a biblioteca, non queremos deixar de ofrecer os seus recursos a todo o alumnado e profesorado. Estes días fixemos unha pequena selección de libros que consideramos axeitados para tratar eses valores de tolerancia e paz. Está a disposición das aulas no panel de exposicións da biblioteca e tamén pode servir para darlles algunha idea ás familias que os consideren de interese.

Esperamos que vos gusten!

mércores, 20 de xaneiro de 2021

Entrega de premios “Un Nadal de Conto”

Este luns fíxose entrega dos premios ás gañadoras e gañadores do concurso Un Nadal de Conto.

Ademais, todos os participantes dos diferentes cursos recibiron tamén un pequeno agasallo de agradecemento polo seu esforzo e traballo.

Deixámosvos a continuación a selección dos traballos gañadores.

A mag created with Madmagz.

luns, 28 de decembro de 2020

Chegan os retos

Chegan as respostas ao noso reto de Un Nadal de Conto. Son uns traballos verdadeiramente fantásticos! Botádelles un ollo.

DEBUXOS:

Debuxo feito por Sabela Orge de 6º Infantil B









 "Todos xuntos por Nadal" debuxo de Ana Castro 6º Infantil A

 

 "Concerto de Nadal" de Rosalía Pérez de Lis 6º Infantil B

 "Bo Nadal" debuxo de Ero Lorenzo de 6º Infantil B

"Bo Nadal e fóra coronavirus" debuxo feito por Diego de 6º de Infantil.

"Melchor vai de viaxe" debuxo de Lara Álvarez de 5º Infantil B


"Xa é Nadal" debuxo realizado por Vera Quintás de 3 anos A.

RELATOS: 

"O pingüín Lucas" un conto de Nico Orge de 6ºC

 

"Un Nadal microespecial" de Iria Boullosa de 6ºC

"As neves do tempo" de Nico Martínez de 6ºC

 

 Conto de Brais Rodríguez de 6ºC

 

"A marxe do tempo" conto de Iraitz Sotelino de 6ºC

 

"O desexo de Uxía" de Ángela Laíns de 6ºC

 

 "Un Nadal con sorpresas" relato de Carla Martín de 6ºC

 

"Unha noite de Nadal" escrito por Sabela Cernadas de 6ºC

"A farola" conto de Cael Andrew Wan de 6ºC.

 

 "O mellor agasallo" conto de Mónica Merlos de 5ºA

"O gran soño do boneco de neve" de Noa Sanmartín - 5ºA

 

"O desexo" relato de Carlota Neira de 5ºB

"Unha árbore especial" de Iria Garrido de 5ºC

 

"O Nadal chegou" conto de Lidia Leiro de 5ºC

 

"O Nadal da familia Vaqueiro" conto escrito por Antón de 5ºC

 

 "Os agasallos desaparecidos" de Uxía Granja de 4ºB

"O taller do Apalpador" conto de Nerea Álvarez de 3ºA

 

 "Leo e a casa á volta da esquina" conto de Lem Peteiro de 3ºB

 

Conto de Sara Martínez 3ºB

"O elfo traveso" conto de Manuel García- 2ºA

 

"Os cervatillos e Rainei no Nadal" de Paula Des - 2ºB

 

"O Apalpador" conto de Nicolás Bouzón de 2ºB.

"Xiana e o Trasno" conto de Samuel Bouzón de 2ºB.

"Un Nadal diferente" de Marcos Diz de 1ºC 

"A árbore máxica" conto de Sabela Fernández de 1ºC


"Rodolfo e a perda de poderes"- Adai Pérez Losada 1ºC

"Amizades de Nadal" conto de Mateo Quintás de 1ºC 

luns, 21 de decembro de 2020

CONCURSO: UN NADAL DE CONTO

A Biblioteca non só é un lugar onde poder buscar información ou pasar un momento de lecer cunha lectura do noso agrado. Tamén é un lugar de creación, no que poder deixar voar a vosa imaxinación e inventiva e onde poder compartila cos demais.

Por iso, o Equipo de Biblioteca quere animarvos a participar nun novo reto: a creación do voso propio Nadal de Conto.

Podedes consultar aquí as bases e toda a información.

Haberá premio para os mellores traballos.

Animádevos a concursar!

venres, 18 de decembro de 2020

E de agasallo...un libro!

Este foi un ano moi peculiar e atípico, pero  ao fin, coma sempre, chegou o Nadal. O tempo das panxoliñas, do turrón, as felicitacións, os agasallos…

Nesta ocasión todo vai ser un chisco distinto. Un Nadal sen tantas apertas nin bicos, sen poder compartir, sen que poidamos xuntarnos con toda a familia como en anos anteriores...  Haberá que quedar máis na casa, saudar as amizades dende lonxe, ter moito coidado, coidarnos nós e coidar dos outros.

A pesar disto, dende a Biblioteca desexamos que gocedes deste tempo coa mesma ilusión de sempre e que tamén aproveitedes estes días de lecer para ler e soñar.

Deixámosvos aquí as nosas recomendacións lectoras que poderedes ter en conta á hora de facer ou pedir un agasallo. Libros para as crianzas e para os maiores. Libros para toda a familia cos que pasar un momento agradable mentres nos gorecemos do frío e da pandemia

Que teñades un Nadal cheo de alegría e saúde!

Vémonos no 2021!

mércores, 16 de decembro de 2020

ACHÉGASE O NADAL

Despois dun intenso trimestre de traballo, que tanto profesorado como alumnado levamos coa ledicia de poder estar xuntos de novo, chegamos xa ao tempo de Nadal  e case ás portas dun 2021 que esperamos que resulte máis ventureiro e positivo para todas e todos.

Este mes estanse levando a cabo en todas as aulas múltiples actividades cheas de cor e ilusión: tarxetas de Nadal, ensaio de panxoliñas, decoración de aulas e corredores,... e, como non, os contos, que nunca poden faltar.

Por iso, e ao igual que noutras ocasións, na Biblioteca fixemos unha pequena selección de libros para poder ler e contar nas aulas ao longo destes últimos días. Así que...

Felices lecturas!

mércores, 25 de novembro de 2020

25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

Anualmente, cada 25 de novembro conmemórase o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller en memoria das irmás Mirabal.

O 25 de novembro de 1960 cometíase na República Dominicana o asasinato das tres irmás Mirabal por opoñerse á política do ditador Rafael Leónidas Trujillo. Patria, Minerva e María Teresa foron encarceradas, violadas e torturadas en repetidas ocasións antes de rematar coa súa vida.

Por desgraza na actualidade, e en todo o mundo, a violencia de xénero continúa viva. Moitas mulleres seguen sen ter dereito a ser libres e iguais aos homes e un gran número delas pagan con golpes, malos tratos psicolóxicos e mesmo coa súa vida o feito de vivir nun mundo machista.

Dende a escola traballamos esta semana, e todos os días do ano, para que as nenas e nenos de hoxe se conciencien disto e logren crear un futuro mellor, un mundo máis xusto e sen violencia, no que as mulleres e homes sexamos iguais.

Na biblioteca fixemos unha pequena escolla de libros para traballar a  temática da igualdade e a non violencia tanto nas aulas como dende a casa.

E a continuación deixámosvos un vídeo creado por Fanpage.it que xa ten uns aniños, pero que nos parece moi educativo.

domingo, 22 de novembro de 2020

BENVIDA Á BIBLIOTECA

Aínda que xa sabedes que estamos funcionando dende setembro (nas bibliotecas de aula, coas bolsas e mochilas viaxeiras, a través da rede...),  por fin, e despois de varias obras de reforma e acondicionamento, podemos abrir fisicamente as nosas portas para recibirvos a todas e todos.

A chegada da COVID 19 cambiou moito as nosas vidas: restrición de movemento, impedimento de actividades, limitación de contacto coas nosas amizades e mesmo imposibilidade de ver ou abrazar a moitos dos nosos seres queridos.

Na biblioteca escolar tamén houbo que poñer límites de aforo e reformular o noso funcionamento. Tivemos que elaborar unhas novas normas para o acceso á sala e para o manexo dos materiais que vos deixamos a continuación, pero estamos desexando volver a vervos por aquí.

Esperamos seguir gozando xunt@s desta aventura!

A mag created with Madmagz.

venres, 23 de outubro de 2020

AS MOCHILAS EN MARCHA!

Dende 1997 cada 24 de outubro celébrase o Día das Bibliotecas, unha conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil. 

O lema deste ano é “Bibliotecas, sempre ao teu carón” e tenta destacar o importante papel que xogan as bibliotecas ofrecendo acceso á cultura, ao coñecemento e ao entretemento en calquera lugar e circunstancia.

Dende a nosa biblioteca tentamos manternos ao voso carón e seguir ofertándovos os nosos servizos en circunstancias tan complexas como as que estamos a vivir.

Despois dos retos propostos con motivo do Día das Escritoras, hoxe puxemos en marcha as mochilas viaxeiras en todos os cursos. Este ano, debida á situación pola que estamos a pasar, reducimos a súa estadía nos vosos fogares a 5 días, en lugar de 7 habituais, pero esperamos que sigades gozando dos materiais ofertados e dunha experiencia tan fermosa como a que nos proporcionan o mundo dos libros e da lectura en familia.